FICHA E LECTIO: DOMINGO 2 DE PASCUA C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Condescendencia infinita
(24
abril 2022)
O
episodio relacionado con Tomé cóntao só Xoán e non os autores dos outros evanxeos.
O mesmo Xoán nos di, por outra parte, que houbo “moitos outros signos” que fixo
Xesús entre os seus discípulos, despois de el resucitar, que el mesmo non nos
conta. De modo que eses moitos signos, que para a mentalidade ávida de noticias
dos nosos tempos terían un enorme interese, a Xoán non lle parece doer moito
non contalos.
Xoán
e con el os demais apóstolos e discípulos de Xesús saben que o importante e
decisivo é o encontro con Xesús. Co de antes e de despois da resurrección. E
para encontrármonos con el e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias
fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores
de fondas e inesquecíbeis experiencias que eles mesmos tiveron con Xesús.
Por
iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participamos inmediata e
directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé, que me lembra un
pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola maxistral de Xesús do
fillo pródigo (ou, segundo comentabamos, do “Pai misericordioso”). Xesús
fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, seu Pai e Pai noso
tamén. Cando volve o seu fillo despois de moito esperalo, seu pai apértao con
agarimo e con bágoas nos ollos sen lle rifar nin botar en cara a súa mala
conduta. Agora é Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente
condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera
para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar
amodo e directamente que el era verdadeiramente o mesmo Xesús co que convivira
e non unha pantasma.
Os
encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e
de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán crea no seu relato da
aparición de Xesús no medio dos seus apóstolos, cando eles estaban cheos de
medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.
O
primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas
ou desencontros no seo do grupo dos apóstolos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro
posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá o mesmo saúdo:
“Paz convosco”. Xesús aporta sempre paz,
consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida. Dálles, ademais, o
mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É
dicir, o Espírito do Pai e del mesmo.
Así
se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que fose a través de moitas deficiencias
históricas no seo da mesma. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do
bispo de Roma, Francisco, nos chaman tanto a atención. Por que? Pois porque
intentan quizais facernos máis directamente presente o modo como se comportaba
Xesús coa xente coa que convivía no seu tempo.
Que
lle ocorreu a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa fronte
ós seus compañeiros crentes á outra na que el mesmo se derruba ante o Xesús que
lle permite a Tomé que realice con el as probas que considere máis axeitadas?
A
resposta a isto é importante porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas
veces entre a nosa crenza a as dúbidas que se lle presentan á nosa propia
crenza.
Coido
que canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto
máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas,
inimaxinábeis. Tanto en poder como en bondade. El non é unha persoa máis coa
que nos encontramos na vida, por moito que a poidamos estimar ou apreciar. El é
absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio das cousas feitas por
el, da materia, da vida, do noso interior e de tantas outras realidades que nos
admiran. É misterioso o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, tamén o
resucitar.
Tomé
fixo a experiencia do Xesús resucitado e con esa experiencia fixo tamén a
experiencia de que el tamén vai poder resucitar. Isto éncheo de ledicia, de
confianza e de fonda paz. Tódalas probas que el tiña pensado realizar co Xesús
supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a
grandeza que se lle presenta directamente diante del: a dun Xesús poderoso e
bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e
entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e
dos seus problemas coma se non existise outro no mundo do que se houbera de
ocupar. Por iso, Tomé non podía dicir máis có que dixo: “Meu Señor e meu
Deus!!”.
Para
rematar. A bondade e o amor fan milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Un
irmán meu, xesuíta tamén, que leva moitos anos en Brasil, mandoume con motivo
das festas pascuais unha viñeta pintada por el na que aparecen dous personaxes
como flotando sobre os nubeiros do ceo. Un, a modo de xornalista e co micrófono
na man, pregúntalle ó outro que representa Xesús resucitado: “Vostede estaba
morto. ¿Como conseguiu resucitar?”. E Xesús responde deste xeito: “É que o amor
non morre. Foi el quen me resucitou”...
Verdadeiramente
o amor non morre. E se Deus, o Deus Pai de Xesús e Pai noso, é Amor (tal como
se nos di na primeira carta de Xoán), temos entón aí a clave de por que Xesús
resucitou e de por que tamén nós resucitaremos con el. Xa o dicía o famoso
pensador francés Gabriel Marcel: “amar unha persoa é dicirlle ‘ti, ti
non morrerás endexamais’”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-pascua-c-xoan-2019-31-2/
Comentarios
Publicar un comentario