4º DOMINGO DE PASCUA -CICLO C
Primeira Lectura Feit 13, 14. 43-52
Velaquí, volvémonos aos xentís
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, Paulo e mais Bernabé chegaron a Perxe, e seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse.
Moitos xudeus e prosélitos practicantes foron con Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
‑Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara aos pagáns; pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.
Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 99, 2. 3. 5
R/. (3c): Nós somos o seu pobo, ovellas do seu rabaño.
Ou: Aleluia.
Aclama ao Señor, terra enteira,
servide o Señor con alegría,
entrade á súa presenza con gritos de xúbilo.
Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que somos del,
que somos o seu pobo,
as ovellas do seu rabaño.
Porque o Señor é agarimoso,
a súa misericordia dura por sempre,
a súa fidelidade, de xeración en xeración.
Segunda Lectura Ap 7, 9. 14b-17
O Año será o seu pastor e levaraos ás fontes de auga
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.
E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.
Evanxeo Xn 10, 27-30
Eu doulles a vida eterna ás miñas ovellas
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man.
Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e mais eu somos un.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario