Domingo 2 de Advento C





PRIMEIRA Bar 5, 1-9
Deus vai mostra-lo teu esplendor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE BARUC


5 1Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgracia,
e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.

2Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:
pon na túa cabeza a diadema da gloria do Eterno.
3Deus vai mostra-lo teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,
4pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre "paz da Xustiza e Gloria da Piedade
diante de Deus".

5Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto,
e mira cara ó nacente,
olla ós teus fillos reunidos pola palabra do Santo,
alegres pola lembranza do Señor
desde o poñente ata o nacente.

6Saíron de onda ti,
levados a pé polos inimigos,
pero Deus devólvechos en andas de gloria,
coma un trono de realeza.

7Pois mandou o Señor que se rebaixasen
os montes altos e os vellos outeiros
e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,
para que Israel camiñe con paso seguro,
guiado pola gloria de Deus;

8e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes
déronlle sombra a Israel.
9Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,
coa misericordia e a xustiza que están con El.




SAL. RESP. Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/ (3): O Señor fai connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

 Cando vire o Señor a sorte de Sión,
estaremos coma en soños.
2Terémo-la boca chea de risos
e a lingua de cantares.

 3Os pagáns dirán entón:
-"O Señor fai con eles cousas grandes".
O Señor fai connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

 4Vira, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
5Os que entre bágoas sementan,
entre cantares recollen.

6Cando van, van chorando
os que levan a semente.
O viren, veñen cantando
os que traen os monllos.





SEGUNDA Flp 1, 4-6. 8-11
Sede sinceros e permanecede sen pecado para o día de Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

 Irmáns e irmás:

4Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, 5pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. 6Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús.

 8¡Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! 9E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: 10así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, 11e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e louvanza de Deus.



ALELUIA Coma no n. 4 


EVANXEO Lc 3, 1-6


Todos verán a salvación de Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
  
3 1No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: 2durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto.
3Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acada-lo perdón dos pecados, 4conforme está escrito no libro do profeta Isaías:

Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.

5Toda barranqueira se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
6E todos verán a salvación de Deus.

  







Comentarios

Publicacións populares