Discurso da Vixilia para a Mocidade da XMX Panamá

FOTO: Vatican news


Queridos mozos, boas tardes!

Vimos este fermoso espectáculo sobre a Árbore da Vida que nos amosa como a vida que Xesús nos regala é unha historia de amor, unha historia de vida que quere mesturarse coa nosa e botar raíces na terra de cada un. Esa vida non é unha salvación colgada "na nube" esperando ser descargada, nin unha "aplicación" nova a descubrir ou un exercicio mental froito de técnicas de autosuperación. Tampouco a vida que Deus nos ofrece é un "titorial" co que aprender a última novidade. A salvación que Deus nos regala é unha invitación a ser parte dunha historia de amor que se entretece coas nosas historias; que vive e quere nacer entre nós para que deamos froito alí onde esteamos, como esteamos e con quen esteamos. Alí vén o Señor a plantar e a plantarse; é o primeiro en dicir "si" á nosa vida, El sempre vai primeiro, é o primeiro a dicir si a nosa historia, e quere que tamén digamos "si" xunto a El. El sempre nos pon  primeiro.

Así sorprendeu a María e a invitou a formar parte desta historia de amor. Sen dúbida a moza de Nazaret non saía nas "redes sociais" da época. Ela non era unha "influencer", pero sen querelo nin buscalo se volveu a muller que máis influenciou na historia.

Podémoslle dicir con confianza de fillos: María, a "influencer" de Deus. Con poucas palabras animouse a dicir "si" e a confiar no amor, a confiar nas promesas de Deus, que é a única forza capaz de renovar, de facer novas tódalas cousas. E todos nós hoxe temos algo que facer novo dentro, hoxe temos que deixar que Deus renove algo no meu corazón. Pensemos un pouquiño: Que quero eu que Deus renove no meu corazón?

Sempre chama a atención a forza do "si" de María, novo, dese «fágase» que lle dixo ao anxo. Foi unha cousa distinta a unha aceptación pasiva ou resignada, foi algo distinto a un "si" como dicindo: bo, imos probar a ver que pasa. Foi algo máis, algo distinto. María non coñecía esa expresión, era decidida, soubo de que se trataba e dixo si.

Foi algo máis, algo distinto, foi o "si" de quen quere comprometerse e arriscar, de quen quere apostalo todo, sen máis seguridade que a certeza de saber que era portadora dunha promesa. Pregúntolle a cada un de vostedes, séntense portadores dunha promesa? Que promesa teño no corazón para levar adiante?

María sen dúbidas tería unha misión moi difícil, pero as dificultades non eran unha razón para dicir "non". Seguro que tería complicacións, pero non serían as mesmas complicacións que se producen cando a covardía nos paraliza por non ter todo claro ou asegurado de antemán. María non comprou un seguro de vida, María xogouse e por iso é forte, por iso é unha influencer, é a influencer de Deus.

O "si" e as ganas de servir foron máis fortes que as dúbidas e as dificultades.


Esta tarde tamén escoitamos como o "si" de María fai eco e multiplícase de xeración en xeración. Moitos mozos a exemplo de María arriscan e apostan guiados por unha promesa. Grazas Erika e Rogelio polo testemuño que nos regalaron. Foron valentes estes, merecen un aplauso.

Compartiron os seus temores, dificultades e todo o risco vivido ante o nacemento de Inés. Nun momento dixeron: «Aos pais, por diversas circunstancias, cústanos aceptar a chegada dun bebé con algunha enfermidade ou discapacidade», iso é certo, é comprensible. Pero o sorprendente foi cando agregaron: «ao nacer a nosa filla decidimos amala con todo o noso corazón». Ante a súa chegada, fronte a todos os anuncios e dificultades que aparecían, tomaron unha decisión e dixeron como María «fágase», decidiron amala. Fronte á vida da vosa filla fráxil, indefensa e necesitada a resposta de vostedes, Erika e Rogelio, foi "si" e aí temos a Inés. Vostedes animáronse a crer que o mundo non é só para os fortes! ¡Grazas!

Dicir "si" ao Señor, é animarse a abrazar a vida como vén con toda a súa fraxilidade e pequenez e ata moitas veces con todas as súas contradicións e insignificancias co mesmo amor co que nos falaron Erika e Rogelio. Asumir a vida como vén. É abrazar a nosa patria, as nosas familias, os nosos amigos tal como son, tamén coas súas fraxilidades e pequeneces. Abrazar a vida maniféstase tamén cando damos a benvida a todo o que non é perfecto, a todo o que non é puro nin destilado, pero por iso non é menos digno de amor. Seica alguén por ser discapacitado ou fráxil non é digno de amor? Pregúntolles, un discapacitado, unha persoa fráxil é digna de amor? Si. Entenderon.

Outra pregunta, a ver como responden: Alguén por ser estranxeiro, por terse equivocado, por estar enfermo ou nunha prisión non é digno de amor? E así o fixo Xesús: abrazou ao leproso, ao cego e ao paralítico, abrazou ao fariseo e ao pecador. Abrazou ao ladrón na cruz e ata abrazou e perdoou a quen o estaban crucificando.

Por que? Porque só o que se ama pode ser salvado. Ti non podes salvar unha persoa, ti non podes salvar unha situación se non a amas. Só o que se ama pode ser salvado. Repetímolo? Só o que se ama pode ser salvado.

Por iso nós podemos ser salvados por Xesús, porque nos ama. Podemos facerlle as mil e unha, pero nos ama, e nos salva, porque só o que se ama pode ser salvado. Só o que se abraza pode ser transformado.

O amor do Señor é máis grande que todas as nosas contradicións, fraxilidades e pequeneces, pero é precisamente a través das nosas contradicións, fraxilidades e pequeneces, como El quere escribir esta historia de amor. Abrazou ao fillo pródigo, abrazou a Pedro logo das súas negacións e abrázanos sempre, sempre, logo das nosas caídas axudándonos a levantarnos e poñernos de pé. Porque a verdadeira caída, atención a isto, a verdadeira caída, a que é capaz de arruinarnos a vida é a de permanecer no piso e non deixarse axudar.

Hai un canto alpino moi lindo que van cantando mentres soben a montaña: na arte de ascender a vitoria non está en non caer, senón en non permanecer caído. Non permanecer caído. A man para que che alcen. Non permanecer caído.

O primeiro paso é non ter medo de recibir a vida como vén, non ter medo de abrazar a vida, como é. Ese é a árbore da vida que vimos hoxe.

Grazas Alfredo polo teu testemuño e a valentía de compartilo con todos nós. Impresionoume moito cando dicías: «comecei traballar na construción ata que se terminou o devandito proxecto. Sen emprego as cousas tomaron outra cor: sen colexio, sen ocupación e sen traballo». Resúmoo nos catro "sen" que deixaron a nosa vida sen raíces e sécase: sen traballo, sen educación, sen comunidade e sen familia. É dicir, vida sen raíces. Estes catro "sen", matan.

É imposible que alguén creza se non ten raíces fortes que axuden a estar ben sostido e agarrado á terra. É fácil "voarse" cando non hai de onde agarrarse, de onde suxeitarse. Esta é unha pregunta que os maiores estamos obrigados a facernos, os maiores que estamos aquí, é máis, é unha pregunta que vostedes terán que facernos e teremos o deber de responderlla: Que raíces lles estamos dando?, que cimentos para construírse como persoas lles facilitamos? Que fácil resulta criticar aos mozos e pasar o tempo murmurando se lles privamos de oportunidades laborais, educativas e comunitarias desde onde agarrarse e soñar o futuro. Sen educación é difícil soñar futuro, sen traballo é moi difícil soñar futuro, sen familia e sen comunidade é case imposible soñar futuro. Porque soñar o futuro é aprender a responder non só para que vivo, senón para quen vivo, para quen vale a pena gastar a miña vida e iso témolo que facilitar nós os maiores dándolles traballo, educación, comunidade, oportunidades

Como nos dicía Alfredo, cando un se descolga e queda sen traballo, sen educación, sen comunidade e sen familia, ao final do día sentímonos baleiros e terminamos enchendo ese baleiro con calquera cousa, con calquera verdura. Porque xa non sabemos para quen vivir, loitar e amar.

Aos maiores que están aquí e aos que nos están vendo, pregúntolles: Que fas ti para xerar futuro nos mozos de hoxe?, es capaz de loitar para que teñan educación, para que teñan traballo, para que teñan familia, para que teñan comunidade? Cada un dos maiores respondámonos no corazón.

Recordo unha vez, charlando cuns mozos que un me pregunta: "Por que hoxe moitos mozos non se preguntan sobre se Deus existe ou lles custa crer nel e fáltalles tanto compromiso coa vida?" Contesteilles: "E vós, que pensades sobre isto?" Entre as respostas que xurdiron na conversación acórdome dunha que me tocou o corazón e ten que ver coa experiencia que Alfredo compartía: "Pai, é que moitos dos mozos senten que aos poucos deixaron de existir para outros, séntense moitas veces invisibles". Moitos mozos senten que deixaron de existir para outros, para a familia, para a sociedade, para a comunidade, e entón moitas veces séntense invisibles.

É a cultura do abandono e da falta de consideración. Non digo todos, pero moitos senten que non teñen moito ou nada para aportar porque non contan con espazos reais desde onde sentirse convocados. Como van pensar que Deus existe si eles, estes mozos, fai tempo que deixaron de existir para os seus irmáns e para a sociedade? Así os estamos empuxando a non mirar o futuro e a caer nas garras das drogas, de calquera cousa que os destrúa. Podemos preguntarnos: Que fago eu cos mozos que vexo?, critícoos ou non me interesa?, axúdoos ou non me interesa? É verdade que para min deixaron de existir fai tempo?

Sabémolo ben, non basta estar todo o día conectado para sentirse recoñecido e amado. Sentirse considerado e invitado a algo é máis grande que estar "na rede". Significa atopar espazos no que poidan coas súas mans, co seu corazón e coa súa cabeza sentirse parte dunha comunidade máis grande que os necesita e que tamén vostedes mozas necesitan.

E iso os santos entendérono moi ben. Penso por exemplo en Don Bosco que non foi buscar aos mozos a ningunha parte. A ver acá os que queren a Don Bosco, un aplauso. Don Bosco non foi buscar aos mozos a ningunha parte afastada ou especial, simplemente aprendeu a ver todo o que pasaba na cidade cos ollos de Deus e, así, o seu corazón foi golpeado por centos de nenos, de mozos abandonados sen estudo, sen traballo e sen a man amiga dunha comunidade. Moita xente vivía na mesma cidade, moitos criticaban a eses mozos, pero non sabían miralos cos ollos de Deus. Aos mozos hai que miralos cos ollos de Deus.


El fíxoo, animouse Don Bosco, e animouse a dar ese primeiro paso: abrazar a vida como se presenta e, a partir de aí, non tivo medo de dar o segundo paso: crear con eles unha comunidade, unha familia onde con traballo, estudo se sentísen amados. Darlles raíces desde onde suxeitarse para que poidan chegar ao ceo, para que poidan ser alguén na sociedade, darlles raíces para agarrarse e que non os tire abaixo o vento que vén, iso fixo Don Bosco, iso fan os santos, iso fan as comunidades que saben mirar aos mozos cos ollos de Deus. Anímanse vostedes os grandes a mirar aos mozos cos ollos de Deus?

Penso en moitos lugares da nosa América Latina que promoven o que chaman familia grande, fogar de Cristo que, co mesmo espírito doutros centros, buscan recibir a vida como vén na súa totalidade e complexidade porque saben que a árbore sempre garda «unha esperanza garda a árbore: si é cortado, aínda pode retoñar, e non deixará de botar xemas» (Xb 14,7).

E sempre se pode "gromar e botar xemas", sempre se pode empezar de novo cando hai unha comunidade, calor de fogar onde botar raíces, que brinda a confianza necesaria e prepara o corazón para descubrir un novo horizonte: horizonte de fillo amado, buscado, atopado e entregado a unha misión. Por medio de rostros concretos é como o Señor faise presente. Dicir "si" como María a esta historia de amor é dicir "si" a ser instrumentos para construír, nos nosos barrios, comunidades eclesiais capaces de ruar a cidade, abrazar e tecer novas relacións. Ser un "influencer" no século XXI é ser "custodios das raíces, custodios de todo aquilo que impide que a nosa vida se volva gaseosa, que a nosa vida se evapore na nada.

Vostedes os maiores sexan custodios de todo aquilo que nos permita sentirnos parte os uns dos outros, custodios de todo aquilo que nos faga sentir que nos pertencemos.

Así o viviu Nirmeen na Xornada Mundial da Mocidade de Cracovia. Atopouse cunha comunidade viva e alegre, que lle saíu ao seu encontro, deulle pertenenza, polo tanto identidade, e permitiulle vivir a alegría que significa ser atopada por Xesús. Nirmeen esquiváballe a Xesús, tiña as súas distanzas ata que alguén lle fixo ver raíces, deulle pertenenza e esa comunidade animouna a comezar ese camiño que ela nos contou.

Un santo latinoamericano unha vez preguntouse: «O progreso da sociedade, será só para chegar a posuír o último auto ou adquirir a última técnica do mercado? Niso resúmese toda a grandeza do home? Non hai máis nada que vivir para isto?» (cf. S. ALBERTOHURTADO, Meditación de Semana Santa para mozas, 1946). Eu pregúntolles aos mozos: Vostedes queren esta grandeza ou non? ¡Non!

A grandeza non é só ter o último auto, adquirir a última técnica do mercado. Vostedes foron creados para algo máis. María comprendeuno e dixo: Fágase! Erika e Rogelio comprendérono e dixeron: Fágase! Alfredo comprendeuno e dixo: Fágase! Nirmeen comprendeuno e dixo: Fágase! Escoitámolos aquí. Amigos, pregúntovos: Están dispostos a dicir "si"? Si! Aprenderon a contestar, xa me gusta máis.

O Evanxeo ensínanos que o mundo non será mellor porque haxa menos persoas doentes, menos persoas débiles, menos persoas fráxiles ou anciás de quen ocuparse e ata non porque haxa menos pecadores; non, non será mellor por iso. O mundo será mellor cando sexan máis as persoas que, como estes amigos que nos falaron, estean dispostos e se animen a xestar o mañá, a crer na forza transformadora do amor de Deus. A vostedes mozos pregúntovos: Queredes ser "influencer" ao estilo de María. Ela animouse a dicir «fágase»... Só o amor nos volve máis humanos, non as pelexas, non o bullying, non o estudo só; só o amor nos volve máis humanos, máis plenos, todo o resto son bos pero baleiros placebos.

Dentro dun momento ímonos a atopar con Xesús vivo na Eucaristía. Seguro que van ter moitas cousas que dicirlle, moitas cousas que contarlle sobre distintas situacións das súas vidas, das súas familias e dos seus países.

Estando fronte a Xesús, cara a cara, animádevos, non teñades medo de abrirlle o corazón para que El renove o lume do seu amor, que vos impulse a abrazar a vida con toda a súa fraxilidade, con toda a súa pequenez, pero tamén con toda a súa grandeza e fermosura. Que Xesús vos axude a descubrir a beleza de estar vivos e espertos, vivos e espertos.

Non teñades medo de dicirlle a Xesús que vós tamén queredes tomar parte na súa historia de amor no mundo, que estades para máis!

Amigos: Pídovos tamén que nese cara a cara con Xesús sexades bos e pidades por min para que eu tampouco teña medo de abrazar a vida, para que sexa capaz de coidar as raíces e sexa capaz de dicir como María: Fágase segundo a túa palabra!



Comentarios

Publicacións populares