FICHA E LECTIO: Domingo 18 do Tpo. Ordinario A

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Pan compartido ou espada que divide
(2 de agosto de 2020)
            O relato da multiplicación dos pans e dos peixes é un deses que se prestan a seren considerados, polo súa aparencia fantástica e marabillosa, como algo case folclórico ou pouco merecedor de atención e reflexión. A min paréceme, en cambio, que hai nel moita carga de mensaxe fondamente cristiá, alén do seu aspecto anecdótico e sorprendente.
            En primeiro lugar, cómpre situar o relato, tal como fai o evanxelista Mateo, en relación co acontecemento da morte, mellor, co asasinato de Xoán Bautista, o profeta anunciador de Xesús como o Mesías esperado. É unha relación de auténtico contraste. A degolación do Bautista foi un verdadeiro escándalo. O Bautista é vilmente asasinado no cárcere por orde dun alegre o bebido Herodes, que está a celebrar con viño de marca e unha boa enchente o seu aniversario. Rodeado de magnates e xente de poder e incitado a se desfacer do Bautista por unha alegre bailarina tras esta ser aconsellada por unha vingativa nai. O profeta non fixera outra cousa senón dicirlle a Herodes que non lle era lícito vivir coa muller do seu irmán, a nai da bailarina. Poder, honor e o medo a verse desprovisto deles son os que levan o tetrarca Herodes a cometer esa vileza.
            Como vedes, no relato deste acontecemento, que Mateo pon inmediatamente antes da multiplicación dos pans e dos peixes, Herodes e os convidados e asistentes ó banquete do seu aniversario están instalados na fachenda, na inxustiza, na inmoralidade, na busca do propio interese, no espírito da violencia e no desenfreo das propias paixóns. Alí non pode ter cabida ningún xusto a non ser que entre xa decapitado, como lle ocorre ó Bautista no intre de lle ser entregada a súa cabeza nunha bandexa á bailarina. É este un xantar de aniversario entre inxustos e violentos, onde prima todo o contrario do que debería ser un encontro igualitario e fraternal de alegre comensalía.
            Mateo cóntanos que Xesús, que tanto admiraba o seu curmán Xoán, ó saber da morte do Bautista, “se retirou nunha barca a un lugar deserto e arredado”. Estaría seguramente moi conmocionado co asasinato do Bautista. Mais non renuncia porén a seguir anunciando e practicando a “boa nova” que o Pai lle confiou para ben do mundo. É esta unha boa ou alegre nova, que non consiste no desenfreo, na esmorga, na ostentación ou no exercicio do poder, do que facían gala Herodes e mailos seus adictos. A boa nova de Xesús, polo contrario, está directamente relacionada coa igualdade e a fraternidade, coa renuncia á violencia e ó poder, co exercicio da misericordia con todos e de maneira especial cos máis necesitados. É o que nos recorda tantas veces o papa Francisco sobre que o cristianismo ten que anunciar e practicar a misericordia.
            A xente busca e espera misericordia. Por iso busca Xesús fuxindo dos poderosos, pois estes non se privan de exercer a violencia cando lles cómpre. Dinos Mateo que Xesús, lonxe de poder ter ocasión de acougar un pouco, pensar e orar tralo asasinato de Xoán Bautista, “se atopou cun gran xentío”, que se “conmoveu” e que “curou tódolos enfermos”. A xente sabe que Xesús non fai pausas no exercicio da misericordia. Para iso ten tempo sempre, aínda que sexa no día sagrado do xudaísmo, o sábado, no que segundo as minuciosas normas relixiosas non se podía case facer nada.
            Coido que non se entendería ben a multiplicación dos pans e dos peixes á marxe ou fóra deste contexto “misericordioso” de Xesús. Non hai aí, por parte de Xesús, ningún intento de ostentación de poder (iso é cousa de Herodes e dos seus). Hai só preocupación polos problemas das persoas. A xente necesita e quere ser atendida, axudada, sandada, amada, alimentada con manxares físicos e anímicos.
            É moi cómodo, e sobre todo inxusto, dicirlles ás persoas necesitadas que se busquen elas mesmas esas cousas, cando sabemos que non están en condicións de conseguilas. Era esa tamén a proposta dos discípulos de Xesús coa multitude que seguía amoreada arredor del, ben avanzada xa a tarde. Non. Xesús sabe que as comodidades e os egoísmos, por pequenos que sexan, impiden a fraternidade e a igualdade universal. Todos podemos, por pouco que teñamos, axudar a outros, compartindo os nosos bens, aínda que non sexan “máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes”.
            O milagre da multiplicación dos pans e dos peixes non é máis có milagre que produce o compartir con outros o pouco ou moito que teñamos. Porque se compartimos dese modo, Deus non deixará de compartir tamén e colaborar connosco, producindo o milagre dunha comensalía e alegría compartidas entre todos. Entre tódolos pobos e nacións da terra.
            O milagre da multiplicación dos pans e dos peixes contén unha mensaxe moi actual. Porque ben sabemos da crítica situación en que se atopan hoxe en día persoas e familias, tanto entre nós coma no mundo enteiro, e non só por razón da pandemia que nos rodea. Tamén sabemos da corrupción, herodiana (poderiamos denominala), de non poucos representantes políticos. Temos, pois, que optar entre pertencermos ó grupo de Herodes, o dos adictos a un poder que conduce á violencia e á morte, ou ó grupo de Xesús que comparte con todos nunha atmosfera de igualdade e irmandade en canto fillos que somos todos dun mesmo Deus Pai.
            Se é verdade a mensaxe de Xesús, tal como cremos, entón sabemos tamén que a humanidade só se poderá construír autenticamente desde o espírito e o exercicio do “compartir”. Compartir con cantos precisen dos nosos bens materiais e espirituais. Tarefa, desde logo, moi sublime, mais tamén ben práctica e doada de entender.
            As nosas eucaristías rematan sempre coa comuñón eucarística, que vén sendo unha actualización sacramental da multiplicación dos pans e dos peixes. Que ese espírito misericordioso e dadivoso de Xesús penetre no noso interior co pan eucarístico.


Manuel Cabada Castro





VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares