Domingo 4 de Advento C


PRIMEIRA Miq 5, 1-4a
De ti sairá quen domine a Israel
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

Isto di o Señor:

5 1E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,
de ti vai saír un que será o soberano de Israel;
a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.
El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;
o resto dos seus irmáns volverá,
e serán devoltos os fillos de Israel.

3Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,
coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,
e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:
4 "o da Paz" será o seu nome.
  


SAL. RESP. Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
R/ (4): Restáuranos, Deus;
móstrate e seremos salvos.

2Escoita, pastor de Israel,
que guía-lo rabaño de Xosé;
ti que sentas sobre os querubíns,
3esperta o teu poder e ven salvarnos.

 15Dá a volta, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e ve.
Atende esta vide,
16este sarmento que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.

 18Que a túa man protexa ó teu elixido,
o home que ti fortaleciches.
19Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo, e invocarémo-lo teu nome.



SEGUNDA Hebr 10, 5-10
Velaquí veño para face-la túa vontade
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

Irmáns e irmás:

Cando Cristo entra no mundo, di:
"Sacrificios e ofrendas non os quixeches,
pero formáchesme un corpo;
6holocausto e sacrificio de expiación
non che gustaron;

7Entón dixen:
olla que xa cheguei, meu Deus,
para face-la túa vontade
-como se di de min nun capítulo do libro"-.

8Di no comezo: "Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os
quixeches nin che gustaron" (todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); 9e di
despois: "Olla que xa cheguei para face-la túa vontade". Deixa sen validez o primeiro
para darlle soamente validez ó segundo. 10Foi por esta vontade de Deus, como
quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.



 ALELUIA Coma no n. 11



EVANXEO Lc 1, 39-45
Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 39Naqueles días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá.
40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41E en oíndo Isabel o saúdo de María, o
neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42exclamou Isabel, a grandes
voces:

-Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43Quen son eu para que
me visite a nai do meu Señor? 44Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou
de alegría a criatura no meu ventre. 45Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che
anunciaron de parte do Señor!



Comentarios

Publicacións populares