FICHA E LECTIO: Domingo 19 Ordinario B

FICHAS ANTERIORES:


LECTIO:

DOMINGO XIX T. O.
(12 de agosto de 2018)
    Polo que Xoán nos conta de Xesús, os oíntes da súa afirmación de que el era o “pan da vida” (tema ó que lle estamos prestando algo de atención nestes domingos do verán) entenderan suficientemente ben o que el lles quería dicir con iso.
    O que pasa é que, para o modo de eles veren as cousas, non acababan de casar ben a persoa de Xesús coa idea que eles tiñan de Deus. Deus era para eles aquel ser grandioso que estaba alá arriba no ceo, máis arriba das últimas estrelas. Un Deus que crea e goberna o mundo, mais que só se anuncia a través das palabras da lei e dos seus profetas. Mais resulta que agora Xesús se nos presenta, na súa mesma persoa, como a verdadeira e definitiva palabra de Deus ó mundo, a palabra dun Deus que agora se nos descubre como Pai agarimoso de todos. Como se nos di noutra pasaxe de Xoán, “a Palabra fíxose carne”. Carne de Deus, polo tanto, que se pode tocar, oír e comer.
    En consecuencia, o Deus “que está no ceo” é tamén, en Xesús, o Deus que se fai presente na terra, o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Toda a grandeza, o misterio e o segredo do cristianismo radica nisto. De Xesús sabían os seus oíntes quen eran seus pais e maila súa parentela, a que se dedicaban e de onde eran. Cómo podía ser el o pan que baixou do ceo? Tal como nos refire Xoán: “¿Non lle coñecemos o pai e maila nai?”.
    Xesús sabía que estas cousas son humanamente incomprensíbeis sen a axuda do alto. Por iso, non intenta basealas en argumentos racionais ou simplemente humanos, senón que apela á fe. Trátase dunha fe que non procede só de Xesús, senón do Pai que manda o seu Espírito ós corazóns dos que coa súa axuda se converten en crentes. Tal e como lles dicía Xesús, “ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou”.
    Se Deus se nos mostra misterioso en Xesús (e así o viron tamén os seus contemporáneos), a verdade é que tamén a nosa vida humana resulta ser moi misteriosa. Misteriosa porque non deixa de ser abondo estraño, que por moito que saibamos que non podemos vivir sempre, non deixemos a pesares diso de querelo, de desexarmos ser eternos. Un desexo dese calibre infinito non pode provir só dun ser limitado como somos nós. Ten que vir en última instancia de alguén que é en si mesmo absolutamente infinito. Quero dicir con isto que tivo que ser dalgún modo o mesmo Deus quen puxo en nós eses desexos infinitos.
    Pois ben, Deus puxo eses desexos en nós e el váinolos satisfacer, converténdose el mesmo na persoa de Xesús en alimento da nosa inmortalidade. Desa inmortalidade que comeza nesta vida nosa, pero que non nos vai fallar estrepitosamente ó atopármonos coa nosa, biográfica e concreta, morte individual.
    Deste xeito, a nosa fe cristiá entra, como vedes, no máis fondo é íntimo da nosa apetencia de vida e de inmortalidade. Nesta busca de vida e inmortalidade traballaron e traballan, sufriron e sofren, loitaron e loitan as persoas todas de tódalas culturas e países do mundo enteiro.
    Se Deus non tivese posto en nós tales desexos, uns desexos que son en realidade os que nos conceden o verdadeiro carácter humano, entón a mensaxe de Xesús non tería obxecto nin sentido ningún. Para que anunciarnos e prometernos Xesús unha vida eterna se non tivésemos ningunha apetencia dela? En realidade, a humanidade nin sequera existiría, nin estariamos hoxe polo tanto aquí, se o desexo de sempre vivirmos e existirmos non nos mobilizase enerxicamente desde as nosas máis íntimas fonduras.
    Sabemos, por outra parte, moi ben que os alimentos materiais que sosteñen e prolongan, durante os anos que sexan, a nosa existencia non nos fan inmortais. Nisto reis, gobernantes, ricos e pobres non nos diferenciamos gran cousa. Refírome ó de non poder librármonos de lle ter que pagar o noso tributo individual á gadaña da morte. Os que dispoñen de moitos cartos poderán seguramente permitirse o luxo de viviren algúns anos máis, pero en calquera caso non moitos máis.
    De modo que quen verdadeiramente nos permite e nos capacita para sermos inmortais é o Xesús no que cremos. Así nolo anuncia el con toda claridade: “Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra... Se alguén come deste pan, vivirá para sempre”.
    Non deberiamos, con todo, individualizar excesivamente en Xesús a nosa comuñón coa súa persoa coma se estivese el apartado ou desvencellado daqueles que non se identifican con nós mesmos. Non. Alimentarnos de Xesús, é dicir, da súa palabra e da súa persoa, quere dicir alimentarnos tamén coas preocupacións, necesidades e problemas daquelas persoas todas coas que nos atopemos na vida. Se nos alimentamos dun Xesús que deu a súa vida por todos, os seus sentimentos deberían converterse tamén en nosos cando escoitamos a súa palabra ou o recibimos con agradecemento na comuñón eucarística.
    Realizamos así aquilo do que nos fala Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: “Facédevos imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual que Cristo vos amou e se entregou por nós”.
    É así tamén como nos iremos convertendo de verdade en “divinos”. Pois xa sabemos a diferenza que existe entre tomar un alimento de orixe vexetal ou animal e recibir en nós o alimento da palabra de Deus ou de Xesús na comuñón eucarística. No primeiro caso o alimento transfórmase en constituínte do noso corpo, que queda así robustecido grazas a el. En cambio, no segundo caso, somos nós en realidade os que nos imos transformando paseniñamente en Cristo, chegando así a formarmos parte do seu corpo, do que adoitamos chamar corpo místico de Cristo. Somos, pois, nós os que nos imos divinizando, porque Deus, o don que recibimos, é infinitamente superior a nós.
    Para podermos acadar unha tal divinización teremos, polo tanto, que alimentarnos cunha comida que garde proporción con tan grandiosa meta. E esta comida témola sempre á nosa disposición, pois é o propio Xesús quen se nos dá sempre de balde como comida nosa.
    Comportarémonos así de maneira semellante a como fixera o profeta Elías, que coa forza recibida da bica cocida e da auga fresca, que recibiu do anxo, puido andar “corenta días coas súas noites ata o monte de Deus, o Horeb”.

CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
    Sabéndonos fillas e fillos de Deus, roguemos ó Deus Pai que nos alimenta,     dicindo: ESCÓITANOS, PAI. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, polas familias, para que en ningunha delas falte o pan de cada día.     Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Rogámosche, Pai, polos países pobres da terra, para que fagamos nosas as súas     necesidades e compartamos con eles os nosos bens.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, a todos sabermos levar ó mundo o pan material, o pan da Palabra     e o pan da Eucaristía.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.

Manuel Cabada Castro





VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-19-tempo-ordinario-b-xoan-641-51/

 






Comentarios

Publicacións populares