Ficha e Lectio - Bautismo do Señor C
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Pomba libre
(13 xaneiro
2019)
Polo
menos os máis maiores dos que estamos aquí recibimos o bautismo cando eramos
moi pequenos. Eu, concretamente, tiña só cinco días cando ocorreu tal
acontecemento, ás seis da tarde dun día 20 –moi feliz supoño- do mes de outono...
Os
nosos pais e padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do
sacramento recibido, sen sermos conscientes do que alí pasaba, transformáronnos
oficialmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico de Cristo, á súa Igrexa.
Dada esta inconsciencia do que alí ocorría temos que ser sempre comprensivos
con persoas que, andando o tempo e de maneira xa consciente e libre, decidiron
romper polas razóns que fosen cunha decisión que eles persoalmente non tomaran.
Posibelmente coñecemos algúns destes casos.
De
calquera maneira, o bautismo do Señor que celebramos hoxe foi moi distinto
deste noso infantil bautismo. Se nós eramos entón infantes inconscientes, Xesús
era en cambio un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. No seu caso
foi, pois, un acto moi consciente e persoal. Xesús sentiríase atraído, como
tamén outros compañeiros ou coñecidos seus, pola figura, o comportamento e as
palabras do Bautista que chamaba á conversión e a se preocupar por facer o ben
desde o seu propio e persoal testemuño de vida. Moito do atractivo do Bautista
consistía en que aquilo que el predicaba ou proclamaba estábao a levar á
práctica el mesmo na súa vida. Porque o Bautista era unha persoa consecuente
coa fonda experiencia que el sentía de Deus no seu interior.
Pola
súa parte, Xesús percibía en si unha íntima e inigualábel experiencia de se
sentir querido por Deus, por un Deus que se lle manifestaba a el como o seu
paiciño querido. Xesús falaba con absoluta confianza co seu Pai. E Deus Pai “pasábao bomba” (perdoade a
expresión) falando e conversando co seu fillo: “Ti es o meu fillo benquerido, o
meu predilecto. En ti me comprazo” (así nolo conta Lucas no evanxeo de hoxe)
Ó
mesmo tempo, Lucas preséntanos Xesús
como fillo do seu pobo ó nos indicar que Xesús foi bautizado “durante un
bautismo xeral”. Xesús era un máis dos que se achegaban ó Bautista para se
deixar interpelar por el. Poderiamos dicir que Xesús estaba así tan unido ó seu
Pai Deus coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus
costumes. Mais dentro del había tamén un lume devorador, un lume divino e
espiritual que el quería que servise para dar luz e calor a todos. Era o lume
interior que procedía de se sentir Fillo “benquerido” de Deus e irmán de
tódolos homes e mulleres do mundo. Era a luz e a calor que el viña esparexer
entre tódalas persoas. A luz e a calor de sentírmonos todos fillos de Deus e
irmáns polo tanto uns dos outros.
Esta
unión de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu
achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia misión
evanxelizadora, dadora de boas noticias, que vai ser máis fonda e ampla cá do
Bautista. Xesús cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito
relixioso, mais non para ficar fixado a el, petrificado coma quen di, inmóbil e
satisfeito co rito cumprido. Non. Xesús, a través deste acto penitencial
realizado co Bautista, vaise converter nunha persoa definitivamente libre para se
deixar levar, polo Espírito e polo Pai, a onde queiran levalo durante o resto
da súa vida.
O
propio Bautista apunta a este contraste entre o que era ou facía el, o
Bautista, e o que era ou ía facer Xesús, cando, antes de bautizar Xesús,
anuncia ós alí presentes que el, o Bautista, bautizaba “con auga”, mais que
Xesús, bautizaría “con Espírito Santo e con lume”.
Inmensa
a grandeza deste Espírito Santo, ó que quizais poucas veces invocamos
persoalmente e que, nembargantes, é aquel co que tamén nós fomos bautizados e
somos cada día en certo modo rebautizados para convertérmonos en cristiáns máis
consecuentes!
Dentro
do misterio que é e seguirá sendo sempre a Santísima Trindade, din os teólogos
que o Espírito Santo é o “amor” persoal co que se aman o Pai e o Fillo. Un amor
tan grande, tan infinito, que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo, e que é tan
persoa coma o son o Pai e o Fillo. Palabras e conceptos misteriosos, pero que
para nós están cheos de grandeza e nos deberían encher de fondo contento. O
contento de sabérmonos mergullados, bautizados, no Espírito de Deus.
Un
Espírito que, coma o vento ou o aire que respiramos (pois diso vén o nome de
“espírito”), está cheo de liberdade e de plenitude. Coma aquel vento forte do
día de Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar, coma se
estivesen borrachos, en linguas estrañas,
mais ben intelixíbeis para os que as oían.
Ou coma esas aves do ceo, as pombas, que voan libremente por onde lles
peta, sen se someter a vías ou camiños fixos e acostumados polos que tivesen
que se mover no seu voo.
Non
será por iso polo que o Espírito Santo é representado como unha pomba? Esas
criaturas de Deus que semellan reflectir bondade e liberdade... O evanxeo de Lucas dinos hoxe que despois de
ser bautizado Xesús polo Bautista, “se abriu o ceo e baixou sobre el o Espírito
Santo na aparencia corporal dunha pomba”.
Agora
ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes (e neles estamos tamén nós en certo
modo representados) que Xesús (á diferenza del) nos bautizará “co Espírito
Santo”, iso quere dicir que, por medio de Xesús e grazas a El, estamos todos
chamados á liberdade, á alegría, ó amor, á bondade e a tantas outras cousas
boas e fermosas ás que adoitamos designar co nome dos “dons” do Espírito Santo.
Este Xesús, que empezou a súa andaina connosco no día de Nadal, é quen ó final
da súa vida terrea nos vai mandar o Espírito de Deus. Un Espírito, o Espírito
Santo, que nos liberará de toda “escravitude” ou angustia e nos fará libres
coma “pombas”. Pombas de tódalas cores, como ben advirte sorprendido o apóstolo
Pedro ó proclamar na Segunda Lectura de hoxe que “Deus non fai distinción de
persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da
nación que sexa”.
Xa
vedes, pois, como o Bautismo de Xesús e algo que, afectándoo fonda e
persoalmente a el, nos afecta tamén a todos nós, en canto irmáns seus e fillos
adoptivos pero reais de Deus Pai. Esta é a grande alegría que hoxe nos trae ás
nosas vidas a pomba, bondadosa e libre, símbolo fermoso do Espírito Santo co
que foi bautizado Xesús.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:
Comentarios
Publicar un comentario