FICHA E LECTIO - Bautismo do Señor A
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Mergullados nas augas divinas
(12 de
xaneiro de 2020)
Polo menos os máis
maiores de nós recibimos o bautismo cando eramos moi pequenos. Os
nosos pais ou padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as
augas do sacramento recibido, sen sermos conscientes do que alí
pasaba, transformáronnos oficialmente en cristiáns e uníronnos ó
corpo místico de Cristo, á súa Igrexa. Isto é, máis ou menos, o
que lemos ou temos escoitado sobre o que entón nos ocorreu. Trátase,
en calquera caso, dun rito. Mais o importante é o que se agacha no
rito. Se, andando o tempo, non asumimos persoalmente o que o rito
significaba, de pouco nos valeu o rito. Porque o bautismo debería
ser en realidade unha fonda transformación, un mergullarse nas augas
purificadoras de Deus, para deixármonos levar pola súa claridade, o
seu frescor, o seu poder vivificador.
En calquera caso, a Xesús non o bautizaron sendo neno. Ou se
queredes, si, recibiu un modo especial de bautismo sendo un neno. Ese
bautismo –poderiamos dicir- foi o de nacer pobre e entre pobres,
aínda que moi rico nun grande amor: o que seus pais, Xosé e María,
lle deron. A natureza, as persoas marxinadas, plantas e animais
convertéronse na súa primeira auga bautismal, purificadora e
vivificadora. Desde entón, sentiuse Xesús para sempre identificado
cos pobres e necesitados. O seu Pai Deus aprendeulle así, desde o
máis fondo, que eles eran tamén e de maneira especial irmáns del,
de Xesús, e polo tanto irmáns tamén nosos.
Este que poderiamos chamar, como digo, primeiro bautismo de Xesús
recibiu moito máis tarde a súa forma ritual ó ser bautizado polo
Bautista, palabra que quere dicir o que somerxe, o “mergullador”.
Pois o bautismo era daquela practicado por “inmersión” na auga.
Claro que o humilde Bautista non quería realizar ese rito con Xesús,
porque –como ben pensaba- era máis ben o propio Xoán Bautista
quen se debería deixar bautizar por el.
Como vedes, o bautismo do Señor foi moi distinto do noso infantil
bautismo. Se nós eramos entón infantes inconscientes, Xesús era xa
un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. No seu caso foi,
pois, un acto moi consciente e persoal. Xesús sentiríase atraído,
como tamén outros compañeiros ou coñecidos seus, pola figura, o
comportamento e as palabras do Bautista que chamaba á conversión e
a se preocupar por facer o ben desde o seu propio e persoal testemuño
de vida. Moito do atractivo do Bautista consistía en que aquilo que
el predicaba ou proclamaba estábao a levar á práctica na súa
propia vida. Pois el era unha persoa consecuente coa experiencia que
sentía de Deus no seu interior, por limitada que fose esa
experiencia, a de Xoán Bautista, se a comparamos coa de Xesús.
Pola súa parte, Xesús percibía en si mesmo
unha moi fonda e misteriosa experiencia de se sentir querido por
Deus, por un Deus que se lle manifestaba a el como o seu paiciño
querido. Xesús falaba con absoluta confianza co seu Pai Deus, que o
quería a el infinitamente. Mateo dinos que, tras ser bautizado, “se
oíu desde o ceo unha voz que dicía: Este é o meu fillo benquerido,
o predilecto”.
Non deixa de ser curioso e sorprendente. Xesús
déixase bautizar por Xoán. Mais o que se produce en Xesús tras
este bautismo é algo moi diferente do que ocorría co bautismo de
Xoán. Os entendidos dinnos que Xoán Bautista centraba toda a súa
predicación e a súa práctica relixiosa no pecado, convidando e
intimando os pecadores á conversión, mais, a diferenza de Xesús,
Xoán non tiña xestos de compaixón, de misericordia ou de bondade
coa xente. Xoán Bautista non se preocupaba dos enfermos, dos nenos,
dos leprosos, dos marxinados ou marxinadas. Habitaba no deserto.
Xesús, en cambio, percorrerá toda Galilea, achegándose ós lugares
onde estaba a xente, curando, consolando, facendo ben a todos.
Aparentemente, Xesús era un máis dos que se
achegaban ó Bautista para se deixar interpelar por el. Neste
sentido, podemos dicir que Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus
coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua,
ós seus costumes. Mais no seu interior ardía tamén un lume divino
e espiritual que el quería que servise para dar luz e calor a todos.
Era o lume interior que procedía de se sentir Fillo “benquerido”
de Deus e irmán de todos.
Esta intimidade de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade foi a
que fixo que o seu achegamento ó Bautista non fose máis có comezo
da súa propia misión “evanxelizadora”, é dicir, anunciadora de
boas ou alegres noticias. Aquilo que o papa Francisco concentrou na
súa primeira encíclica, que leva como título “A alegría do
Evanxeo”. Xesús cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun
rito relixioso, pero non para ficar fixado nel, petrificado coma quen
di, inmóbil e satisfeito co rito cumprido. Non. Xesús, a través
deste acto penitencial vaise converter nunha persoa definitivamente
libre para se deixar levar, polo Espírito e polo Pai, onde queiran
levalo durante o resto da súa complicada vida.
En certo modo, no bautismo de Xesús ten o
Bautista unha función moi secundaria. O protagonista da interna
transformación operada en Xesús é Deus mesmo, o Deus Pai de Xesús
e o seu Espírito, que se pousa sobre a cabeza de Xesús, como nos di
Mateo, coma unha pomba. Por iso, Xesús non se converte, á maneira
do seu bautizador Xoán, nun ardente fustrigador do pecado, senón,
polo contrario, nun anunciador da alegría do evanxeo. Todo isto
grazas a que nel, en Xesús, habitan felices e contentos o Deus Pai,
que o “quere ben”, e o Deus Espírito amoroso.
Mais é aquí onde cómpre engadir e lembrar
aínda algo moi importante. Tamén nós, os que fomos bautizados de
nenos, fomos de feito bautizados, tal e como se di na fórmula ritual
do bautismo, “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”.
Agora ben, alí onde están o Pai, o Fillo e o Espírito alí está o
Deus Pai de todos, que nos converte por medio do seu Espírito en
fillos seus e irmáns de Xesús e de tódolos seres humanos.
A festividade do Bautismo de Xesús é así un
convite formal a todos a profundarmos no acontecemento do noso propio
bautismo.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario