FICHA E LECTIO: DOMINGO 3 DE PASCUA C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
O
amor como luz e vida
(1 de maio 2022)
O
relato de Xoán deste domingo (centrado na tarefa da pesca no lago de
Tiberíades) non debería ser considerado coma un relato estritamente histórico ou
case fotográfico do ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó nos falaren da
pesca milagrosa, colocan a escena antes da morte de Xesús, mentres que Xoán a
sitúa despois da súa resurrección. Unha vez máis, o que a Xoán lle interesa é
profundar na continuidade real, máis alá da crucifixión, entre o Xesús co que
conviviran durante a súa vida e o Xesús resucitado que os seus discípulos
senten e experimentan como vivo de moi diversas maneiras.
É
un relato moi fermoso e emotivo. Isto último polo que se refire ás preguntas
que lle fará Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus
primeiros discípulos. Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é
a escena que se nos refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna no lago.
Estaban cansados, frustrados e faltos de humor cando empeza a romper o día e na
barca non había un rabo de peixe. Porque cómpre ter en conta que a pesca non
era para eles, como o pode ser hoxe en día para moitos afeccionados a ela, un
deporte ou unha evasión. Para eles era o seu traballo, a súa humilde profesión,
temporal polo menos. E dese traballo dependía que puidesen comer ou quizais
comerciar algo con outros para adquiriren cousas que precisasen. Ese seco
“Non”, co que lle responden a aquel descoñecido que pasea tan cedo á beira do
lago, reflicte moi ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para latricar con
el.
Aínda
que, claro, ese descoñecido vaise converter de súpeto en coñecido para o que o
ama. Son esas intuicións mutuas que sobre si mesmas teñen as persoas que se
queren, que conxenian entre si. Calquera pequeno detalle é sempre revelador.
Isto foi o que lle pasou a Xoán por moito que estivese este cansado de toda
unha noite traballando e sen poder pegar ollo.
O
pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa. Os que teñen algunha afección
á pesca ben saben dos soños e fantasías que tantas veces lles veñen á cabeza
sobre unha grandísima troita ou robaliza que pescaron ou van pescar... O que
ocorre é que tales soños ou traballos imaxinativos non adoitan converterse en
realidade.
Ver
diante dun, xa que logo, non só imaxinados senón reais, moitos grandes e
fermosos peixes pescados grazas á simple indicación dun descoñecido e poder
contalos amodiño un tras outro, iso si que ten que ser un acontecemento que non
se pode esquecer doadamente. Xoán, un dos afortunados pescadores, dinos que
contaron exactamente 153 peixes grandes. Na súa vida esquecería Xoán xunto cos
seus compañeiros de pesca o preciso e concreto número de peixes pescados: 153.
Foi
este exceso de éxito, absolutamente inesperado, no seu traballo de pescadores o
que fixo que Xoán vise ou intuíse que quen andaba pola praia non podía ser outro
máis có Mestre. Primeira lección: o amor ten poder para aguzar a vista. Mais o
amor de Xoán a Xesús é sempre posterior, consecuencia, do amor que Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos
que recibir antes o impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes
por outro, en último termo por Deus, creador e amador de canto hai. Cando Xoán
coloca a escena da pesca de hoxe no contexto de Xesús resucitado está a dicirnos
que é a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente e a
fondo, as cousas da nosa vida, do noso traballo, dos nosos fracasos ou dos
nosos éxitos.
A
outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar segunda
lección do Xesús resucitado. Só podemos vivir sen deixar nunca de continuar a
vivir se hai Alguén que, á parte de ter poder para tal cousa, nos quere tanto
que non permite que a morte sexa a nosa fin. Agora ben, o Xesús resucitado non
nos garante só a vida, a resurrección, despois da nosa morte individual, senón
tamén unha vida plena –en certo modo podemos dicir que inicialmente xa
“resucitada”- na nosa vida actual. Pois acaso podemos chamar vida unha vida
vivida sen amor? Vivir sen amor vén sendo como estar morto.
Por
iso, o Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección a Pedro,
dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Vai comprobar
se Pedro corresponde con amor ó amor que Xesús lle ten a pesar dos seus fallos
e fracasos. Esas reiteradas preguntas (ata tres veces) que Xesús lle fai a
Pedro sobre o seu amor a el non poden menos de nos lembrar aquel fermoso dito
do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: “Á tarde examinarante no amor”. Si. O Xesús resucitado compórtase con Pedro
de maneira semellante a unha nai que preguntara ó seu fillo pequeno se a quere.
O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle responder á súa
nai. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais Pedro é unha persoa
adulta e ó final non sabe tampouco como responder, limitándose a replicar:
“Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero”.
É
esta unha resposta que ten máis de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus
que de estrita contestación. É unha reacción, a de Pedro, que seguramente nos
lembra aquela outra de Tomé do anterior domingo: “Meu Señor e meu Deus!”.
Unha
aclaración aínda. O amor que lle pide Xesús a Pedro é un amor que non se dirixe
a un “Deus” abstracto, senón ó Xesús concreto tan divino coma humano no que se
manifesta o Pai Deus. Nel estamos todos representados. De modo que, unha vez
máis, non pode haber amor a Deus que non pase polo amor ás concretas persoas
humanas.
E,
para rematar, como por unha parte Deus non só é Pai senón tamén Nai -tal como comentou
algunha vez o papa Xoán Paulo I- e, por outra parte, no primeiro domingo de maio
adoita celebrarse tamén o Día da Nai, lancemos entón un quente biquiño de amor
e agradecemento a tódalas nais do mundo, que fixeron e fan presente ós seus
fillos o amor de Deus, Pai-Nai de todos.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario