Ficha e Lectio - Domingo 4 de Ordinario C

FICHAS ANTERIORES:




FICHAS ADAPTADAS DE: 



LECTIO:

Escorrentando medos
( 3. II. 2019)

            No evanxeo de hoxe cóntasenos a reacción da xente de Nazaret, a aldea na que se criara Xesús, ó seu programa “liberador”, que Xesús acababa de poñer en relación co profeta Isaías. Unhas palabras, as de Xesús, que contiñan un decidido anuncio de Boa Nova para os pobres e de liberación ou liberdade para secuestrados ou asoballados.
            Xa comentei, ó final do comentario do anterior domingo, que os veciños e coñecidos de Xesús non acababan de comprender esa mensaxe alegre e “liberadora” de Xesús. As razóns fundamentais eran porque Xesús, por moi diferente que fose dos demais na intensidade da súa fe e no seu compromiso práctico coas necesidades e problemas da xente, non deixaba de ser un máis entre os outros.
            ¿Quen era, pois, el, o fillo dun carpinteiro de aldea, para proclamar cun mínimo de autoridade tales ideas liberadoras? Na cultura, no modo de pensar e de actuar da xente da súa aldea, a autoridade só podía residir no que fose sacerdote, escriba, ancián ou pai de familia. Mais nada diso era Xesús e, polo tanto, non podía menos de provocar estrañeza e desconfianza un tal anuncio aínda que só fose polo mero feito de vir de quen viña. Respecto da autoridade da que podía estar revestido, Xesús era simplemente un ninguén.
            Pero hai aínda algo máis. Xesús falaba programaticamente de boas noticias para a xente, de que as persoas deberían vivir libremente, felices e non sometidas a tiranías ou sometementos de ningún tipo. E todo isto era proclamado por el ademais nunha sinagoga. É dicir, precisamente nun lugar onde os seus conveciños ían aprender e se instruír sobre normas, leis e preceptos que había que cumprir para poder considerarse xustos e así non estaren expostos á ira e ós castigos de Deus.
            En realidade, o que na súa lectura fixo Xesús foi transformar o texto de Isaías para incluír nel a súa propia visión de Deus como Pai bondadoso e misericordioso. Por iso omitirá Xesús a frase do texto de Isaías sobre o “día da vinganza” de Deus (Is. 61, 2), para insistir en cambio exclusivamente na “graza” de Deus, non na condena. Será isto precisamente o que provocará a reacción en contra súa dos asistentes á sinagoga. Pois deste modo convértese Xesús nun verdadeiro perigo para os costumes, as crenzas e as ben detalladas leis que rexían a vida familiar, social e política da xente. Do cumprimento das normas legais relixiosas dependía mesmo a subsistencia do pobo como tal.           
            Ademais, a realización do anuncio de Xesús esixía romper cos límites ou fronteiras da xudaísmo. Pois a  mensaxe de liberación ía dirixido a tódolos asoballados, secuestrados ou oprimidos. Polo tanto a salvación de Deus non precisaba pasar antes polos ritos e leis do xudaísmo. Por iso, Xesús, ante a estrañeza e incipiente oposición dos seus oíntes, aludirá precisamente á liberación da fame ou da gafeira (da lepra) que os profetas Elías ou Eliseo realizaron con persoas que non pertencían ó pobo xudeu. Pois a viúva de Sarepta era fenicia e Naamán era sirio.
            Como vedes, o programa liberador e universal de Xesús era algo que o exclusivismo e elitismo xudeu non podía aturar. Se comprendemos todo isto, non nos estrañará que a reacción da xente ante o dito por Xesús fose a que foi. A xente entendera moi ben que o que dicía Xesús acababa coas tradicións e supuña unha verdadeira revolución na concepción relixiosa do xudaísmo e na comprensión concreta de Deus. Un Deus que se manifestaba agora en Xesús como Pai de todos, creando irmandade entre todos e unha fonda relación de amor tan concreto coma universal. Por iso Xesús tiña que ser eliminado e, se fose posíbel, alí mesmo. Para eles a relixión da lei e dos minuciosos preceptos estaba claramente por encima dos que hoxe chamamos “dereitos humanos”.
            Lucas dinos que os que oíron o que dicía Xesús “se puxeron feitos unhas feras” e que intentaron precipitalo desde o alto dun monte. En realidade, este frustrado episodio de Nazaret vén sendo case un prenuncio do que lle ocorrerá a Xesús ó final da súa vida, cando os gardiáns da pureza relixiosa e legal se ergan xa definitivamente contra el, para eliminalo, esta vez si, de verdade.
            Neste contexto comprenderemos tamén, e case como contrapunto do ocorrido en Nazaret, que Paulo se sentise impulsado a falar do amor tan belamente como o fixo na súa primeira carta ó Corintios de hoxe. Porque se hai algo central na mensaxe de Xesús é o amor. Deus Pai é amor e maniféstase en Xesús como Amor mutuo entre el e o Pai e como amor dirixido a tódalas persoas do mundo enteiro, convertidas en irmáns e irmás que se queren, que se aman. Por iso para Paulo, se nos falla o amor, aínda que teñamos sobresaliente ou matrícula de honor noutras materias, suspenderemos sen remedio o curso, o curso da vida. Para Paulo non é abondo con ter notas moi altas no coñecemento de Deus, na elocuencia relixiosa, na paciencia ante as adversidades, ou incluso en virtudes tan importantes, chamadas por iso “teologais”,  como son a fe ou a esperanza. Porque mentres nos falle a terceira das tres, o amor, o esforzo por sacar peito nas anteriores materias non acadará en definitiva bo resultado.
            Por que o amor é tan importante? Pois porque sabemos ben que onde hai amor, non hai sometementos, non hai asoballamentos, non hai secuestros, non hai escravitude. Paulo mesmo dicía neste seu canto ó amor que o amor “non simpatiza coa inxustiza”. Nunha palabra: o amor é importante porque alí onde hai amor, hai liberdade. Esa liberdade ou liberación, que Xesús colocara precisamente como firme alicerce do seu programa de Nazaret e que tanto enfurecera os seus veciños e coñecidos.
            O “medo á liberdade” do que falaba no século pasado o psicólogo e filósofo Erich Fromm existe, como vedes, desde hai moito tempo. Non deixa de sorprender como podemos ser tan teimudos para opoñérmonos a algo que tan unido está á nosa felicidade.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:



RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:




Comentarios

Publicacións populares