FICHA E LECTIO - Domingo 3 de Ordinario A
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
Evanxeo + Misa nenos + Homilía nenos
Participacións nenos + Cartel
Evanxeo + Misa nenos + Homilía nenos
Participacións nenos + Cartel
LECTIO:
Alumar
e quentar
(26. I. 2020)
As
lecturas deste domingo fálannos sobre todo de Xesús Cristo como “luz” e como
“centro” do seu reino, é dicir, dos que nos chamamos cristiáns e mais de
tódalas persoas de boa vontade; en definitiva, de cantos no seu interior e no
seu comportamento intentan ser fieis á súa conciencia. Xesús mesmo proclamárao
xa nalgún momento, tal como se nos conta no Evanxeo de Xoán (8, 12) ó dicir de
si mesmo: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón
que terá a luz da vida”.
O
profeta Isaías anunciara tamén dalgunha maneira esta luz, tal como se nos amosa
na 1ª Lectura, cando falaba el de que “o pobo, que camiñaba na escuridade, viu
unha gran luz”. No Salmo responsorial, despois da lectura de Isaías, así o
acabamos de proclamar pola nosa parte ó dicirmos: “O Señor é a miña luz e
salvación”. Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a
Xesús como “luz”: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven
en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc
2, 32), etc.
Se
Xesús é luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen
luz andamos desnortados e non sabemos cara a onde camiñamos. Por iso de noite
quedámonos normalmente na casa ata que volva raiar o sol pola mañá, a non ser
que fagamos uso de algo que semella un chisco o sol, como a luz eléctrica ou
unha boa lanterna. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña
pequena localidade natal, lémbrome ben do que ocorría cando era de noite. Se
algún veciño da aldea nos visitaba entre lusco e fusco e se marchaba entrada xa
a noite despois de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, comportábase
el así: collía unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa alternativamente
dun lado para outro. A acha ardente facía as veces de pequeno sol pola noite.
Dese modo non tropezaba no camiño ata chegar á súa casa e meter no lume da
lareira a acha que lle servira de axuda na escuridade.
Ben
sabemos da importancia que ten o sol como fonte de luz, de calor e de vida para
todo canto existe na terra. Os faros do mar (ese pequenos soles nocturnos) para
iso están: para orientar os mareantes e advertilos da presenza de calquera
perigo para as embarcacións. Agora ben, ser luz é ser tamén centro de atracción
e de conxunción. Como as bolboretas se amorean de noite arredor da luz, así deberiamos
sentir Xesús como foco de atracción e centro das nosas vidas. Por iso non lle
gustaba a Paulo, na súa carta ós Corintios, que aqueles que recibiran a gran
nova de Xesús deixasen logo de considerar Xesús como o seu verdadeiro e único
centro ó diciren uns e outros: “Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas,
etc.”.
Un
cristián, é dicir, un seguidor e amigo de Cristo, terá que ser sempre, máis alá
das comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de unidade, de amor e
de paz entre cantos somos irmáns seus. Porque Cristo, tal como nos di Paulo,
tampouco “está dividido”. El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co
Pai, na forza e no poder do Espírito Santo, formando así entre todos un mesmo
corpo, como tantas veces repite Paulo. Por iso lles pide Paulo ós de Corinto
que “se axeiten todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento”.
A
luz atrae, crea unidade e amizade. Así deberon percibir Xesús aqueles catro
pescadores da ribeira do mar de Galilea (entre eles o noso Santiago), cando
decidiron seguir Xesús, que os chamaba e convidaba a seren “pescadores de
homes”, deixando barca, redes e pai. A pesar de que iso de ser pescador, de mar
ou de río, é cousa que para quen practica ese oficio vén sendo case como unha
verdadeira vocación. O famoso Frei Martiño Sarmiento, que no século XVIII foi
un gran defensor da cultura e da lingua galega desde a súa cela do mosteiro de
Madrid, dicía nunha das súas cartas: “Vivindo en Asturias no ano 1721
ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me
crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese
exercicio o pouco tempo que me dediquei a el”.
Coido
que na tarefa de pescar se fai exercicio de esperanza, de paciencia e de
ilusión. Iso non deixa de ser fermoso e atractivo. De tódalas maneiras, os
novos apóstolos (Pedro, Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar agora,
unha vez convertidos en “pescadores de homes”, as mesmas virtudes que dalgún
modo xa antes practicaran.
Agora
ben, o importante aquí é decatármonos de que é sempre Xesús quen chama e atrae.
Coma o sol. Xesús é, en canto luz, o que ilumina e abre así o camiño para a
nova vida daqueles pescadores que agora van ser reciclados en apóstolos da Boa
Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre novas realidades ós que son
iluminados por ela. A luz, é dicir, Xesús é quen leva sempre a iniciativa, quen
convida e dá azos.
Todos
nós (e non só os apóstolos) estamos chamados, convidados, ó seguimento de
Xesús, é dicir, a anunciarmos a boa nova do amor de Deus a tódolos seus fillos,
irmáns nosos, e a traballarmos para que a irmandade entre as persoas non sexa
só unha fermosa idea, unha fermosa utopía, senón realidade e vida concreta onde
queira que esteamos.
Deste
xeito poderemos ser tamén luz nun mundo, o de hoxe, que precisa de persoas que
saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu Fillo
Xesús. É o que o papa Francisco nos vén dicir na súa Exhortación “A alegría do
evanxeo” con frases coma estas: “Con Xesucristo sempre nace e renace a
alegría”. “Un evanxelizador non debería ter permanentemente cara de funeral” e
outras frases semellantes. É a mesma alegría da que xa falaba Isaías na
primeira Lectura: “Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura, o mesmo que saltarán
de xúbilo ó repartiren o botín”.
Sería
bo, pois, que seguísemos o consello de Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9):
“Antes erades tebras, mais agora sodes luz no Señor. Así que andade como fillos
da luz (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade)”.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario