Mensaxe papal sobre os abusos sexuais na Igrexa


Se un membro sofre, todos sofren con el (1Cor 12,26)
Estas palabras de san Paulo resoan con forza no meu corazón ao constatar dunha outra volta o sufrimento vivido por moitos menores a causa de abusos sexuais, de poder e de conciencia cometidos por un notable número de cregos e persoas consagradas. Un crime que xera fondas feridas de dor e de impotencia; en primeiro lugar, nas vítimas, pero tamén nas súas familias e en toda a comunidade, sexan ou non crentes. Mirando cara o pasado nunca será abondo o que se faga por pedir perdón e buscar reparar o dano causado. Mirando cara o futuro nunca será pouco todo o que se faga por xerar unha cultura capaz de evitar que estas situacións non só non se repitan, senón que non atopen espazos para ser encubertas e perpetuarse. A dor das vítimas e as súas familias é tamén a nosa dor, por iso urxe reafirmar unha vez mais o noso compromiso para garantir a protección dos menores e dos adultos en situación de vulnerabilidade.

        1.  Se un membro sofre  

Nos últimos días deuse a coñecer un informe onde se detalla o vivido por alomenos mil superviventes , vítimas do abuso sexual, de poder e de conciencia en mans de sacerdotes durante aproximadamente setenta anos. Aínda que se poida dicir que a meirande parte dos casos correspóndense ao pasado, porén, co paso do tempo temos coñecido a dor de moitas das vítimas e constatamos que as feridas nunca desaparecen e obrígannos a condenar con forza estas atrocidades, así como a unir esforzos para erradicar esta cultura de morte; as feridas nunca prescriben”. A dor de estas vítimas é un laio que clama ao ceo, que chega á alma e que durante moito tempo foi ignorado, acalado, silenciado. Pero o seu berro foi máis forte que todas as medidas que o tentaron silenciar ou, mesmo, que pretenderon arranxalo con decisións que aumentaron a gravidade caendo na complicidade. Clamor que o Señor escoitou demostrándonos, unha outra vez, de parte de quen quere estar. O cántico de María non se trabuca e segue borboriñándose ao longo da historia porque o Señor se lembra da promesa que fixo aos noso pais: “Dispersa aos soberbios de corazón, derruba do seu trono aos poderosos e enaltece aos humildes, aos famentos éncheos de bens e aos ricos despídeos sen nada(Lc 1,51-53) e sentimos vergoña cando constatamos que o noso estilo de vida desmentiu e desminte o que recitamos coa nosa voz.

Con vergoña e arrepentimento, como comunidade eclesial, asumimos que non fomos quen de estar onde tiñamos que estar, que non actuamos a tempo recoñecendo a magnitude e a gravidade do dano causado en tantas vidas. Temos descoidado e abandonado aos pequenos. Fago miñas as palabras do daquela cardeal Ratzinger cando, no Via Crucis escrito para o Venres Santo do 2005, uniuse ao berro de dor de tantas vítimas e, clamando dicía: “canta sucidade na Igrexa e entre os que, polo seu sacerdocio, deberían estar entregados a el por enteiro! Canta soberbia, canta autosuficiencia! […] A traizón dos discípulos, a recepción indigna do seu Corpo e do seu Sangue é de certo a maior dor do Redentor, a que lle traspasa o corazón. Non nos queda mais que berrarlle dende o fondo da alma: Kyrie, eleison – Señor, sálvanos (cf Mt8,25)” (Novena Estación)

   2.     Todos sofren con el

A magnitude e gravidade dos acontecementos esixe asumir este feito de xeito global e comunitario. Inda que en todo camiño de conversión é importante e necesario tomar coñecemento do sucedido, isto de seu non chega. Hoxe vémonos desafiados como pobo de Deus a asumir a dor dos nosos irmáns vulnerados na súa carne e no seu espírito. Se no pasado a omisión puido converterse nunha forma de resposta, hoxe queremos que a solidariedade, entendida no seu senso mais fondo e desafiante, se converta no noso xeito de facer a historia presente e futura, nun ámbito onde os conflitos, as tensións e especialmente as vítimas de todo tipo de abuso poidan atopar unha man tendida que as ampare e rescate da súa dor (cf Exhort. ap. Evangelii gaudium,228). Tal solidariedade esixe de nós, ao tempo, denunciar todo o que poña en perigo a integridade de calquera persoa. Solidariedade que reclama loitar contra todo tipo de corrupción, especialmente a espiritual, “porque se trata dunha cegueira cómoda e autosuficiente onde no remate todo parece lícito: o engano, a calumnia, o egoísmo e tantos xeitos sutís de autorreferencialidade, xa que “o mesmo Satanás se disfraza de anxo de luz (2 Cor 11,14)” (Exhort. Ap. Gaudete et exultate, 165). A chamada de san Paulo a sufrir co que sofre é o mellor antídoto contra calquera intento de seguir reproducindo entre nós as palabras de Caín: É que son o garda do meu irmán?” (Xen 4,9).

Ben sei do esforzo e do traballo que se realiza en distintas partes do mundo para garantir e xerar as mediacións necesarias que dean seguridade e amparen a integridade de nenos e de adultos en estado de vulnerabilidade, así como a implementación da “tolerancia cero” e dos xeitos de render contas por parte de todos aqueles que realicen ou encubran estes delitos. Témonos demorado moito en aplicar estas accións e sancións tan necesarias, pero confío en que han axudar a garantir unha maior cultura do coidado no presente e no futuro.

Conxuntamente con estes esforzos, compre que cada un dos bautizados se sinta involucrado na transformación eclesial e social que tanto precisamos. Tal transformación esixe a conversión persoal e comunitaria, e lévanos a mirar na mesma dirección que o Señor mira. Así gustaba de dicir san Xoán Paulo II: “Se verdadeiramente temos partido da contemplación de Cristo, temos que sabelo descubrir sobre todo no rostro daqueles cos que el mesmo quixo identificarse” (carta ap. Novo millennio ineunte, 49). Aprender a mirar onde mira o Señor, a estar onde o Señor quere que esteamos, a converter o corazón na súa presenza. Para isto axudará a oración e a penitencia. Convido a todo o santo Pobo de Deus ao exercicio penitencial da oración e do xaxún seguindo o mandado do Señor, [1] que esperte a nosa conciencia, a nosa solidariedade e compromiso cunha cultura do coidado e o “mais nunca” a todo xeito e forma de abuso.

É imposible imaxinar unha conversión do actuar eclesial sen a participación activa de todos os integrantes do Pobo de Deus. Aínda mais, cada vez que temos tentado suplantar, acalar, ignorar, reducir ao Pobo de Deus a pequenas elites, construímos comunidades, plans, acentos teolóxicos , espiritualidades e estruturas sen raíces, sen memoria, sen faciana, sen corpo, no remate, sen vida [2]. Isto maniféstase con claridade nun xeito anómalo de entender a autoridade na Igrexa- tan común en moitas comunidades nas que se deron as condutas de abuso sexual, de poder e de conciencia – como é o clericalismo, esa actitude que “non só anula a personalidade dos cristiáns, senón que tende tamén a diminuír e desvalorizar a graza bautismal que o Espírito Santo pousou no corazón da nosa xente”. [3] O clericalismo, tanto se ven favorecido polos sacerdotes coma polos leigos, xera unha fenda no corpo eclesial que beneficia e axuda a perpetuar moitos dos males que hoxe denunciamos. Dicir non ao abuso é dicir non enerxicamente a calquera xeito de clericalismo.

É sempre bo lembrar que o Señor, “na historia da salvación salvou a un pobo. Non hai identidade plena sen pertenza a un pobo. Ninguén se salva só, como individuo illado, senón que Deus atráenos tendo en conta o complexo tecido de relacións interpersoais que se establecen na comunidade humana: Deus quixo entrar nunha dinámica popular, na dinámica dun pobo” (Exhort. ap. Gaudete et exultate, 6). Daquela, o único xeito que temos para responder a este mal que ven cobrando tantas vidas é vivilo como unha tarefa que nos envolve e corresponde a todos como Pobo de Deus. Esta consciencia de sentírmonos parte dun pobo e dunha historia común fará posible que recoñezamos os nosos pecados e erros do pasado cunha apertura penitencial capaz de se deixar renovar por dentro. Todo o que se faga para erradicar a cultura do abuso das nosas comunidades, sen unha participación activa de todos os membros da Igrexa, non conseguirá xerar as dinámicas precisas para unha saudable e realista transformación. A dimensión penitencial de xaxún e oración axudaranos como Pobo de Deus a poñernos diante do Señor e dos nosos irmáns feridos, como pecadores que imploran o perdón e a graza da vergoña e a conversión, e dese xeito, podermos elaborar accións que xeren dinamismos en sintonía co Evanxeo. Porque “cada vez que tentamos volver á fonte e recuperar a frescura do Evanxeo, xermolan novos camiños, métodos creativos, outros xeitos de expresión, sinais mais elocuentes, palabras preñadas de renovado significado para o mundo actual” (Exhort. ap. Evangelii gaudium, 11).

É imperativo que nós, como Igrexa poidamos  recoñecer e condenar con dor e vergoña as atrocidades cometidas por persoas consagradas, clérigos e mesmo por todos aqueles que tiñan a misión de velar e coidar aos mais vulnerables. Pidamos perdón polos pecados, os nosos e os dos demais. A conciencia do pecado axúdanos a recoñecer os erros, os delitos e as feridas xeradas no pasado e hanos permitir abrírmonos e comprometérmonos mais co presente nuncamiño de renovada conversión.

Asemade, a penitencia e a oración axudaranos a sensibilizar os noso ollos e o noso corazón ante o sufrimento alleo e a vencer o afán de dominio e control que moitas veces vólvese a raíz de estes males. Que o xaxún e a oración esperten os nosos oídos ante a dor silenciada de nenos, xoves e discapacitados. Xaxún que nos sacuda e nos leve a comprometérmonos dende a verdade e a caridade con todos os homes de boa vontade e coa sociedade en xeral, para loitar contra calquera tipo de abuso sexual, de poder e de conciencia.

Así poderemos transparentar a vocación á que temos sido chamados de ser “signo e instrumento da unión íntima con Deus e da unidade de todo xénero humano” (Conc.Ecum. Vat II, Const. dogm. Lumen Gentium, 1).

Se un membro sofre, todos sofren con el”, dicíanos san Paulo. A través da actitude orante e penitencial poderemos entrar en sintonía persoal e comunitaria con esta exhortación para que medre entre nós o don da compaixón, da xustiza, da prevención e da reparación. María soubo estar ao pé da cruz do seu Fillo. Non o fixo de calquera xeito senón que estivo firmemente de pé e canda el. Con esa postura expresa a súa maneira de estar na vida. Cando experimentamos a desolación que nos producen estas chagas eclesiais, con María faranos ben “insistir mais na oración” (S. Ignacio de Loiola. Exercicios espirituais, 319), buscando medrar mais no amor e fidelidade á Igrexa. Ela, a primeira discípula, ensínanos a todos os discípulos como temos que enfrontar o sufrimento do inocente, sen evasións nin pusilanimidade. Ollar a María é aprender a descubrir onde e como ten de estar o discípulo de Cristo.

Que o Espírito Santo nos conceda a graza da conversión e a unción interior para poder expresar, ante estes crimes de abuso, a nosa compunción e a nosa decisión de loitar con afouteza.

Vaticano, 20 de agosto de 2018





[1]  «Esta caste de demos se expulsa coa oración e o xaxún» (Mt 17,21).

Comentarios

Publicacións populares