FICHA E LECTIO: SANTA MARÍA NAI C

 FICHAS ANTERIORES


LECTIO:

Aninovo pra renovármonos

    (C - 1. I. 22)


            Hai poucas horas que estreamos este novo ano 2022.

            Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando con nós. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do paso firme e seguro do tempo.

            Moitos filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con el que nos resulta difícil velo, coma quen di, diante de nós, a una certa distancia, para contemplalo así en si mesmo.

            Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se meteu, pese a todo, no noso tempo ó seu Fillo nacer coma un calquera de nós. Deste xeito, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade (como nos di a liturxia), temos todos algo de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos dalgún xeito iso de sermos eternos e, sobre todo, querémolo ser. ¿A quen non lle gustaría vivir cen, mil... anos, vivindo ademais, como se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que sequera se notase que o tempo pasa por un?

            Con todo isto o que quero dicir é que, ó rematar o ano pasado e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por permitirnos debruzarmos sobre o balcón soleado deste Aninovo, podendo así ollar con esperanza cara ó futuro. Darlle grazas e, tamén, pedirlle perdón porque hai moita contaminación do mal no mundo para podermos chegar limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas máis veces non teremos pecado nós, que non podemos fachendear de xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos...

            Á altura deste comezo do Aninovo é sempre bo tamén botarlle unha ollada prospectiva ás tarefas, proxectos ou quefaceres que se nos presentan ou poden presentar nel. É moi posíbel que a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta de Paulo ós Gálatas. Dísenos nela que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos “adoptivos” de Deus;  e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e de que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dísenos nesa carta- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.

            A carta ós Gálatas é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns tendan a considerar os cristiáns como sometidos ou escravizados por un Deus ameazador, a verdade é que os cristiáns temos boas razóns para considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.

            Por iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián non debería endexamais aturar ser “escravo” de ninguén, sexa este quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.

            Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de libre “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán Xesús durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fixo voluntariamente escrava de asoballados e desprezados, e a de tantas outras e outros (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van, facéndose libremente escravos dos demais.

            No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir del que non é seu irmán.

            Deus quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga home en Xesús, e, a pesar de todo, ese o “misterio” central da nosa fe.

            Renovando coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este novo ano coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2021, que desde hai só doce horas nos acompaña. ¡E moitas felicidades tamén a cantos celebrades hoxe o voso onomástico: ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador, María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos neste novo ano!

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/santa-maria-nai-de-deus-c-lucas-216-21-2/


Comentarios

Publicacións populares