Manifiesto ante o Primeiro de Maio 2022
Sen compromiso non hai traballo decente
https://www.iglesiaporeltrabajodecente.org/
Este 1º de Maio, Día Internacional do Traballo, as organizacións promotoras da iniciativa Igrexa por un Traballo Decente ( ITD) unimos as nosas voces na celebración do traballo e san Xosé Obreiro, para reafirmar que sen compromiso non hai traballo decente. Un compromiso que desde Nacións Unidas e os países que a forman adquirimos en 2015 coa Axenda 2030 e os obxectivos do Desenvolvemento Sostible; o obxectivo 8 aborda o compromiso para que o traballo sexa decente. Para conseguilo, é necesario o compromiso de homes e mulleres para continuar abordando os problemas relacionados co emprego.
Atopámonos nun momento en que está a baixar a taxa de desemprego --aínda que segue sendo moi elevada--, pero á súa vez produciuse un aumento da inactividade. Ademais, a pesar das cifras positivas, seguimos tendo un mercado de traballo caracterizado pola inestabilidade e inseguridade, que continúan mesmo en tempos de crecemento económico, intensificando a precariedade e as posibilidades de estar en situación de desemprego. Así, a pesar de que se está xerando emprego, as condicións laborais seguen sen ser dignas, o que fai que moitas persoas, malia a ter un traballo non conseguen saír da pobreza. Ademais, continúa tendo un gran peso o desemprego xuvenil; máis dun millón de fogares ten a todos os seus membros activos en situación de desemprego e a desprotección fronte ao mesmo é moi alta. Estas situacións de exclusión intensifícanse entre as persoas de orixe estranxeira, sobre todo cando se atopan en situación administrativa irregular, non tendo posibilidade de acceso ao mercado laboral regular nin ao sistema de protección.
Ante esta situación, sen compromiso non hai transformación posible. E neste senso, temos exemplos de traballadoras protagonistas que coa súa dedicación, diálogo, esforzo e organización loitaron contra a precariedade laboral. Un compromiso ligado á solidariedade, ao ben común, o colectivo e a xustiza social. Como as traballadoras da limpeza do Museo Guggenheim en Bilbao, que tras 285 días de folga, conseguiron recentemente unha subida salarial do 20%, a desaparición dos contratos parciais e a redución da brecha salarial.
Carme, traballadora da limpeza do museo: “Estes 9 meses foron moi duros pero mereceron a pena, serviron para gañar en dignidade. Foi unha loita moi bonita, un exemplo de traballo colectivo”. A folga do metal en Cádiz, tras 9 días, conseguiron un novo convenio para o sector, que segue en diálogo; a día de hoxe conseguiron, a través da organización colectiva, unha subida salarial do 2%, renovación e repartición do emprego; unha comisión para impulsar plans de igualdade nas empresas, o dereito a un permiso retribuído de formación profesional para traballadoras, con polo menos 1 ano de antigüidade.
A crise visibilizou a necesidade dun cambio no sistema produtivo, que fose capaz de crear empregos que acheguen valor e con condicións laborais dignas, pero a xeración de emprego non está a avanzar neste senso e, de novo, asistimos a un sistema que prioriza o beneficio económico e “descarta” as persoas, principalmente mulleres, novas e emigrantes. Por iso, no noso compromiso como Igrexa polo Traballo Decente, neste Primeiro de Maio, defendemos a dignidade do traballo e o traballo decente como unha prioridade humana e, por iso, unha prioridade cristiá e un compromiso de toda a Igrexa.
Así, reivindicamos:
- A igualdade salarial entre mulleres e homes, así como políticas sociais e de xénero que permitan ás mulleres o acceso ás mesmas oportunidades laborais que os homes, garantindo a conciliación da vida persoal e laboral.
- Creación de emprego xuvenil de calidade: para que a mocidade desempregada e/ou en situación precaria teña acceso a un traballo digno; relacionado cos seus estudos e/ou vocación. Xerando emprego de calidade e a xestión de medidas necesarias para diminuír o desemprego xuvenil, a emigración da mocidade e a temporalidade.
A promoción dunha contorna de traballo seguro: coa posta en marcha de políticas activas e o financiamento de proxectos preventivos que doten aos traballadores e traballadoras, así como á propia contorna de traballo.
- Que as persoas empregadas de fogar teñan acceso aos mesmos dereitos que o resto de traballadores e traballadoras, recoñecéndose definitivamente o seu dereito á prestación por desemprego.
- A regularización urxente das persoas emigrantes en situación administrativa irregular, para que poidan ter acceso aos seus dereitos de cidadanía.
- O acceso a medidas de protección social para aquelas persoas que non poidan contar cun emprego.
- Reclamamos, xunto ao Papa Francisco, o traballo “especialmente traballo decente e non de calquera modo”, como garantía para a inclusión, o desenvolvemento e a dignidade das persoas. Animamos a que neste 1º de Maio nos unamos, como comunidade cristiá, no compromiso pola defensa do traballo decente, participando nos actos reivindicativos e celebrativos que se realicen nas dioceses; apoiando a súa visualización e difusión; contribuíndo así a que a nosa mensaxe poida chegar con forza na esperanza de que o traballo decente poida ser unha realidade para todas as persoas.
Comentarios
Publicar un comentario