FICHA E LECTIO: DOMINGO 5 DE PASCUA C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
O amor única norma
(15 maio 22)
Curto
é o texto do evanxeo de Xoán, tal como ocorría no anterior domingo. Breve en
palabras, pero moi denso e amplo na súa transcendencia, porque apunta a algo
decididamente central na mensaxe do evanxeo: o amor.
Xesús atópase en momentos de íntima
confidencia cos seus discípulos cando lle quedan poucas horas de vida e de
conversa con eles. Momentos dramáticos tamén porque algún dos seus decidira xa
no seu corazón entregalo ás autoridades relixiosas e políticas para que acabasen
con el. É en momentos coma estes cando se comunican e transmiten as
recomendacións máis esenciais. Os que permanecen vivos, os herdeiros coma quen
di, non poderán esquecelas.
A
derradeira e, polo tanto, a máis importante recomendación de Xesús é moi
emotiva e tan doada de entender como difícil de levar á práctica. Acabámola de
escoitar: “Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento
novo: amádevos uns a outros. Como eu vos amei, amádevos tamén entre vós”.
Sen
dúbida, trátase dunha verdadeira síntese de todo o evanxeo: da ensinanza e da
práctica continua de Xesús ata este intre e nas próximas e poucas horas que lle
restan de vida. No fondo, el non ensinou nin practicou outra cousa máis ca iso:
o amor, a entrega sen reserva ós demais ata dar el mesmo a súa vida por todos.
Trátase
en realidade dun mandamento novo? Nalgunha outra ocasión aludín a unha das
normas ou mandados do Antigo Testamento, concretamente do libro do Levítico.
Entre esas normas que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en relación co
modo de se comportaren as persoas que Moisés ten ó seu cargo, aparece esta:
“Non terás odio no corazón ó teu irmán [...] Non te vingarás nin lles terás
xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo” (Lev 19, 18).
De feito, Xesús recorre moitas veces a este mandado (“Amarás o teu próximo coma
a ti mesmo”) sobre todo nas súas discusións cos doutos do xudaísmo. A xente entendía
bastante ben que se Deus é bo con todos, non podemos pola nosa parte ser malos
uns cos outros. No Antigo Testamento
tíñase, pois, conciencia da bondade e da paternidade de Deus en relación co seu
pobo. Era lóxico, pois, que o senso de mutua fraternidade entre todos se fose
asentando cada vez máis.
Pero
Xesús quere ir máis alá destes bos sentimentos do Antigo Testamento. Sabemos que
á pregunta que lle fai un letrado sobre o “primeiro” mandamento da lei lle
responderá utilizando as mesmas palabras do libro do Deuteronomio (6, 4-5): “O
primeiro é: Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o
Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa
mente e con toda a túa forza”. Con isto a pregunta quedaba perfectamente
respondida. Mais Xesús vai engadir a isto (sen que o letrado llo preguntara)
algo decisivo ó colocar dalgunha maneira o chamado segundo mandamento ó mesmo
nivel có primeiro. Velaquí o que el engade: “O segundo é este: Amarás o teu
próximo como a ti mesmo. Non hai mandamento máis importante ca estes”.
Tiña
boas razóns para engadir iso, porque no Antigo Testamento estes dous
mandamentos estaban en certo modo pouco relacionados entre si. Do primeiro
falábase no Deuteronomio e do segundo no Levítico (19, 18), mesturado este
último ademais con outras diversas normas. O que el fai coa súa resposta ó letrado
é darlle ó segundo mandamento, é dicir, ó amor ó próximo unha dignidade en
certo modo divina. De modo que amar o próximo vén sendo para Xesús practicamente
o mesmo que amar a Deus.
Agora
ben, o que el fai agora, nestes derradeiros momentos de intimidade cos seus
discípulos, é subir aínda máis o listón da importancia e da esixencia do amor ó
próximo. Por iso poderá indicar con toda razón que o seu mandamento do amor ó
próximo é verdadeiramente “novo”. Por que? A razón e ben sinxela. A medida do
amor ó próximo no Antigo Testamento era “un mesmo”: “Amarás o teu próximo como
a ti mesmo”. A medida do amor que el anuncia agora é moito máis esixente e, xa
que logo, decididamente “nova”: Amarás o teu próximo “como eu vos amei”. E como amou Xesús? Ben o sabemos, polo menos
teoricamente. Amou os demais máis que a si mesmo. Amou totalmente, entregando a
súa vida, é dicir, entregándose a si mesmo, pola salvación e liberación de
todos. A medida do seu amor non é polo tanto el mesmo (“como a ti mesmo”), porque
se esa fose a medida do seu amor, non poría en xogo a súa vida e non a daría
polos demais.
Esta
actitude ten unha certa semellanza coa desas boas e xenerosas persoas que se
lanzan de súpeto a un mar embravecido para libraren da morte a unha persoa en
perigo de afogarse. E iso practicándoo non unha ou dúas veces e case sen
pensar, senón ó longo de toda unha vida e de maneira consciente e consecuente
ata a propia morte.
Esta
é, pois, a medida á que estamos convidados e que fará que xurdan ese “ceo” e “terra” tamén “novos” dos que se nos fala hoxe no
libro da Apocalipse da 2ª Lectura.
Hai
ademais unha importante advertencia. Só se procedemos así, seremos considerados
verdadeiros discípulos de Xesús. Ese ha ser, pois, o noso sinal distintivo,
para así termos capacidade de atraer outras persoas ó camiño de Xesús. “Nisto
coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”. Os
cristiáns non podemos, en consecuencia, contentármonos con dicir simplemente
que o somos, é dicir, que somos cristiáns. Pois se o amor non se converte en motor
das nosas vidas e da nosa relación con todos non o seremos de verdade.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-pascua-c-xoan-1331-33a-34-35-2/
Comentarios
Publicar un comentario