FICHA E LECTIO: NATIVIDADE DO SEÑOR C

FICHAS ANTERIORES



LECTIO:

Deus entre nós

 (25.XII.2021)

            Nun día coma hoxe naceu aquel a quen queremos seguir os cristiáns mais tamén calquera persoa de boa vontade que no fondo do seu corazón ama a practica canto amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus. Nacendo coma nós, entrou na historia humana facéndose así verdadeiramente irmán noso. Co comezo do seu vivir humano viñemos á vida en certo modo tamén todos nós en canto cristiáns.

            El segue vivo. El dicía que era a Vida. Como podería morrer a Vida? Imposíbel. E se segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. Pois morrendo así, converteuse en vida para sempre, para el e para todos nós. Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos se é que cremos na mensaxe que nos trae o Neno de Belén.

            Parece que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu insuflar tamén vida en todos nós. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da inmortalidade”.

            Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina (agora que tanto falamos de vacinas eficaces), a vacina -digo- da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo de Xoán, ó se unir en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle informaba o anxo a María- “para Deus non hai imposibles”.

            Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai hoxe irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira cotiá, que terá certamente boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús, pedíndollo ó tempo a Deus Pai. De feito, acabamos de llo pedir na primeira oración da Eucaristía desta festa de Nadal así: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.

            Agora ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?

            Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal.  Cando Deus se encarna en Xesús, iso quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. Xesús é home verdadeiro e Deus verdadeiro. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dunha ou doutra forma), temos que ser verdadeiramente humanos. E, desde logo, semella que non debe de ser moi doado isto de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo humano coma calquera de nós para aprendernos así a sermos humanos de verdade.

            Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e amar tódalas persoas, sobre todo as que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran.

            Todo isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal do Señor.

            Queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal no noso comportamento. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa realización. Unha sociedade é só verdadeiramente humana cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atopar nela o lugar para se desenvolver como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos formamos parte da humanidade sexamos respectados nos nosos dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos. Cando se invista máis en educación, sanidade, etc. ca en armamento pra eliminar persoas ou países etc.

            Se Deus, pois, se fixo nun día coma este humano con tódalas consecuencias, aprendamos tamén nós a sermos verdadeiramente humanos, é dicir, coma el.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN: 

https://www.gruposdejesus.com/natividade-do-senor-c-lc-21-14-lc-215-20-xn-11-18/

Comentarios

Publicacións populares