Pascua 2022
A incríbel nova da Resurrección
(17 abril 2022)
O
ano litúrxico vainos levando polas diversas experiencias cristiás da fe. Vainos
poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis pobremente, no
Nadal. Preparabámonos na Coresma para sentirmos con el as súas tentacións, as
súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova a todos, de maneira
especial ós máis necesitados e carentes de bens deste mundo. E nestes días
pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de Xesús.
Mais
sabiamos que detrás deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste
afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un amencer
de Xesús resucitado, que en adiante non morrerá xa máis, converténdose así nun
sol radiante que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos no evanxeo que a
Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos
entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos
ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos
todos inquedas bolboretas que voamos cara á luz na noite escura.
Non
hai cousa que máis queiramos ca a luz e a vida. E isto sempre e para sempre.
Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán
noso, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e alén da
morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor”
de todo.
Este
é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos
destinados, alén das nosas particulares mortes biográficas, a sermos inmortais.
Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis angustias
mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre.
Por iso os primeiros cristiáns loaban a Deus ó celebraren a Resurrección
dicindo e cantando “aleluia”. E “aleluia” quere dicir “loado sexa Deus”.
“Loado
sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os
pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi
pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por
iso, dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería
rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que pola súa gran compaixón
resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos
dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría,
aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo,
diferentes probas”.
A
alegría debería ser, pois, un sentimento normal e estábel na vivencia desta
nosa fe que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do
Señor. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos domingos
do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é dicir, de quen
“domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse el en “Señor” de toda a
creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.
Nel
en canto “Señor” ten firme alicerce a nosa confianza, pois el é o noso irmán.
Da súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría, tal e como repite a liturxia
pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa
resurrección derívase a nosa. Esta é tamén, en último termo, a razón do dito
popular de estarmos alegres “como unhas pascuas”...
Agora
ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado
terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Mais trátase dunha fe
que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que
nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de
non termos vivido aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en
cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a cada
un de nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre,
ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola
resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que
cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio e interno consolo.
Era, polo contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía máis alá dos
propios intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara
endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos
partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder
doutro xeito. En consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades
dos demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de sermos todos fillos
dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia particular, a
unha resurrección para sempre.
Todo
isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns,
senón á humanidade toda, porque no Resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida
para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados a
encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén do Resucitado.
Isto
é o que farán os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Resucitado. Antes
ca eles as mulleres, que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor. Volveran
axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar
realizarán os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as
aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo.
A
través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do
evanxeo esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da
resurrección que nos espera tamén a nós.
Por
iso os que recibimos esta gran nova temos que anunciala coa nosa palabra e con
nosos feitos, no noso tempo e en calquera lugar onde vivamos, a cantos ou non saben
dela ou non son quen de crer nela quizais incluso por ser tal nova algo tan
incríbel e marabilloso. É xustamente así por ser algo que procede de Deus, que
é sempre meirande ca canto poidamos maxinar del.
Digamos, pois, todos, agora con
alegría e agradecemento: ALELUIA! Loado
sexa Deus! TODOS: ALELUIA! Loado sexa
Deus!
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario