FICHA E LECTIO: Domingo 21 do Tpo. Ordinario A
LECTIO:
Quen dicimos que é el?
(23 de agosto de 2020)
Non nos é posíbel maxinar Xesús centrado, por dicilo así,
en si mesmo, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos
particulares. Á maneira de como procedemos tantas veces nós ó longo da vida,
intentando resolver os nosos pequenos ou grandes problemas relacionados coas
nosas doenzas corporais, co noso éxito profesional, calculando con coidadiño as
vantaxes ou inconvenientes que neste sentido esta ou aquela decisión nos poidan
aportar.
El non se dedicou propiamente á súa vida privada e
particular. Neste sentido podemos dicir que era unha persoa pública, que estaba
aí para os demais. Foino xa nalgún momento cando era aínda moi novo. Abonda con
lembrar o episodio aquel de se quedar no templo, sendo aínda un rapaz e sen que
os seus pais o soubesen. Serao naturalmente sobre todo na súa idade adulta, por
ben mozo que aínda fose. Falo de persoa pública non no sentido que se lle dá
hoxe en día, por exemplo, ós que se dedican á política, á administración pública
ou cousas semellantes.
Non. El era un home público simplemente porque non vivía
illado dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos
particulares ou co seu porvir persoal. Preocupábase sobre todo por estar atento
ós problemas e dificultades dos demais. Buscaba facelos felices, dándolles
perspectivas e esperanzas de vida e comunicándolles a boa nova de sermos irmáns
e fillos dun mesmo Pai, destinados ademais a unha resurrección para sempre alén
desta vida.
E, ¡claro!, os que precisaban este tipo de novas eran o
común das persoas, cantos tiñan que loitar e traballar por se manteren a si
mesmos e as súas familias... Certamente, non tiñan necesidade de estaren
atentos ó seu modo de ser e ás súas palabras os que se atopaban satisfeitos nos
seus pazos reais ou dispuñan de riquezas suficientes para non teren que
preocuparse polo seu presente ou polo seu porvir... Isto explica por que tivo
como oíntes, acompañantes ou discípulos xente sobre todo das clases “baixas” ou
humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres, etc..
Para todas eles era el un incríbel e inesperado
acontecemento. O seu discurso, a súa chamada era naturalmente para todos –non
excluía a ninguén-, mais había xente, os que podemos chamar “poderosos” e
autosuficientes, que se excluían a si mesmos, que se consideraban exentos de
lle concederen importancia algunha. A non ser como mera curiosidade, tal como
lle pasaba por exemplo ó rei Herodes, que por mor diso quería velo ou telo diante de si mesmo, pois
tratábase dun personaxe famoso sobre o que a xente falaba moito. No imaxinario
de Herodes, Xesús estaría máis ou menos na liña do que hoxe en día vén sendo un
cantante, un futbolista ou algún famoso político.
Agora ben, Xesús era de modo especial unha persoa pública
polo que era, polo que dicía, porque tiña cousas importantes que lles dicir a
persoas e colectivos con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que
canto dicía ou facía procedía dunha fonda e íntima experiencia persoal.
Notábase nel ademais que procedía cunha estraña e desacostumada autoridade, a
diferenza dos meros repetidores de normas ou textos sagrados, como escribas e fariseos adoitaban
facer.
Por iso ós seus discípulos non lles tivo que estrañar a
pregunta que lles dirixiu un bo día: “Quen
di a xente que é o Fillo do Home?”. O Fillo do Home, é dicir, esa persoa
que aquí tedes diante de vós, que é coma vós, ser humano coma vós, incardinado
plenamente na historia humana e polo tanto na vida concreta dos seus coñecidos,
compañeiras e compañeiros da Palestina do seu tempo.
Non foi el un personaxe público ó estilo do noso tempo,
onde por exemplo os políticos saben analizar con coidadiño as enquisas que se
publican sobre a estima ou desestima que hai sobre eles. O que a el en realidade
lle interesaba era realizar unha transmisión auténtica e verdadeira da mensaxe
que el recibira do Pai para o mundo. Debido a isto pasa axiña da pregunta ós
seus discípulos polo que a xente di sobre el á pregunta directa a eles mesmos, os
seus colaboradores ou chamados directamente por el mesmo para formaren parte do
seu grupo: “E vós, ¿quen dicides que son
eu?”
A resposta de Pedro (“Ti
es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é tan incríbel que Xesús ten que lle
confesar a Pedro que unha resposta así non podía ter outra orixe ca que lle
fose suxerida a Pedro polo mesmo Deus Pai do que Xesús se sabía fillo
“benquerido”. Incríbel digo, porque cando el fala de si mesmo como “Fillo do Home”, Pedro lle responde que el é nada
menos que “o Fillo de Deus vivo”.
En realidade, este é o grande e definitivo misterio de
Xesús. El mesmo coidarase por iso de lles advertir ós seus discípulos que non o
anden dicindo por aí, para evitar así malentendidos ou interpretacións en clave
simplemente política. Refírome ó gran misterio de que Xesús é ó tempo “Fillo do
Home” e “Fillo de Deus”. Desde logo, para Pedro poder crer e para podermos crer
nós mesmos hoxe en día neste prodixio realizado por Deus Pai no seu incríbel achegamento
á humanidade fai falla unha fe que non pode proceder sen máis do noso pequeno
mundo. Así llo comunica el a Pedro: “Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque
non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos”.
Ben nos fala Paulo neste sentido na súa carta ós Romanos
sobre a incríbel grandeza da mente e dos plans de Deus: “¡Que fondura é a da
riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! ¡Que inescrutábeis son os seus
xuízos e inexplorábeis os seus camiños”.
Este tipo de “boas” novas -fundamentais, grandes e
alegres- son as que estamos chamados, coa palabra e cos feitos, a agradecer
íntima e comunitariamente a Deus e a lle comunicar á humanidade do noso tempo,
no noso aquí e no noso agora. Pois cremos e sabemos que el é suficientemente
grande e poderoso como para facer que a súa boa e marabillosa nova se espalle
tamén no noso tempo e en calquera lugar do mundo.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario