Ficha e lectio - Domingo 2 de Advento C

LECTIO:

DOMINGO II DE ADVENTO 
(Ano C: 9. XII. 2018)

            O calendario fai desta vez que teñamos dous días festivos seguidos: onte a Inmaculada e hoxe o 2º domingo de Advento. Esperemos que isto non sexa motivo para atragoármonos. Procurareino pola miña parte.
            A espera de María da vinda ó mundo do seu fillo Xesús, que ela nos traería, é sen dúbida un caso único e inenarrábel da nosa historia da salvación. Unha mociña pobre, absolutamente entregada a Deus, que aporta á historia da humanidade o máximo valor que a humanidade podería esperar e desexar: o Deus humanizado, o Deus connosco, o “Emmanuel”. Deus entrando na historia humana nas mans nosas. Algo inimaxinábel! Claro que para iso tivo que se facer Deus moi pequeno. Un neno, que ó principio non faría outra cousa máis que chorar e desexar agarimo, coma tódolos nenos.
            Ben. Estamos á espera dese Neno, preparándonos para acollelo. A liturxia, as Lecturas, as palabras sagradas, lévannos cada domingo por lugares distintos. Hoxe amósaseme todo en principio como algo disperso, sen un claro eixo estruturador. Fálase aquí e alá de cousas importantes: da alegría, da morriña cristiá de Paulo, do amor e da sensibilidade que hai que ter, da xustiza, etc. Todo un pouco revolto. Mais, dándolle algunhas voltas ó maxín, pódese encontrar algunha idea máis xeral ou estruturante e, ademais, coido que moi contundente na súa mensaxe de fondo.
            Refírome a iso do que se nos fala tanto na 1ª Lectura, a do libro de Baruc, coma no Evanxeo, onde Lucas fai referencia, falando de Xoán Bautista, a outro moi importante profeta do Antigo Testamento, nada menos que Isaías. O primeiro proclama a necesidade de acabar cos atrancos que se lle poñen diante ó pobo de Deus para que poida experimentar de verdade a chegada e a presenza de Deus nas súas vidas: “Mandou o Señor que se rebaixasen os montes altos e os vellos outeiros e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas, para que Israel camiñe con paso seguro, guiado pola gloria de Deus”. Pola súa parte, Xoán Bautista, que moito tempo despois actúa desde o deserto, é dicir, desde a soidade e desde a súa non-conivencia cos poderosos deste mundo, vai atraer cara a si as xentes máis diversas da rexión para lles dicir algo semellante: “Preparade os camiños do Señor, reparade os seus vieiros. Toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os fragosos hanse achanzar. E todos verán a salvación de Deus”.
            Son naturalmente comparanzas, símiles, alegorías, pero que abranguen seguramente máis que moitas palabras cumpridas e exactas.
            Cinguíndonos o caso do noso Advento. ¿Que nos están a dicir esas imaxes ou que nos quere dicir a liturxia con elas? Os profetas non falaban en xeral, senón facendo referencia a cousas moi concretas do seu tempo. Mais tanto Baruc como Isaías ou tamén o Bautista, en canto inmediato preparador e anunciador da vinda de Xesús, pertencían aínda en definitiva ó Antigo Testamento. E un profeta de hoxe (e habelos hainos, grazas a Deus, tamén hoxe en día) debería falar dunha maneira máis decidida e concreta, porque Xesús hai xa máis de dous milleiros de anos que veu a este mundo e parece que vai xa sendo horas de que tomemos algo máis en serio a súa mensaxe.
            Pois ben. Nos escritos do Novo Testamento temos algo así coma unha minuta do que deberiamos profetizar, é dicir, anunciar con forza, os seus seguidores. E todos deberiamos actuar, cada un á súa maneira e na súa concreta e particular situación, como profetas. Os atrancos que se opoñen á aparición ou presenza de Deus entre nós, dos que nos falan os profetas antigos pero que son aludidos tamén por un autor do Novo Testamento como Lucas, seguen sendo os mesmos. Mais, dada a aparición de Xesús na historia humana e o coñecemento que temos da súa mensaxe, hai unha meirande urxencia para destruílos. Xesús destruíu en principio tódolos atrancos (“montes” e “outeiros”) que se nos poderían poñer diante nosa, tanto relixiosos como humanos. Desde a vinda onda nós de Xesús, Deus é o noso Pai, máis exactamente, o noso “papaíño” ou, se queremos, a nosa “naiciña”,  e os demais convértense así en irmáns meus. ¿Qué outros atrancos fundamentais nos poderían impedir que actuemos na vida con liberdade, con confianza, con amor?
            En consecuencia, temos que loitar como cristiáns contra  eses outros montes e outeiros artificiais do poder e da inxustiza que se teñen convertido no noso tempo en verdadeiros e aparentemente inamovíbeis atrancos para a fraternidade que Xesús veu traer á terra. Non fai falla concretar moito, pois todos estamos máis ou menos ó tanto do que está a ocorrer no mundo, en varios países europeos, tamén en Galicia: paro, desafiuzamentos, forte descenso da natalidade, mocidade bloqueada nas súas posibilidades de desenvolvemento social e humano, etc. Se nós como cristiáns nos lavamos secretamente as mans ante estas ou semellantes inxustizas ou apoiamos a xentes e colectivos que provocan ou consenten estas situacións, entón certamente non nos podemos considerar como modélicos seguidores de Xesús. Dese Xesús que se enfrontou ós poderosos do seu tempo, tanto relixiosos como políticos, e que por esa razón acabou como acabou. O mundo, a humanidade, ten, pois, un Salvador porque Xesús foi quen foi e actuou como actuou.
            Por iso, neste tempo de Advento, a mellor preparación para a vinda de Xesús no Nadal sería darlle voltas na nosa cabeciña e no noso corazón e en unión comunitaria cos demais para vermos se no noso modo de pensar e de vivir temos algo dos folgos de Xesús para loitar contra aquilo que el criticou ou fustrigou durante a súa vida. Contra eses montes e outeiros que non deixan que as persoas vivan libres e ceibes, iguais entre si coma irmáns, felices e esperanzados.
            Non podemos prepararnos como é debido para a chegada próxima e futura de Xesús se el non está realmente, deste xeito, xa antes connosco, na nosa mente, no noso corazón e nas nosas actuacións.

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invocamos como fillos a Deus Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Axúdanos, Pai, a preparármonos coa túa graza para recibirmos con ledicia e agradecemento o teu fillo Xesús no Nadal. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, a nosa mente e fortalece o noso corazón para loitar contra os atrancos que se opoñen ó xurdimento neste mundo do teu reino de xustiza e fraternidade. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, nos gobernos das nacións espírito solidario para que teñan presente na súa acción política as necesidades e problemas dos máis desfavorecidos. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

https://www.gruposdejesus.com/domingo-2-advento-c-lucas-31-6/




Comentarios

Publicacións populares