FICHA E LECTIO: DOMINGO 5 DE CORESMA C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Un Deus da vida
(3.IV.2022)
Os
textos litúrxicos, próximos xa á Semana Santa, seguen a facer algo semellante ó
que fan as chuvias cando dicimos que chove sobre mollado. É bo que pete así
tamén a palabra de Deus unha e outra vez no noso interior.
Porque
se trata de que esta chuvia de parábolas e imaxes, coas que Xesús quere
facernos ver como é o seu Pai Deus, chegue a afondar no noso espírito e se
reflicta practicamente nas nosas actitudes e no noso comportamento individual e
comunitario.
A
idea fundamental é a da inimaxinábel e
inexpugnábel bondade dun Deus que nos quere plenamente, máis alá ou por enriba
das nosas deficiencias ou fracasos morais. Isto aparecía nidiamente xa na
parábola do anterior domingo chamada do “fillo pródigo” ou mellor, tal como comentabamos,
do “Pai misericordioso”.
A
parábola aparecía unicamente no evanxeo de Lucas e en continuidade coa súa visión
dun Xesús que rexeitaba decididamente en Deus calquera espírito de vinganza ou
condena. En cambio, a escena que acabamos de escoitar agora aparece unicamente
no evanxeo de Xoán, aínda que o contido de fondo sexa o mesmo ca en Lucas. Do
que se pode deducir polo menos que a visión da bondade característica de Deus
non é cousa particular dalgún autor concreto dos evanxeos, senón que se trata
dunha mensaxe común a todos, aínda que cada un deles a exprese con parábolas ou
escenas diversas.
Hoxe
a escena descrita por Xoán está en relación cunha pobre muller que fora
sorprendida en adulterio e que polo tanto estaba condenada, segundo a lei de
Moisés, a ser lapidada publicamente. Algo semellante á condena de deixar de ser
fillo para se converter en servo de por vida coa que contaba o chamado fillo
pródigo para cando chegase de volta á casa de seu pai. Aínda que esta condena
non fose tan grave como a da muller.
En
ningún dos casos se amosa o Deus de Xesús da maneira que podemos chamar lóxica
ou conforme ós comportamentos humanos. A actitude do fillo maior da parábola do
fillo pródigo (que quería que este fose tratado coma o que, a xuízo do seu irmán
maior, realmente era, é dicir, como un perdido e indesexábel) vén sendo, na
escena de hoxe, a mesma cá daqueles hipócritas escribas e fariseos que
intentaban condenar á morte a muller adúltera e ó mesmo tempo tamén a Xesús.
Porque presumibelmente –así o supuñan eles con razón- Xesús se oporía dunha
forma ou doutra a que apedrasen a muller. O que pon de relevo, polo demais, que
tanto escribas coma fariseos tiñan unha idea relativamente correcta sobre a
bondade e misericordia que Xesús proclamaba. Esta presumíbel actitude de Xesús
sería para eles un bo argumento para así podelo acusar e condenar como impío e
irrelixioso ó el non se ater como é debido á lei mosaica.
Mais
tanto os escribas coma os fariseos non contaban con que Xesús, ademais de ser
infinitamente bo e de anunciar a infinita bondade de Deus, sabía profundar
tamén ata o máis fondo nos corazóns das persoas e, de maneira especial, na
hipocrisía dos que se consideraban máis xustos e cumpridores cós demais. En
calquera caso, para si mesmos eles non eran pecadores, como esa pecadora muller
que eles lle presentaban a Xesús. Todo o contrario, eles considerábanse os
verdadeiros sabedores e cumpridores da lei.
Pois
ben, nesta escena da muller adúltera Xesús vai desempeñar, el mesmo, o papel de
Pai bondadoso da parábola do fillo pródigo. Exerce así Xesús directamente as
funcións de pai amoroso, compasivo, defensor da vida de desvalidas ou
desvalidos, ós que os problemas da vida colocaran en amargas situacións.
Unha
vez máis, o Deus no que cremos, o Deus de Xesús, é un Deus ó que lle tira moi
fortemente a vida. Xa Xesús anunciara algunha vez que el mesmo era a “Vida”
(“Eu son o camiño, a verdade e a VIDA”). Que el viñera ó mundo para nos dar
“vida” e para que a tivésemos “en abundancia”. Cando está en xogo a vida, Xesús
non ten outra opción senón defendela, aínda que, paradoxalmente e como
consecuencia dese amor á vida e á verdade, o vaian matar. Xesús mostra con isto
que para defender a vida paga a pena dar a propia. Todo o segredo da mensaxe de
Xesús radica nisto: dar vida, incluso para sempre, é dicir, incluso alén dos
límites da que chamamos vida terreal.
El
non pode naturalmente aprobar ou bendicir as nosas deficiencias morais. Precisamente
porque tamén esas deficiencias son no fondo unha ofensa contra a vida. Non son,
pois, ofensas unicamente contra o Deus autor da vida. Mais, en calquera caso, o
que el non pode facer, en canto anunciador e dador de bondade e de vida, é
converterse en alguén que coas súas palabras ou xestos apoie dalgún modo a
morte por moi legal que tal morte sexa. El foi condenado e quitaranlle a súa
vida humana, mais el, sendo a mesma Vida, non pode apoiar ou aceptar a morte
violenta de ninguén.
O
final desa escena -da que tamén podemos dicir que ós cazadores de Xesús o seu
mal intencionado tiro lles saíu pola culata- non pode ser máis instrutivo sobre
o modo de ser de Deus que en Xesús se nos presenta, unha vez máis, non como
“condenador” ou “vingador”, senón como dador e mantedor de vida:
“Muller,
onde van? Ninguén te condenou? Ela respondeulle: Ninguén, Señor. Díxolle Xesús: Tampouco eu te condeno: vaite e
desde agora non peques máis”.
Podemos
lexitimamente supoñer que a conmocionada muller, tal como llo pide Xesús, non
volvería pecar. Mais non –como poderiamos pensar- polo medo a ser apedrada
conforme á lei de Moisés (tal como estivera a piques de ocorrer), senón porque
experimentara de maneira tamén directa e inmediata a felicidade que leva
consigo a vida como regalo inmerecido de quen é a mesma Vida, a mesma Bondade.
Neste tempo coresmal, cando estamos xa preto dos acontecementos que levaron Xesús á morte para nos dar vida e felicidade, lembremos unha vez máis o convite ó que fomos chamados no comezo da Coresma: “Convértete e cre no evanxeo”, é dicir, convertámonos e creamos firmemente neste Xesús que está entre nós para nos dar vida e non para nos condenar.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario