No cincuentenario do comezo do uso litúrxico do galego en Vigo
“Faro de Vigo”, martes, 8 de xaneiro de 2019
Foi
o 7 de xaneiro de 1969 –é dicir, no día seguinte á festividade dos Reis Magos
de hai agora xustamente cincuenta anos- cando os bispos galegos comunicaron
oficialmente a aprobación, por parte das correspondentes instancias romanas, do
uso da lingua galega na liturxia. Abriuse así un camiño á normalidade e á
esperanza despois de moitos esforzos por acadar tal fito histórico. O 13 de
xaneiro, seis días despois desta comunicación, remitía desde Vigo o xesuíta Xaime
Seixas unha sinxela e gozosa carta a un seu compañeiro, Manuel Santos Santórum,
eficaz xestor de tal logro, nestes termos:
“Moi
querido Santos: Respondín ás túas anteriores menos á derradeira do 3 novembro
1968. É que quería dar novas. E as novas chegaron. Xa as sabes. Aprobación
total! Os do SEPT (sobor de todo Domingo [Fernández del Riego] e Xaime [Isla
Couto]) están convencidos de que a túa visita foi decisiva. Supoño que
recibirías o telegrama de noraboa firmado polo SEPT. Vouche contar algo. Cando
ti escribiches que había que dar a loita eiquí, Xaime enviou un documentado
documento a Quiroga [Fernando Quiroga Palacios] coincidindo coa reunión
nacional dos bispos. Era unha peza mestra! Logo chegou a visita a Roma do
Cardeal e a visita del ó Cardeal Gut. Esta foi definitiva, mais o camiño estaba
xa preparado. E nisto ti tes unha meirande parte: non o esquecemos. Gracias,
moitas gracias, Santos! Ó voltar de Roma, o Cardeal chamou a Xaime: quería
darlle a boa nova. Viña moi ben impresionado (é curioso, o Cardeal pensaba que
Xaime falara en Roma e eras ti o que falaras: Xaime calou). Polo tanto, coido
que fixo gran impacto a túa visita a Gut e a Bugnini, cheo de documentos. En
fin, a cousa chegou! Agora vouche contar como está aquí o ambiente: a ledicia
foi tan grande (deron a nova ó remate da reunión de bispos galegos, o día sete
deste mes), que comezaron a chover telegramas de gracias a Quiroga (di que
foron moitos centos; soio de Vigo máis de douscentos, etc.). O oito toda a
prensa de Galiza deu a nova con meirandes títulos nas primeiras páxinas. En
Santiago dixeron unha misa concelebrada onte nas Ánimas como acción de gracias.
Predicou o Pai Lousa, moi ben. En Vigo comezamos onte [domingo, 12 de xaneiro] a
misa en galego na nosa eirexa, ás doce e cuarto da mañá: predicou Laredo [Xosé
Luís Laredo Verdejo] e misou totalmente en galego. Moita xente e moito
ambiente. Seguiremos tódolos domingos a esta hora. En Pontevedra os
franciscanos puxeron unha ás doce da mañá con meirande éxito. En fin, a Galiza
rexurde e o millor é que, deste xeito, a eirexa cumpre unha obriga de fai
moitos séculos. Agora hai que levar a cousa con xeito: o que se faga facelo ben
[...]. Xaime”.
Vivimos
todos de lembranzas e esperanzas. Mais estas últimas continúan construíndose
desde aquelas. Cumpría xa que logo exercer hoxe un chisco o oficio de lembrar. Pois
son elas as que empuxan, coma o vento, a nosa travesía.
Manuel Cabada Castro
Vigo
Comentarios
Publicar un comentario