Ficha e Lectio - Advento 3 C

LECTIO:

Fronte a medos, festa rachada
(16-XII.2018)
            Cando os días se está a facer máis curtos, porque o sol levanta pouco a testa e o inverno dá sinais de estar xa preto, contra vento –pois- e marea, a liturxia declárase hoxe en folga respecto de sentimentos que se poderían asociar con estes acontecementos meteorolóxicos. Para ela, e polo tanto para nós, nada de tristuras, desazos e sentimentos semellantes.
            O motivo é que sempre, ó longo das nosas vidas, mais especialmente e de maneira formal neste tempo de Advento, estamos a esperar o Señor que vén. Que vén, segundo comentabamos, como liberador dos nosos medos, angustias e dúbidas en relación co que vai ser de nós, da humanidade e do mundo. El é quen nos posibilita a esperanza, porque nos abre un futuro firme e seguro. Por iso temos dereito, grazas á Boa Nova do Evanxeo, a vivirmos con alegría.
            Así o declaran polo menos, de maneira ben alta e clara, os textos e lecturas desta nosa celebración eucarística de hoxe. Xa na mesma Antífona de entrada fomos convidados á ledicia comunitaria ó utilizárense nela estas palabras de Paulo na súa carta ós Filipenses: “Alegrádevos sempre no Señor, vivide sempre na súa ledicia, o Señor anda preto de nós”. E Paulo insistirá aínda na mesma carta en que non deberiamos desacougarnos “por cousa ningunha”.
            A encarnación, pois, de Deus na nosa carne mortal, é dicir, o seu emparentamento coa humanidade toda e, en consecuencia, con todas e cada unha das culturas, linguas ou relixións, debería ser motivo abondo para que a humanidade enteira se alegrase coa vinda de Xesús. Porque Xesús veu xa, está vindo e seguira á vir sempre para todos e cada un dos seres humanos. Non só para algúns.
            Non deixa de ser mágoa que ás veces os cristiáns teñamos dado a impresión de non sermos ou térmonos presentado aberta e decididamente felices ante os demais. Polo menos un importante filósofo alemán do século XIX, moi lido, que se chamaba Nietzsche, criticaba os cristiáns e os crentes en xeral por esta razón. Dicía que el “só crería nun Deus que soubese bailar”. E criticaba a “sacerdotes” e crentes por non proclamaren a alegría senón a dor e a tristura: “Deberían cantarme mellores cancións, para aprender eu a crer no seu Liberador. Deberían parecerme máis liberados os seus discípulos”.
            Coido que deberiamos aceptar o consello de Nietzsche. Non porque o diga el, senón porque resulta ser unha proclamación central, como vedes, da nosa fe: a de vivirmos alegres no Señor, porque el nos salvou, nos liberou, ó se facer un de nós, irmán noso e de todos. Por algo o papa Francisco escribiu hai só cinco anos a súa fermosa exhortación apostólica que leva como título “A alegría do evanxeo”.
            O sentírmonos irmáns de todos provoca, efectivamente, alegría en nós e en cantos poden experimentar e comprobar que somos de verdade irmáns deles.
            A pesar de que Xesús centrou a súa mensaxe xustamente nisto, chama moito a atención o feito de que Lucas, no seu evanxeo de hoxe, nos presente xa a Xoán Bautista, o precursor do Mesías, nesta mesma liña de Xesús. Uns e outros pregúntanlle ó Precursor qué é o que teñen que facer. O Bautista, que á fin e ó cabo era un home do Antigo Testamento e polo tanto sabía moito de ritos, sacrificios, penitencias e preceptos que había que cumprir, deixa de lado todo isto e respóndelles con toda claridade e ben concretamente: O que tendes que facer é ser bos cos demais. Nada máis e nada menos: ser xustos, bondadosos con todos. É dicir, exercer de irmáns dos que están arredor dun. Ou, como adoitamos dicir tantas veces, compartir.
            Curiosamente, de entre os tres consellos ou mandados que o Bautista lles formula ós seus oíntes e discípulos non hai sequera un que se refira directamente a Deus. Os tres, para dicilo dunha maneira algo provocadora, son humanos, non “divinos”. Velaquí as propostas que lles fai Xoán. Dilles á xente: “O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo quen teña que comer”. Polo tanto, de novo: compartir e máis compartir... Ós que teñen o oficio de cobrar os impostos: “Non esixades nada máis do que vos está mandado”. E ós soldados, é dicir, ós militares e policía dun país daquela sometido a un poder estranxeiro (o de Roma): “Non asoballedes nin saqueedes a ninguén...”.
            Se isto o podía dicir o Bautista, ¿que non poderá dicir Xesús, aquel do que Xoán dicía que era “máis forte” ca el e do que el non se consideraba digno de lle desatar os amallós do seu calzado? Porque Xesús bautizaranos non con “auga”, é dicir, de maneira puramente ritual, natural  e humana, senón, tal como o anuncia o Bautista, co “Espírito Santo”, é dicir, coa liberdade, o amor e a grandeza do mesmo Deus, que Xesús fará descender sobre nós como Espírito.
            En certo modo, poderiamos dicir que Xesús se converte así en precursor ou presentador do Espírito Santo. Pois Xesús, ó final da súa existencia histórica entre nós, mandaranos o seu Espírito, que encherá cos seus dons as vidas dos crentes.
            A espera de Xesús deste tempo de Advento é, polo tanto, unha espera que non pode ser senón alegre e agradecida, porque con el nos chega o Deus enteiro, pra dicilo dalgunha maneira: o Deus que é Pai, Fillo e Espírito Santo.
            Na oración, chamada “Colecta” na linguaxe litúrxica, do comezo da nosa eucaristía de hoxe, pediámoslle a Deus Pai deste xeito:
            “Señor, encamiña o noso corazón cara á ledicia do gran misterio do nacemento do teu Fillo”.
            Digamos, pois, todos agora tamén, asentindo de corazón ás palabras desta oración: AMÉN.

TODOS: AMÉN.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN: 

https://www.gruposdejesus.com/domingo-3-advento-c-lucas-310-18/




Comentarios

Publicacións populares