O BAUTISMO DO SEÑOR
Primeira Lectura Is 42, 1-4. 6-7
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Isto di o Señor:
Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
Con fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.
Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.
A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.
O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.
Segunda Lectura Feit 10, 34-38
Unxiuno Deus co Espírito Santo
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
‑ Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mc 9, 6
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.
Evanxeo Lc 3, 15-16. 21-22
Bautizado Xesús, e cando estaba en oración, abriuse o ceo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
‑Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.
Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
‑Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario