FICHA E LECTIO: DOMINGO 6 PASCUA C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
O Deus connosco, en calquera lugar
(22 maio 2022)
A
Igrexa tivo que pasar por non poucas dificultades internas (non só persecucións
exteriores) no seu nacemento e desenvolvemento. A mensaxe de Xesús era tan nova
e liberadora que aínda agora, moitos séculos despois, non nos resulta doado
comprender ben a súa mensaxe e sobre todo levala de maneira consecuente á
práctica.
A
primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos é unha pequena mostra das
dificultades e resistencias que existían. Non era doado liberarse de costumes e
prácticas, ritos concretos, prescricións e demais normas herdadas do Antigo Testamento
para se entregar con alegría e agradecemento á sinxela aceptación da “boa
nova”, da “alegre nova”. “Nova” no seu dobre sentido, de noticia ata agora
descoñecida e tamén no de algo que non ten que ver coas cousas “vellas”.
Na
“boa nova” o que prima é practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se
derivan da mensaxe de Xesús de sermos irmáns del e fillos do mesmo Pai Deus. A
nosa salvación vén ser así un don gratuíto de Deus, que non se acada co simple
practicar ritos baleiros. Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas,
a Igrexa tivo que chegar inicialmente a certos compromisos concretos (entre os cristiáns
de orixe pagá e os de orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido
fundamental da mensaxe de Xesús. É o que dá a entender aquela decisión que se
adoptou e da que se nos di, non sen nela se reflectir un novo aire ou estilo de
proximidade ou amizade entre Deus e a humanidade: “Decidimos, o Espírito Santo
e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas”. E enuméranse a continuación
esas cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito en si mesmo non deixa
de ser curioso: acostumados como estaban os cristiáns de orixe xudía a aturar cargas
e ritos relixiosos, case semella que os seus lombos non se sentían a gusto sen
soportar algo da antiga carga.
En
calquera caso, o conxunto das lecturas de hoxe quérennos deixar claro que o
específico do cristianismo vai por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon
no evanxeo en boca de Xesús pertencen tamén, coma no domingo pasado, ó discurso
(se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase en todo el un aire
de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen verdadeiramente
o que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de imposicións
alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus faise en
Xesús un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente dos apóstolos e
discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito Santo. Todo é
unha fonda relación de mutua amizade. Todo é horizontalidade e proximidade.
“Non vos angustiedes, nin teñades medo”. Porque a “paz” é o don que Xesús nos
dá: “Déixovos a paz. Douvos a miña paz”. Esa mesma paz de Xesús á que o que
preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de dármonos mutuamente a
paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos ese xesto de dármonos a paz,
non nos damos mutuamente a “nosa” paz particular, senón a de Xesús, a que El
nos deu e nos está a dar sempre para ofrecérmola pola nosa parte ós demais.
Deste
xeito os cristiáns podemos gozar da alegría e felicidade de termos sempre a
Deus en casa. Se nos temos achegado aquí, ó interior desta igrexa, é
precisamente para renovármonos e fortalecérmonos mutuamente entre todos nesta
fe nun Deus que se fixo amigo e familiar noso onde queira que nas nosas vidas
nos atopemos.
Resulta
sorprendente este case incríbel termos nós a Deus en casa, tal como aquí nos
pon Xoán en boca de Xesús neste seu memorábel discurso: “Se alguén me ama,
gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con
el”. É dicir, Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De
maneira que o templo ou os templos de Deus somos, desde a aparición onda nós de
Xesús, nós mesmos, edificios feitos de ósos e membros humanos, non de pedra,
cemento ou ladrillo. Para dicilo dalgunha maneira, Deus, o Deus trinitario
(Pai, Fillo e Espírito) ten o seu domicilio, a súa residencia, no interior de
calquera persoa -home, muller, neno ou nena, etc.- que o queren ou aman en
calquera lugar do mundo. Dunha maneira moito máis fonda e real que cando calquera
de nós dicimos que vivimos en tal ou cal edificio ou andar”. Cómpre que de cando
en vez reflexionemos nestas cousas, pois son realmente moi consoladoras e
dadoras de paz, eficaz medicina contra medos ou angustias.
Isto
que comento atopa ademais un complemento esclarecedor no texto da Apocalipse da
Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial, asemellada, na linguaxe
simbólica que neste libro se utiliza, a unha gran cidade. Mais o que a Xoán
curiosamente lle chama a atención nesta cidade é o seguinte: “Nela non vin –di
el- santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén,
e mailo Año”. Algún comentarista deste relato da Apocalipse dinos con algo de
graza que a nós non nos estrañaría que se nos dixese que nesa celestial cidade
non hai “bancos ou supermercados” mais resulta que se nos di que ¡”non hai
templos”!
En
fin, temos, pois, que tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo
ou santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús (o aquí chamado Año
da Apocalipse) a non ser nós mesmos, ascendidos como estamos á dignidade de
irmáns de Xesús e de fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus desborda
calquera templo no que o queiramos apreixar. De maneira que nel, no noso Deus,
estamos todos e cada un dos que verdadeiramente o amamos, ou, se preferimos,
está El “facendo vida” no interior de todos e cada un de cantos o amamos e
queremos.
O
gran pai da Igrexa, Santo Agostiño de Hipona, utilizaba nos seus escritos tanto
unha coma outra maneira de considerarmos a relación de Deus connosco ou a nosa relación
con el. Para el Deus era “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade” e ó
tempo absolutamente “superior” a calquera suposta grandeza nosa. Deus está,
pois, en todo, e todo está en Deus. Se aprendésemos a ver a Deus deste xeito,
comprenderiamos tamén mellor o fundador da Compañía de Xesús, o noso Santo
Ignacio de Loiola, cando nos animaba, tal como se expresaba el, a “ver a Deus
en tódalas cousas”.
Se
así o fixésemos, empezaría tamén a terra a emitir ecos ou recendos divinos,
aqueles que Xoán nos describe ó nos falar da Xerusalén celestial.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario