3º DOMINGO DE PASCUA - CICLO C

 

Primeira Lectura      Feit 5, 27b-32. 40b-41

Nós somos testemuñas destas palabras e tamén o Espírito Santo,

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS


            Naqueles días, o xefe dos sacerdotes interrogou os apóstolos:

            ‑ Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.


            Pedro e os apóstolos responderon:   

            ‑ Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.


            Azoutaron aos apóstolos e ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir.

            Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do nome de Xesús.


                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL      Sal 29, 2 e 4. 5 e 6. 11 e 12a e 13b

R/ (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Ou: Aleluia.


Eu lóote, Señor, porque me libraches

e non deixaches rirse de min os inimigos.

sacaches do abismo a miña vida,

fixéchesme revivir,

lonxe dos que baixan ao sepulcro.


Cantádelle ao Señor os seus amados,

loade o seu santo nome.

O seu furor dura só un intre;

o seu favor, toda a vida.

Se hai pranto á tardiña,

ó abrente xa hai ledicia.


Escoita, Señor; ten compaixón de min,

Señor, ven socorrerme.

Trocaches o meu lamento en danza,

Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.


 


Segunda Lectura     Ap 5, 11-14

É digno o Año a quen mataron de recibir a forza e a riqueza

LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE


            Eu, Xoán, vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte voz:


            "Merecente é o Año, por estar degolado,

de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,

a honra, a gloria e a bendición".


            E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:


            "Para quen está sentado no trono e para o Año:

a bendición, a honra, a gloria e o poder

polos séculos dos séculos".


            E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.


                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Resucitou Cristo, que creou todas as cousas

e tivo misericordia do xénero humano.

Aleluia.


 


Evanxeo     Xn 21, 1-19  (longo)

Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel tempo, aparecéuselles outra vez Xesús aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus.


            Simón Pedro díxolles:

            ‑ Vou pescar.


            Eles contestaron:

            ‑ Imos tamén nós contigo.


            Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:

            ‑ Rapaces, tedes algo que comer?


            Eles responderon:

            ‑ Non.


            Díxolles entón:

            ‑ Largade o aparello por estribor e atoparedes.


            Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Entón, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:

            ‑ É o Señor.


            Entón Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑ pois estaba espido ‑ e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote -porque non estaban lonxe da terra senón a menos de cen metros-, remolcando o aparello cos peixes.

            Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.


Xesús díxolles:

            ‑ Traede peixes dos que acabades de coller.


            Simón Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.


            Xesús díxolles:

            ‑ Vinde comer.


            Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle "ti quen es", sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

            Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.


            Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:

            ‑ Simón de Xoán, ámasme máis ca estes?


            El contestoulle:

            ‑ Si, Señor, ti sabes que te quero.


            Xesús díxolle:

            ‑ Apacenta os meus años.


            E de novo preguntoulle por segunda vez:

            ‑ Simón de Xoán, ámasme?


            El respondeulle:

            ‑ Si, Señor, ti sabes que te quero.


            Xesús díxolle:

            ‑ Apacenta as miñas ovellas.


            E preguntoulle por terceira vez:

            ‑ Simón de Xoán, quéresme?


            Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez  "quéresme?", e respondeulle:

            ‑ Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.


            Xesús díxolle:

            ‑ Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.


            Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:

-          Sígueme.


                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares