FICHA E LECTIO: SAGRADA FAMILIA

 FICHAS ANTERIORES



LECTIO:

En ámbito sagrado

 (26 decembro de 2021)

 

            Estamos no tempo de Nadal. Moi próximos aínda –este ano só un día despois- a esa escena tan familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que co seu resplandor fai case desaparecer lúa e estrelas que están arredor del. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ó agarimoso gando doméstico que a tradición coloca á súa beira.

            Mais os que están á beira de Xesús son, pese a todo, algo esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo coma fillo benquerido do Deus Pai. Pois a Palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela aparece, polo contrario, en familia, formando familia, no seo e no agarimo dunha familia. O Deus cristián, que é Pai, Fillo e Espírito, é e existe xa desde sempre en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con trazos familiares. Este Deus trinitario noso é así un determinado xeito, o máis misterioso e fondo que concibir se pode, de vida familiar. Un marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo da vida humana que del procede.

            Cando Xoán se atreve a definirnos como é Deus, dinos que é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir se Deus fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos (se é que podemos falar así) algo mellor a Deus como amor se nos din que Deus é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.

            Familia significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia lévanos en principio alén do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou recursos que lles sobran ás familias ricas e poderosas, mais que é abondosa en algo que, se non se ten, de pouco lles serven a elas en último termo eses outros medios e recursos exteriores. Se algo ten esta primeira familia formada por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a cara e o corazón de Deus mesmo. Por iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”: a “Sagrada Familia” que estamos a celebrar.

            Chámame porén algo a atención que na primeira Lectura, do libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o amar, respectar, atender ou honrar os pais (tanto nai coma pai). En cambio, non se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten ou honren os pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente. Para aprender a amar hai que recibir antes moito amor. Non se lle pode esixir amor a ninguén, se antes non recibiu amor. Os fillos só poderán amar os seus pais se experimentan acotío o seu amor continuo, o seu coidado, o seu agarimo. É así como se constrúe unha verdadeira familia na que todos os seus membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó tempo, se recoñecen, respectan e queren como diferentes.

            Precisamente por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e forzas para amarmos a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o moito que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó el nos dar o seu Fillo benquerido, entón sentirémonos fondamente movidos a amar a Deus, o seu fillo Xesús e os irmáns e as irmás do mundo enteiro.

            Só así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos quen de formarmos entre todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a esa “familia” orixinal e primeira que Deus mesmo é. Desde estas consideracións, é relativamente doado comprender o programa que Paulo pon diante nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais, non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira revolución nuns tempos nos que, por exemplo, a muller adoitaba ser considerada como algo inferior e subordinado ó varón e no que a importancia do amor ós fillos tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta.     

            Algo que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a xulgar pola sorpresa e admiración da xente cando o papa Francisco nos fala da importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco xustifica este seu comportamento co que nos di na súa “Exhortación” que leva como título “A alegría do evanxeo”. Dinos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa persoa. Alén de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.

            Como vedes, o papa Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada”. De modo que non nos debemos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros, Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada Familia”. Para Francisco, como para Xesús, “sagrados” somos todos, alén da nosa aparencia exterior. Así como bicamos unha reliquia ou unha imaxe relixiosa, con moita máis razón deberiamos facelo cun enfermo ou un leproso. Así o fai polo menos quen está aí, como bispo de Roma, aprendéndonos a nos comportar como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús que se fixo irmán de todos. Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na nosa fe, esperanza e amor mutuo como membros dunha mesma familia que somos ou que, polo menos, estamos chamados a ser.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/sagrada-familia-c-lucas-241-52-5/



Comentarios

Publicacións populares