Santa María, Nai de Deus
Un ano libre e en branco
(1 de xaneiro de 2020)
Cansados como estabamos ata as doce da noite
pasada co ano vello e cheo de días que levabamos ó lombo, agora
seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrecho ano que levamos
no colo e que se chama 2020.
Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que
pasa e que vai pasando connosco. Se non houbese anos que contar,
noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días,
resultaríanos menos doado dármonos conta do paso do tempo.
Moitos filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e
intentan saber en que consiste realmente o tempo. O malo é que nós
estamos tan identificados con el que nos resulta difícil velo, coma
quen di, fóra ou diante nosa, a una certa distancia, para podérmolo
contemplar así en si mesmo se é que tal cousa for posíbel.
Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos
no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se fixo, no
seu Fillo Xesús do Nadal, temporal, ou sexa, metido no tempo. De
maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa
divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de
temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales,
limitadas, mais tamén entendemos dalgunha maneira iso de sermos
eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle gustaría vivir
cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como se adoita dicir,
cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así
dicilo- que o tempo pasa por un?
Con isto o que quero dicir é que, ó rematar un
ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por nos
permitir asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo, podendo así un
ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. E tamén pedirlle
perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar
limpos de po e palla ata a fin do ano. Se o xusto peca sete veces,
cantas veces non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear
de xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós
que xa temos...
Á altura deste comezo do Aninovo é sempre bo
tamén botarlle unha ollada ás tarefas, proxectos ou angueiras que
se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos se están ou non
en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que a
todos nos conveña medrar máis no senso da nosa común fraternidade,
derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común
Pai Deus.
Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe,
tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que
Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito
podérmonos converter en fillos “adoptivos” de Deus; e que por
iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que
de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros”
das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dinos a
cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
A carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e
persistente loa da “liberdade”. É bo lembralo a comezos de ano.
Por moito que algúns pensen que os cristiáns estamos sometidos a un
Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns ben
valedoiras para considerármonos moi libres. Libres no noso
comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo
de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo,
senón fillo”.
Por iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da
Paz”. E está claro que non pode haber “paz” onde hai
asoballamento ou escravitude. Un cristián no debería endexamais
aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa
humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e
quérenos así.
Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A
liberdade cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen
libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles.
Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán
maior, Xesús, durante toda a súa vida e de maneira simbólica
lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a
liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fixo voluntariamente
escrava de asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas
(cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por
onde queira que van facéndose libremente escravos dos demais.
No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun
mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha
casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun
leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste
mundo despois del puidese dicir que Xesús non é seu irmán.
Deus quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso
celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María, “Nai de
Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen
contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha vez máis,
“non hai imposíbeis”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un
ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente
o “misterio” central da fe que profesamos.
Renovando coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo
coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E,
deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días
deste novo ano 2019, que desde hai só doce horas nos acompaña. E
moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso onomástico:
ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador,
María, etc. etc.! Que o Deus Señor do tempo e da eternidade nos
bendiga a todos!
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/santa-maria-nai-de-deus-a-lucas-216-21/
Comentarios
Publicar un comentario