Ficha e Lectio - Domingo 4 de Advento C
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Encontro
dos encontros
( 23 decembro 2018)
Mañá
é xa o día de “Noite Boa”. A espera e a esperanza de todo o tempo de Advento
concéntranse e apúranse así hoxe coa pronta chegada de Xesús.
Neste
último domingo de Advento propónsenos no Evanxeo, para a nosa meditación e
preparación comunitaria da aparición agarimosa de Xesús onda nós, un fermoso e
entrañábel texto de Lucas.
A
mociña María, chea de graza, ou mellor, tal como comentabamos noutro domingo,
“enchida” por Deus da graza do seu Espírito, adiántase con presteza (“con moita
présa”, dinos Lucas), con moita xenerosidade e humildade, a percorrer o camiño
que a conduce á casa da súa curmá, Isabel. Tanto María como Isabel están á
espera de dar a luz. Isabel á espera do seu neno Xoán, o futuro anunciador ou
precursor do Señor, e María á espera de agasallarnos co infinito don de Deus:
Xesús, irmán noso e fillo benquerido de Deus Pai.
Toda
a liturxia de hoxe (como tamén en xeral a do Advento e Nadal) é, en realidade,
relato ou loanza dun encontro. Dun encontro marabilloso: o de Deus connosco, e
o de cada un de nós coas persoas deste noso complicado mundo, que son irmáns
nosos, irmás nosas.
Deus
é xa desde sempre encontro fondo e misterioso. Desde a eternidade éo na súa
misteriosa Trindade. Encontro inimaxinábel, impenetrábel para nós, entre o Pai,
o Fillo e o Espírito. Pois ben, este íntimo encontro divino, tan fondo e íntimo
que por iso mesmo non podemos falar máis que dun só Deus, quere e decide
ampliarse ou manifestarse alén (por así dicilo) do interior de Deus mesmo cara
ó encontro concreto, histórico, connosco en Xesús.
Deste
modo, María, antes có precursor Xoán Bautista, convértese nese seu presto
camiñar cara ó encontro coa súa curmá Isabel na primeira precursora de Xesús.
Ela anuncia coa súa presenza a presenza de Xesús nela perante Isabel e perante
o seu fillo Xoán que está para nacer. María leva consigo o Xesús que vai nacer.
Por medio dela faise Deus presente en Xesús, mesmo antes do seu nacemento,
entre os próximos a María.
Encontro
agarimoso de dúas mulleres que se queren, que se estiman e que mutuamente se
axudan. Encontro anticipado de Xoán con Xesús, que enche de alegría o neno Xoán,
que está tamén para nacer, “brincando de alegría” no seo da súa nai.
Desde
o acontecemento de Xesús, o Deus que emparentou coa nosa humanidade, os
encontros de Deus connosco realízanse como encontros igualitarios, amorosos,
xenerosos, servizais. Só así poden ser encontros verdadeiramente salvíficos.
Deus salva, verte o seu Espírito, dende a proximidade e fraternidade de Xesús.
Non dende o “ordeno e mando”, desde o imperio, desde o poder ou desde a
intimidación ou a angustia.
É
así como estamos preparándonos verdadeiramente para o próximo encontro da Noite
Boa con Xesús. Unha noite á que xustamente chamamos “boa” porque ela é todo o
contrario de raios e tormentas, medos e desazos, turbulencias ou violencias. Os
relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as tradicións dos nosos nacementos
artísticos e populares soubérono expresar moi ben. Un encontro que se realiza no
máis espontáneo e inmediato da natureza: alí onde flúe clara a auga e se pode
tocar o brando musgo, entre años e ovelliñas, á beira do boi quente e tranquilo
e da fermosa e quieta muliña. Símbolos todos que falan co seu silencio e coa
súa soa presenza de paz, tranquilidade, humildade e irmandade universal.
Estamos
todos necesitados, ó longo das nosas vidas, desta aura propia do Nadal que está
a chegar. Mais non debemos estar só á espera de que eses encontros nos cheguen.
Debemos ofrecer nós mesmos este tipo de encontros ós demais. Revestírmonos do
espírito de Xesús, que é o espírito de Deus, e actuar co ímpeto e a forza que
proceden dese mesmo espírito nos nosos encontros e relacións con tódalas
persoas. Sobre todo con aquelas que poidan estar máis necesitadas destes
encontros fraternais e amorosos.
A
vida humana, toda ela, está chea de encontros. Que estes encontros se convertan
en desencontros depende en boa parte de nós. Quero dicir, depende de nós en
canto esteamos ou non “enchidos” dese espírito co que María foi ó encontro de
Isabel ou co que o neno Xesús se encontrou co neno Xoán. Porque, en definitiva,
sempre é Deus o que mobiliza e dá forzas e arte para a realización deses
encontros. Encontros que están sempre, por moi humanos que sexan e deban ser,
aureolados de divindade.
Encontros
que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen palabras. Semellantes a ese “pai ou
nai de tódolos encontros” que é o encontro no Nadal de Deus coa humanidade. O
encontro cun neno que nin sequera sabe falar, mais, iso si, que está disposto a
querer e a ser querido. Para que sexa verdade aquilo de Xoán de que Deus é
“amor”.
A
mediados do século pasado escribiu aquí en Vigo José Luis Martín Vigil unha
novela moi lida, admirada e reeditada que leva como título “La vida sale al
encuentro”. É ben verdade. Toda vida está tecida de encontros. Encontros cos
pais, cos irmáns e irmás, cos amigos e amigas, con esposos ou esposas, cos
fillos ou cos netos, cos estraños e diferentes. Encontros cos acontecementos
agradables ou desagradables da vida, coas ideas, coa nosa conciencia, coa nosa
vida toda e coa dos demais, coa morte dos que estimamos ou queremos, coa espera
e coa esperanza, co medo da nosa propia morte, etc. E, a través de todo isto,
encontro connosco e co Deus que está no fondo e nos alicerces mesmos de todo
este tipo de encontros.
O
que non é posíbel é vivirmos á marxe de moitos destes encontros. Hoxe, na
véspera da Noite Boa, deberiamos prepararnos mental e cordialmente para o
encontro de tódolos encontros que se concentra nun humilde lugar onde Deus se
fai humano e os humanos recibimos a posibilidade de sermos verdadeiramente
semellantes a Deus, de participarmos realmente da propia natureza divina.
Un
plan tan grandioso e inimaxinábel que só un Deus verdadeiramente namorado de
nós pode concibir. Aquí só cabe agradecer e corresponder.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario