FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 4 DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Sermos felices aquí e no alén
(29. I. 23)
Como limiar ou preparación
para a grande ensinanza de Xesús sobre as oito benaventuranzas -ou mellor sería
dicir, sobre as “oito felicidades”- velaquí un par de textos: “Buscade o Señor
–dinos o profeta Sofonías- tódolos pobres do país..., buscade a xustiza, buscade
a humildade”. E Paulo vai nesta mesma liña cando describe así os cristiáns de
Corinto deste xeito: “Entre vós non
hai moitos sabios, poderosos ou nobres... Ó contrario, o que hai de parvo no
mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os poderosos; o plebeo e mailo
desprezado, o que non é, iso foi escoller Deus para anular ó que é”.
Paulo intentara xa antes
anunciarlles a Boa Nova, a “feliz” noticia do Evanxeo, ós “sabios” de Atenas. Mais
estes, moi satisfeitos de si mesmos e do seu saber e poder, a pouco de empezaren
a escoitalo, e sobre todo ó lle oír falar da resurrección dos mortos,
despedírono en ton burlón dicíndolle (tal como se nos conta nos “Feitos dos Apóstolos”:
17, 32): “Ben, home, ben. Diso xa te escoitaremos noutra ocasión”. Dalgunha maneira
se pode dicir que foron os “sabios” atenienses os que lle aprenderon a Paulo
que os que se senten cheos de si mesmos non poden xa ter sitio en si para a boa
ou “feliz” nova do Xesús das “oito felicidades”.
Si. Non pensemos que Xesús,
ese gran misterio de Deus que se agacha no Xesús de Nazaret, quere ou busca a
nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose así, hai tempo que tería
desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois foi Deus mesmo quen nos
creou, quen nos fixo, precisamente con desexos infindos de felicidade. Só Deus
pode darnos tales desexos e só el pode tamén satisfacelos totalmente. O que
pasa é que os camiños que nos levan á felicidade, a unha felicidade fonda e
perdurábel, non son os que á primeira vista o parecen ou os que certa propaganda
ou determinados intereses políticos ou comerciais nos propoñen.
Os occidentais, quero dicir,
os países tecnoloxicamente máis avanzados, pensamos con frecuencia que a felicidade
das xentes dun país está directamente relacionada co seu PIB, co seu “Produto
Interior Bruto”. Nisto, como tamén seguramente noutras cousas, estamos
equivocados. Xa no ano 1972 o rei de Bután (un pequeno país montañoso entre a
India e China) propuxera que o benestar dun país habería que medilo non polo PIB
senón polo FIB, é dicir, pola “Felicidade Interior Bruta”. Este FIB apoiaríase
sobre catro piares: promoción dun desenvolvemento sostible e igualitario;
preservación e promoción dos valores culturais propios; conservación de medio
ambiente e, finalmente, estabelecemento dun bo goberno no país. Posibelmente, o
rei de Bután levaba razón coa súa proposta. Sabemos, por exemplo, concretamente
que algúns dos países máis ricos do mundo, como Suecia, Noruega ou Finlandia, teñen
as cotas máis altas de suicidios do mundo. Como adoitamos dicir, máis vale ser
que ter. Ou, como escribía o filósofo francés Roger Garaudy, “no sur mórrese
por falta de medios, mentres que no norte por falta de fins”.
Por iso non debería
considerarse absurdo ou pura e simple utopía, aínda que puidera ser xulgado
“politicamente incorrecto”, o camiño, proclamado por Xesús.
É verdade que de tantas veces
oídas, as oito “felicidades” ou benaventuranzas do chamado “Sermón do monte”,
poden xa esvararnos nos oídos ou soarnos –como adoitamos dicir- a música
celestial. Pois ben, fálasenos nel das oito “felicidades” como algo que procede
tamén da súa propia experiencia como ser humano entre os seres humanos cos que
convivía. As oito felicidades veñen ser así en realidade un espello que
reflicte a persoa e o modo de se comportar o propio Xesús e de quen queira
seguilo. El é, efectivamente, “pobre no espírito” (é dicir, pobre de verdade e
por propia querenza e decisión), “chora” (lembremos a escena previa á
resurrección do seu amigo Lázaro), é “sufrido”, é “famento e sedento de xustiza”,
é “misericordioso”, é “de corazón limpo”, “traballa pola paz”, é, finalmente,
“perseguido por causa da xustiza”. Foi xustamente esta última “felicidade”, a
de ser “perseguido por causa da xustiza”, o que o levou á cruz e, seguidamente,
á felicidade da resurrección.
Si, as “oito felicidades”
proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba no cumio dun monte,
veñen ser como o abrente ou a alborada dun novo sol (lembrade o que comentabamos
no último domingo sobre Xesús como “luz do mundo”) que espalla os seus raios de
luz sobre o val e a terra para facer xurdir un novo día, unha nova época. Un
novo “Reino dos Ceos” (como nos di o apóstolo Mateo) que se fará realidade se
todos colaboramos á súa chegada, sendo -coma o Mestre- pobres no espírito, sufridos,
famentos e sedentos de xustiza, misericordiosos, de corazón limpo,
traballadores pola paz e perseguidos por causa da xustiza.
Non nos deixemos levar pola
incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa realidade dos acontecementos
que ocorren ó noso arredor ou polo mundo adiante. Xesús chama ditosos, felices,
cantos proceden así, é dicir, os que están atentos e decididos á levaren á
práctica esta súa ensinanza das “oito felicidades”. Felicidade que empeza xa
neste mundo, mais que só chegará á súa plenitude no vindeiro trala resurrección
na que cremos e esperamos.
Porque a palabra de Xesús
garante ós que viven e practican estes xeitos de se comportar que “serán
consolados”, que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos” ou que se encherán de
plenitude, que “serán tratados con misericordia”, que “serán chamados fillos de
Deus”, que “verán a Deus”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-tempo-ordinario-a-mateu-51-12/
Comentarios
Publicar un comentario