DOMINGO 18 de ORDINARIO - CICLO A
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Comprade comida e comede
Así fala Señor:
¡Oh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 8-9. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti a túa man, Señor, e dásnos fartura.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.
O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.
Segunda Lectura Rm 8, 35. 37-39
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ningunha criatura nos poderá separar do amor de Deus, que se dá en Cristo
Irmáns:
¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?: a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 4, 4b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
Aleluia.
Evanxeo Mt 14, 13-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Comeron todos e saciáronse
Naquel tempo, cando soubo Xesús da morte do Bautista, retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
‑ O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
‑ Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
Eles responderon:
‑ Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
‑ Pois traédemos aquí.
E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario