DOMINGO 2 DE PASCUA - CICLO C
Primeira Lectura Feit 5, 12-16
Aumentaban os crentes no Señor: multitudes de homes e mulleres
LECTURA DO LIBRO
DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.
Palabra do Señor R.:
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 117, 2-4. 22-24. 25-27a
R.: (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou: Aleluia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.
A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día en que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.
Señor, dános a salvación!
Señor, dános prosperidade!
Bendito o que vén no nome do Señor:
desde a casa do Señor bendicímosvos.
O Señor é Deus: El dános a luz.
Segunda Lectura Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19
Estiven morto, e velaquí vivo por sempre eternamente
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "O que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas".
E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ao virar, vin sete candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
Ao velo, caín aos seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome:
—Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Derradeiro, o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.
Palabra do Señor R.:
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-31
Pasados oito días, veu Xesús
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
— Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
— Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
— Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
Dicíanlle entón os outros discípulos:
— Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
— Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
— Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
— Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
— Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
— Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.
Palabra do Señor R.:
Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario