Domingo 19 do Tempo Ordinario A
Primeira Lectura 1 Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor
En chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
Díxolle o Señor:
- "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán.
Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor.
Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/. (8): Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.
Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.
A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.
O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.
Segunda Lectura Rm 9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns
Irmáns:
Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos séculos. Amén.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.
Evanxeo Mt 14, 22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga
Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.
Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.
Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asustados: "é unha pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
De seguida faloulles Xesús dicindo:
- Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
Respondeulle Pedro:
‑ Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
El díxolle:
‑ Ven.
Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a berrar:
‑ Señor, sálvame!
Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
‑ Home de pouca fe, por que dubidaches?
Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca, prostráronse perante el dicindo:
‑ Realmente ti es Fillo de Deus.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario