FICHA E LECTIO: Domingo 2 de Nadal A


+ Recursos Catequese de Galicia:




LECTIO:

Palabra eterna e humana
(5. I. 2020)

Mañá é día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa de Reis a pouco de comezar o novo ano. Hai tamén só catro días que celebramos a festividade de “Santa María Nai de Deus” co que comezou tamén unha vez máis este ano novo 2020. Por todo isto procurarei hoxe ser algo máis breve do normal, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que sexa de cousas tan marabillosas como as que celebramos, senón o moito darlle voltas no noso interior, no noso corazón, ás grandezas que Deus fixo e segue a facer connosco.

Temos que lle abrir a Deus Pai as portas do noso interior para que El nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, a toda a humanidade.

Por medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus, a semellanza do fillo benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón sobre todo viva e práctica. Nestas festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o plan de Deus Pai connosco.
Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura de hoxe. En Xesús, coméntanos el, estamos todos “benditos”. Pois foi nel e “por medio” del, de Xesús, como Deus Pai nos “escolleu” e “predestinou” a todos nós, “antes da creación do mundo”, para “sermos fillos adoptivos seus”. Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo, se non nos fose revelado por medio de Xesús. Un Xesús que coñece o seu Pai Deus como fillo “benquerido” que se relaciona con el de maneira infinitamente familiar e única.

Xa que este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e nos resulta polo tanto totalmente imposible poder entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. Un neno, un coma nós, si que os podemos entender en certa medida, porque participan da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó tempo, esta mesma Palabra, divina coma o Pai que a pronuncia, que a dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e, por estraño que vos poida parecer, tan doado tamén de entender o que se nos di neste, tan famoso, comezo do evanxeo de Xoán, que acabamos de proclamar e escoitar.

Xesús é a “palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a súa palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande -e non pode haber ninguén meirande ca Deus- lle dirixe a un a palabra, queda un ipso facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un nada, un ninguén, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en “fillos de Deus”. Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos que “nacemos” así da “vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito divino, recibimos –continúa a proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de Deus”. Si, si. Non desvaloricemos esta grande mensaxe cristiá: “fillos de Deus”, non de idéntica maneira a como Xesús é fillo de Deus, mais porén verdadeiros e auténticos fillos.

Por iso, esa gran mensaxe de Xesús como “Palabra” de Deus a nós que nos converte en fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme, inconcibíbel, capacidade vivificadora e iluminadora. Nesa palabra -dísenos no evanxeo de hoxe- está a “vida”. Xesús diranos: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. Unha vida que, ó mesmo tempo, é “luz dos homes”, luz contra a que as tebras nada poden facer. “A Palabra –dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma todo home que vén a este mundo”. “Eu son –diranos Xesús- a LUZ do mundo”. Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán ese novo sol que dá vida e claridade fronte a calquera clase de morte e escuridade.

Por todo isto, Xesús como “palabra” non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. “A Palabra fíxose carne”, dísenos no evanxeo de Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber como é Deus. Este é o resumo ou a conclusión da reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou”.

Deámoslle, pois, grazas a Deus por ter querido mostrársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós -como nos di tamén Xoán- “cheo de graza e de verdade”.

Manuel Cabada Castro





VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-domingo-de-nadal-a-xoan-11-18/

Comentarios

Publicacións populares