A SAGRADA FAMILIA: XESÚS, MARÍA E XOSÉ
Domingo dentro da Oitava de Nadal
Os anos en que non hai ningún domingo entre os días 25 de decembro e 1 de xaneiro e, por conseguinte, esta festa celébrase o día 30 de decembro, lese unha soa lectura antes do evanxeo.
PRIMEIRA LECTURA
Quen teme o Señor honra os pais
Lectura do libro do Eclesiástico. : 3, 3-7. 14-17a (gr. 2-6. 12-14)
O Señor honrou o pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
O que respecta o pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai.
Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer como compensación do pecado.
No día da proba teráseche en conta;
coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas.
Palabra do Señor.
Salmo responsorial Sal 127, 1-2. 3. 4-5 (R.: cf. 1)
R.: Ditosos os que temen o Señor e van polos seus camiños.
Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.
A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.
Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
tódolos días da túa vida.
SEGUNDA LECTURA
Vida familiar na presencia do Señor
Lectura da carta do apóstolo san Paulo ós Colosenses 3, 12-21
Irmáns:
Como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.
E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección.
Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo.
E sede agradecidos.
Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza.
Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades.
Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.
E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.Mulleres, sede dóciles ós vosos homes como cómpre a unha muller cristiá.
Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.
Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor.
Pais, non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.
Palabra do Señor.
Aleluia Col 3, 15a. 16a
Se non se canta. pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite abondosamente en vós. Aleluia.
EVANXEO
Xesús é encontrado polos seus pais no medio dos doutores
Lectura do santo Evanxeo segundo Lucas 2, 41-52
Polas festas da Pascua, os pais de Xesús ían tódolos anos a Xerusalén. E así, cando el tivo doce anos, subiron á festa conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que os seus pais se decatasen.
Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos; pero como non deron con el, volveron buscándoo a Xerusalén.
Ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores, escoitándoos e facéndolles preguntas. A súa intelixencia e as súas contestacións deixaban asombrados a cantos o escoitaban. Cando o viron seus pais, ficaron moi impresionados; e a súa nai díxolle:
—«Fillo, e por que te portaches así connosco? Mira que teu pai e mais eu andabamos cheos de angustia en busca túa.»
E dilles el:
—«¿Por que me buscabades? ¿Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?»
Pero eles non entenderon o que lles dicía.
Baixou con eles a Nazaret, e estáballes sometido. A súa nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Xesús medraba en sabedoría, en idade e en gracia diante de Deus e mais dos homes.
Palabra do Señor.
Ad libitum para o ano C:
PRIMEIRA LECTURA
Samuel, o neno pedido, será para o servicio do Señor memtres viva
Lectura do libro primeiro de Samuel 1, 20-22. 24-28
Naqueles días, Ana concibiu e logo deu a luz un fillo, a quen Ile puxo o nome de Samuel, porque llo pedira ó Señor.
A volta dun ano, o seu home Elcanah subiu con toda a familia ofrece-lo sacrificio anual e cumpri-la promesa.
Pero Ana non subiu, aclarándolle ó seu home:
—«Deixa que destete o neno. Entón levareino, presentareillo ó Señor, e que quede alí para sempre.»
Chegado ese momento, Ana subiu con el a Xiloh, ó santuario do Señor, levando consigo un becerro de tres anos, unha fanega de fariña e un pelello de viño.
Sacrificado o becerro, Ana presentoulle o neno a Elí, dicindo:
—«Co teu permiso, señor. Pola túa vida, eu son aquela muller que estivo aquí, diante de ti, rezándolle ó Señor. Pedíalle este neno e o Señor concedeume o favor que lle pedía. Agora son eu quen llo cedo ó Señor para mentres viva. Será un cedido ó Señor.»
Despois diso adoraron o Señor.
Palabra do Señor.
Salmo responsorial Sal 83, 2-3. 5-6. 9-10 (R.: cf. 5a)
R.: Ditosos os que habitan na túa casa, Señor.
Que desexables son as túas moradas, Señor do universo!
A miña alma ten saudade,
devece polos teus adros;
o meu corazón e todo o meu corpo reloucan polo Deus vivo.
Ditosos os que habitan na túa casa e decote te loan.
Ditoso o que atopa a forza en ti cando planea a súa peregrinación.
Señor, Deus dos exércitos,
oe a miña escoita, Deus de Israel.
Repara, Deus, no noso Escudo, mira o rostro do teu Unxido.
SEGUNDA LECTURA
Somos chamados fillos do señor, e fillos somos!
Lectura da primeira carta de san Xoán 3, 1-2. 21-24
Meus amigos:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade.
Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.
Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e El dáno-lo que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facémo-lo que a El lle agrada.
Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros, como el nos mandou.
O que cumpre cos seus mandamentos está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.
Palabra do Señor.
Aleluia Cf. Feit 16, 14b
Se non se canta. pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Abre, Señor, o noso corazón,
para que comprendámo-las palabras do teu Fillo. Aleluia.
EVANXEO
Coma no ano C. p. 34.
Comentarios
Publicar un comentario