FICHA E LECTIO: DOMINGO 4 DE ADVENTO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
No ámbito amoroso de Nadal
(19.XII.21)
Dentro de cinco días é xa o día de “Noite Boa”. A espera
e a esperanza de todo o tempo de Advento concéntranse e apúranse así neste
domingo coa pronta chegada de Xesús.
Neste último domingo de Advento propónsenos no Evanxeo,
para a nosa meditación e preparación comunitaria da aparición agarimosa de
Xesús onda nós, un fermoso e entrañábel texto de Lucas.
A mociña María, chea de graza, ou mellor, tal como
comentabamos noutro domingo, “enchida” por Deus da graza do seu Espírito,
adiántase con presteza (“con moita présa”, dinos Lucas), con moita xenerosidade
e humildade, a percorrer o camiño que a conduce á casa da súa curmá, Isabel.
Tanto María como Isabel están á espera de dar a luz. Isabel á espera do seu
neno Xoán, o futuro anunciador ou precursor do Señor, e María á espera de
agasallarnos co infinito don de Deus: Xesús, irmán noso e fillo benquerido de
Deus Pai.
Toda a liturxia de hoxe (como tamén en xeral a do Advento
e Nadal) é, en realidade, relato ou loanza dun encontro. Dun encontro
marabilloso: o de Deus connosco, e o de cada un de nós coa diversidade de
cantas persoas, irmás e irmáns nosos, formamos
parte deste noso mundo.
Deus é xa desde sempre en si mesmo encontro fondo e
misterioso. Desde a eternidade éo na súa misteriosa Trindade. Encontro
inimaxinábel, impenetrábel para nós, entre o Pai, o Fillo e o Espírito. Pois
ben, este íntimo encontro divino, tan fondo e íntimo que por iso mesmo non
podemos falar máis que dun só Deus, quere e decide ampliarse ou manifestarse
alén (por así dicilo) do interior de Deus cara ó encontro concreto, histórico,
connosco en Xesús.
Deste modo, María, antes có precursor Xoán Bautista,
convértese nese seu presto camiñar cara ó encontro coa súa curmá Isabel en
primeira precursora de Xesús. Ela anuncia coa súa presenza a presenza tamén de
Xesús perante Isabel e perante o seu fillo Xoán que está para nacer. María leva
consigo o Xesús que vai nacer. Por medio dela faise Deus presente en Xesús,
mesmo antes do seu nacemento, entre os próximos a María.
Encontro agarimoso de dúas mulleres que se queren, que se
estiman e que mutuamente se axudan. Encontro anticipado de Xoán con Xesús, que
enche de alegría o neno Xoán, que está tamén para nacer e que “brinca de
alegría” no seo da súa nai.
Desde este fundamental acontecemento de Xesús, do Deus
que emparentou coa nosa humanidade, os encontros de Deus connosco realízanse
como encontros igualitarios, amorosos, xenerosos, servizais. Só así poden ser
encontros verdadeiramente salvíficos. Deus salva, verte o seu Espírito, dende a
proximidade e fraternidade de Xesús. Non dende o “ordeno e mando”, desde o
imperio, desde o poder ou desde a intimidación ou a angustia.
É así como estamos preparándonos verdadeiramente para o
próximo encontro da Noite Boa con Xesús. Unha noite á que xustamente chamamos
“boa” porque ela é todo o contrario de raios e tormentas, medos e desazos,
turbulencias ou violencias. Os relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as
tradicións dos nosos nacementos artísticos e populares soubérono expresar moi
ben. Un encontro que se realiza no máis espontáneo e inmediato da natureza: alí
onde flúe clara a auga e se pode tocar o brando musgo, entre años e ovelliñas,
á beira do boi quente e tranquilo e da fermosa e quieta muliña. Símbolos todos
que falan co seu silencio e coa súa soa presenza de paz, tranquilidade,
humildade e irmandade universal.
Estamos todos necesitados ó longo das nosas vidas desta
aura propia do Nadal que está a chegar. Mais non debemos estar só á espera de
que eses encontros nos cheguen. Debemos ofrecer nós mesmos este tipo de
encontros ós demais. Revestírmonos do espírito de Xesús, que é o espírito de
Deus, e actuar co ímpeto e a forza que proceden dese mesmo espírito nos nosos
encontros e relacións con tódalas persoas. Sobre todo con aquelas que poidan
estar máis necesitadas destes encontros fraternais e amorosos.
A vida humana, toda ela, está chea de encontros. Que
estes encontros se convertan en desencontros depende en boa parte de nós. Quero
dicir, depende de nós en canto esteamos ou non “enchidos” dese espírito co que
María foi ó encontro de Isabel ou co que o neno Xesús se encontrou co neno
Xoán. Porque, en definitiva, sempre é Deus o que mobiliza e dá forzas para a
realización deses encontros. Encontros que están sempre, por moi humanos que
sexan e deban ser, aureolados de divindade.
Encontros que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen
palabras. Semellantes a ese “pai ou nai de tódolos encontros” que é o encontro
no Nadal de Deus coa humanidade. O encontro cun neno que nin sequera sabe
falar, mais, iso si, que está disposto a querer e a ser querido. Para que sexa
verdade aquilo de Xoán de que Deus é “amor”.
A mediados do século pasado escribiu José Luis Martín
Vigil unha novela moi lida, admirada e reeditada que leva como título “La vida
sale al encuentro”. É ben verdade. Toda vida está tecida de encontros.
Encontros cos pais, cos irmáns e irmás, cos amigos e amigas, con esposos ou
esposas, cos fillos ou cos netos, cos estraños e diferentes. Encontros cos acontecementos
agradables ou desagradables da vida, coas ideas, coa nosa conciencia, coa nosa
vida toda e coa dos demais, coa morte dos que estimamos ou queremos, coa espera
e coa esperanza, co medo da nosa propia morte, etc. E, a través de todo isto,
encontro connosco e co Deus que está no fondo e nos alicerces mesmos de todo
este tipo de encontros.
O que non é posíbel é vivirmos á marxe de moitos destes
encontros. Ante a xa próxima Noite Boa, preparémonos mental e cordialmente para
o encontro de tódolos encontros que se concentra nun humilde lugar onde Deus se
fai humano e os humanos recibimos a posibilidade de sermos verdadeiramente
semellantes a Deus, de participarmos realmente da propia natureza divina.
Un plan tan grandioso e inimaxinábel que só un Deus
verdadeiramente namorado de nós pode concibir. Aquí só nos cabe agradecer e
corresponder.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-advento-c-lucas-139-45-3/
Comentarios
Publicar un comentario