FICHA E LECTIO: EPIFANÍA DO SEÑOR C

 FICHAS ANTERIORES



LECTIO:

Deus regálase a si mesmo á humanidade

(C: 6. I. 22)


            A escena que tradicionalmente se nos pon á vista na festividade da Epifanía do Señor ten que ver con reis, estrelas e coa alegría dos agasallos de ouro, incenso e mirra que os reis magos lle ofrecen ó Neno Xesús.

            No evanxeo de Mateo fálasenos dunha busca duns Magos de Oriente que se concretaría no encontro agarimoso con Xesús,  o Emmanuel, o “Deus connosco”. Nesa busca unha estrela guiábaos co seu resplandor. Os Reis Magos actúan así coma símbolo bendito de cantos, sexan humildes ou poderosos, se poñen en camiño para ofreceren os seus dons e o seu agarimo ós pobres e necesitados do mundo, dignamente representados polo Neno pobre e amoroso de Belén.

            Porque é neles, nos pobres, onde quere Deus que o atopemos. Lección que non nos resulta doada de aprender. Pois no Neno Xesús, o fillo humanizado de Deus Pai, manifesta Deus a súa querenza polos pobres e humildes do mundo enteiro. É alí onde el quere ser servido, querido e agasallado. Non noutro lugar. Vede con que forza o papa Francisco se refería unha vez ó lugar central que deberían ocupar os pobres no seo da Igrexa: “Quero unha igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É necesario que todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é un convite a recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da Igrexa. Estamos chamados a descubrir Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.

            Volvendo de novo ós aludidos Reis Magos, móstrannos eles no seu comportamento que é precisamente neste servizo ó próximo necesitado, representado na pobreza do Neno Xesús, onde se atopa a verdadeira grandeza de cantos dispoñen de bens e de riquezas. Eles só serán verdadeiramente grandes e poderosos cando saiban engrandecer e alegrar os que carecen de posibilidades para estes desenvolver con dignidade a súa vida.

            Por outra parte, non pensemos que esta decisión, a dos Reis Magos ou tamén a nosa propia e particular decisión, foi ou é unha acción puramente persoal. É sempre o Deus que dirixe a historia e os acontecementos, aínda que sexa desde o humilde lugar dun presebe, o que de moi diversas maneiras suscita en todos, como tamén nos Reis Magos, bos pensamentos e desexos. El é sempre quen atrae cara ó ben, cara ó humilde servizo dos pobres e necesitados do mundo.

            Sobre os Reis Magos dinos Mateo que, tralo seu encontro con Herodes, se lles volveu aparecer a estrela e que, ó ollala de novo, “sentiron unha grande alegría”. É así como nos seus relatos de Nadal, os redactores destes acontecementos salvíficos sobre o Neno Xesús, nos están de feito a ofrecer, nunha linguaxe mitolóxica, unha mensaxe moi concreta que suscita e provoca alegría e esperanza. Temos aí diante un Deus salvador, un Deus Pai que se fai irmán de todos en Xesús. A fraternidade queda así instaurada no mundo como realidade e como fermoso e esperanzador proxecto a realizar.

            Este anuncio e destino da humanidade son presentados xustamente como directamente opostos ó comportamento dun Herodes preocupado pola posibilidade de que o anunciado “rei dos xudeus” vaia desbancalo do seu posto real, da súa privilexiada posición de poder. Porque cando un fai depender a súa vida do propio poder, da propia forza e da propia violencia, entón verase inevitabelmente tentado a recorrer a toda clase de trapelas e artimañas para se manter no posto fronte a quen o poida desbancar do mesmo.

            O tempo de Nadal é un tempo forte que convida a nos converter a novas categorías. É, ademais, un tempo litúrxico que contén unha mensaxe dirixida non só ós cristiáns, senón á humanidade enteira. Porque o verdadeiro templo de Xesús é o mundo e non só o pequeno interior das nosas igrexas onde podemos contemplar as variadas  representacións do seu nacemento. No fin de contas, pagáns eran tamén os Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno Xesús para agasallalo cos seus regalos. Por iso, o xudeu Paulo, reconvertido en cristián, alude expresamente, na segunda Lectura,  e con grande abraio, o gran “misterio” de que tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.

            Este Deus universal e concreto, aberto a calquera persoa de calquera espazo cultural, de calquera país, de calquera relixión ou de calquera tempo histórico, é o que os seguidores de Xesús temos que ofrecer con humildade, agradecemento e alegría a todos.

            Día de Reis é tradicionalmente un día de regalos e ilusións para moitos, sobre todo para os máis pequenos. Deberiamos desexar que tódolos días da nosa curta ou longa vida sexan, nalgunha medida, “Día de Reis” para cantos se atopen nalgún momento das súas vidas connosco, actuando deste xeito pola nosa parte como verdadeiros e esperados reis magos para os empobrecidos do mundo.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/epifania-do-senor-c-mateu-21-12/


Comentarios

Publicacións populares