Domingo 18 de Ordinario B


PRIMEIRA Ex 16, 2-4. 12-15
Farei chover para vós pans do ceo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

2Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón. 3Dicían: -"¡Sequera
morresemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e
con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta
comunidade".

4O Señor díxolle a Moisés: -"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e
collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa
miña lei.

12-"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e
pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

13O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores
unha capa de orballo. 14Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda,
coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. 15Os israelitas, ó que o viron,
preguntábanse uns ós outros: -"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo.



SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
R/ (24b): O Señor deulles pan do ceo

3O que oímos e sabemos,
o que os pais nos contaron,
témolo que contar ás xeracións vindeiras:
as glorias do Señor, o seu poder,
e os milagres que fixo.

23Ordenou logo ás nubes desde arriba,
abriu as portas do ceo,
24e fixo chover maná para comeren;
deulles trigo do ceo.

25Comeu o home pan dos fortes,
deulles sustento a fartar.
54Levounos á súa terra santa,
ó monte que adquirira coa súa dereita.


SEGUNDA Ef 4, 17. 20-24
Vestide o home novo creado a imaxe de Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:
17Dígovos e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa
mente baleira.

20Vós, sen embargo, non foi así como coñecestes a Cristo. 21Supoño que vos falaron del e
que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; 22isto é, que vos ispades do home
vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anceios; 23que cambiéde-
la vosa actitude mental, 24e que vistáde-lo home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza
e na relixiosidade auténticas.


ALELUIA Mt 4, 4b:
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus



EVANXEO Xn 6, 24-35
Quen veña comigo non terá fame e quen crea en min non terá sede
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

24En vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron
nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. 25Atopárono na outra banda do mar
e dixéronlle:
-Rabbí, ¿cando chegaches aquí?

26Xesús contestoulles:
-Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque
comestes pan ata vos fartar. 27Traba-llade non polo pan que se acaba, senón polo que dura
deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co
seu selo.

28Eles preguntáronlle:
-¿Que temos que facer para realiza-las obras de Deus?

29Respondeu Xesús:
-Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

30Replicáronlle:
-¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? 31Os nosos pais
comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

32Entón díxolles Xesús:
-Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é
quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: 33pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle
dá vida ó mundo.

34Dixéronlle entón:
-Señor, dános sempre dese pan.

35Xesús respondeulles:
-Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais
non terá sede.




Comentarios

Publicacións populares