FICHA E LECTIO: DOMINGO II DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Respectar as diferenzas
16.
I. 2022
Rematado
o tempo de Nadal, os textos que nos propón a liturxia para este novo tempo que
comezamos agora, o chamado tempo
“ordinario”, son moi diversos. En calquera caso, son todos importantes para
o fortalecemento e a animación da nosa fe. En realidade, o tempo “ordinario”
empezou xa no anterior domingo, no que fixemos lembranza comunitaria do
Bautismo do Señor. O que nesta celebración comentabamos pode servirnos aínda
para algúns dos comentarios de agora.
Porque
hoxe, ademais dos temas que nos suxiren os textos litúrxicos, teriamos que ter
presente tamén un que nos vén dado desde outras instancias non directamente
relacionadas co que acabamos de ler e escoitar nas Lecturas ou no Evanxeo.
Refírome a que desde pasado mañá ata o martes da semana que vén, día 25,
celebramos o Octavario pola Unidade dos
Cristiáns.
Mais,
como non podemos falar de todo, toquemos algún que outro punto, ben alicerzados
na mensaxe fundamental do último domingo, a festividade do Bautismo do Señor.
Neste anterior domingo lembrabamos a importancia que ten para a nosa fe o feito
de termos sido, todos nós, bautizados “no Espírito Santo”. Pois ese é o
bautismo que desde Xesús recibimos os cristiáns.
Diciamos
que o Espírito de Deus, o Espírito Santo, e un e diverso. Un como hai un só
Deus, mais diverso como tamén Deus é un e trino, diferente polo tanto na súa
unidade. Por iso o Espírito de Deus unifica, mais tamén sabe e entende de
diferenzas, pois Deus é tamén un e diferente.
Faremos
moi ben en pedir e rezar, nestes días de oración, pola unidade dos cristiáns.
Pois ben sabemos que hai outras confesións dentro do cristianismo que non se
identifican oficialmente coa nosa, a que chamamos “católica”. A unidade é sen
dúbida un gran ben. Mais non estaría mal tampouco que ó tempo pidamos ó Señor
que tódalas confesións, tamén a nosa, se convertan en verdadeiramente cristiás.
Pedirlle polo tanto que nos converta en verdadeiros seguidores seus. Discípulos
auténticos daquel que nos bautizou “no Espírito Santo”. E xa sabemos que no
Espírito Santo estamos todos chamados a sermos e a sabérmonos uns e diferentes.
Por
iso, a diferenza, mentres non se renuncie ós principios básicos da mensaxe de
Cristo, debería sentirse sempre cómoda no seo da nosa Igrexa.
Se
este respecto á diferenza se tivese practicado máis e mellor en tempos pasados,
posibelmente non teriamos necesidade hoxe de estarmos a pedir durante estes días
pola “unidade dos cristiáns”. Unha unidade que se rompeu en determinadas e
concretas circunstancias históricas do pasado.
E
conste que isto valería tamén á súa maneira para os asuntos políticos que están
a ocorrer hoxe en día entre nós. Toda unidade tería que ser sempre
suficientemente flexíbel e aberta para que no seo dela puidesen vivir
comodamente e sen discriminacións as diferenzas culturais, lingüísticas ou de
calquera outro tipo.
Polo
menos na carta ós Corintios que acabamos de escoitar fálanos Paulo do Espírito,
no que -como dicía- fomos todos bautizados, como dun Espírito que, sendo el
sempre o mesmo, actúa de moi diversos modos e maneiras. Un Espírito, dinos
Paulo, que ten “diversidade de dons”, “diversidade de servizos”, “diversidade
de realizacións”... E se o Espírito actúa de tan diversas maneiras, ¿quen somos
nós para forzar as cousas, as realidades, as culturas, as linguas, etc. coa pretensión
de converter estas diferenzas en algo absolutamente unitario e monolítico?
Todo
isto, como ben podedes ver, está moi en relación co tema da oración pola
“unidade dos cristiáns” que lembraremos nos próximos días.
E
doume de conta agora de que non vos comentei aínda nada sobre o texto do
Evanxeo de hoxe. Só unhas palabras, pois, para rematar.
Xesús,
ó contrario do que ocorre co Bautista, adoita mesturarse coa xente, vive e está
con ela. E non deixa de ser curioso! O seu primeiro “signo”, aínda que nolo
conte só Xoán, é o do viño nunha voda. Un “signo” cheo de simbolismo (como
ocorre con frecuencia en Xoán). A Xesús gústalle celebrar a irmandade, a
amizade, o amor, a felicidade. E ademais en grupo, en comunidade, en pobo, en reino.
Se
ese foi o seu primeiro “signo”, esa será tamén a que poderiamos chamar a súa
definitiva realización marabillosa coa humanidade, coa creación enteira. Nese
reino vindeiro prometido, que será a definitiva e infinita festa da irmandade
entre tódalas persoas do tódolos tempos e nacións. A nosa sorpresa será alí
seguramente aínda meirande cá do apóstolo Pedro, abraiado como estaba de que
Deus aceptase onda si a quen “practica a xustiza, sexa da nación que sexa”. Así
se nos dicía efectivamente no libro dos Feitos dos Apóstolos, tal e como
lembrabamos na Segunda Lectura do domingo anterior ó celebrarmos a festa do
Bautismo do Señor.
Camiñemos,
pois, sempre polos camiños da fe, da esperanza e do amor que nos ofrece Xesús.
E polo tanto, con delicado respecto á unidade e á diferenza, á conxunción e á
diversidade. Formando así ese “corpo místico” de Cristo, con membros diferentes
entre si e unha soa vida común e compartida.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario