5º DOMINGO DE CORESMA - CICLO C
Primeira Lectura Is 43, 16-21
Velaí procuro a renovación e darei de beber ao meu pobo
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,
que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.
Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.
Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?
Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.
Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,
porque porei augas no deserto, ríos no ermo,
para darlle de beber ao meu pobo, ao meu escollido,
ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/. (3): O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.
Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.
Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.
Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.
Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.
Segunda Lectura Flp 3, 8-14
Por Cristo considerei perda todas as cousas, conformándome á súa morte
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns:
Todo me parece perda comparado coa prominencia do coñecemento de Cristo Xesús, o meu Señor. Por El guindeino todo e doulle tanto valor coma ao lixo con tal de gañar a Cristo e de vivir nel, sen ter eu mesmo a xustiza da Lei, senón a xustiza que se recibe de Deus pola fe en Cristo, a xustiza de Deus que nos chega pola fe, para o coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e sintonizar cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, para ver de acadar tamén eu a resurrección dos mortos.
Non é que eu xa chegase á meta nin que xa atinxira a perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús.
Irmáns, eu non boto de conta que a teña atinxido.
Velaquí o único que fago: esquezo o que queda atrás e, lanzándome cara ao que está diante, bulo para pillar o premio ao que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Xl 2, 12-13
Así que, di o Señor,
convertédevos a min de todo corazón;
porque son benigno e misericordioso.
Evanxeo Xn 8, 1-11
Quen de vós estea sen pecado, sexa o primeiro en tirarlle a pedra
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, á tardiña, Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentou e empezou a ensinar.
Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
‑ Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
‑ Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
‑ Muller onde van? Ninguén te condenou?
Ela respondeulle:
‑ Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
‑ Tampouco eu te condeno: vaite e desde agora non peques máis.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario