FICHA E LECTIO: Domingo 18 Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XVIII T. O.
(5 agosto 2018)
Tal
como xa vimos no anterior domingo ó atendermos algo ó sentido da escena da
multiplicación dos pans e dos peixes, era en certo modo presumíbel que a xente
quixese utilizar Xesús coma o que lles ía solucionar os seus problemas
materiais, á maneira dun político, dun grande empresario ou dun mago realizador
de supostos prodixios.
Xesús
realizou, si, feitos extraordinarios, tal como nolos transmitiron en diversas
ocasións os evanxeos. Mais non era ese o seu modo normal e ordinario de se
comportar. Eran só manifestacións exteriores puntuais da súa bondade e do seu
poder, para non perdermos de vista a súa íntima e fonda relación co poder e a
bondade de seu Pai Deus. Pois o que nel verdadeiramente chamaba a atención era
o seu modo de ser, as cousas que dicía e como as dicía. Xesús era unha persoa
sinxela, pobre, falaba con humildade e ó tempo con íntimo convencemento e
autoridade, creaba e promovía a cotío irmandade e fraternidade, anunciaba un
Deus Pai común de toda a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el
mesmo, irmán maior noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido de Deus.
Toda
a vida de Xesús estaba en consonancia con esta incribelmente complexa
personalidade súa: coa súa misteriosa orixe divina e coa súa característica
identificación humana cos pobres e necesitados. A multiplicación dos pans e dos
peixes hai que vela así como unha manifestación máis do poder e da bondade do
Fillo de Deus que se preocupa tamén polas necesidades materiais dos seus
irmáns.
Mais
Xesús é sempre algo máis ca iso. O Xesús multiplicador de pans e de peixes é o
mesmo que, ó el ser tentado por Satán no deserto para que convertese as pedras
en pan (segundo nos refire Mateo), respondía deste xeito: “non só de pan vive o
home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus” (Mt 4, 4). É o mesmo do
que Mateo nos transmite tamén este outro dito: “Non amoreedes tesouros aquí na
terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde os ladróns abren buratos e os
rouban. Amoreade tesouros no ceo” (Mt. 6, 19-20). É tamén o mesmo que, unha vez
máis segundo o evanxelista Mateo, nos advertía: “Non andedes agoniados pola
vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides
vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe o voso
Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa
xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis” (Mt. 6, 25-33).
De
modo que se trata, en definitiva, dunha cuestión de prioridades. Pois Xesús
anúncianos que a fraternidade ou irmandade que el nos ofrece e nos dá, ó se
facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o verdadeiro alicerce da xustiza
e do benestar universal. Se todos nos unimos a esta fraternidade, o reino de
Deus establecerase na terra, converténdose así, como se di tamén na mesma
liturxia, nun “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Todos
estamos chamados a traballar por esta fraternidade. Un traballo que debería ser
algo doado, porque se basea nun “don” grandioso de Deus Pai ó mundo, o galano mesmo
que é Xesús. É el que nos di hoxe no Evanxeo que “traballemos non polo pan que
se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna”. E resulta que é el mesmo quen
nos di que é el ese pan: “Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará
fame e quen cre en min endexamais terá sede”. Desde logo, a xente debería
quedar engaiolada e abraiada con estas palabras súas, porque non eran elas
expresións normais ou ordinarias. Xesús preséntase a si mesmo como o pan que
vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do mundo, un pan que saciará a
fame do mundo: “Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de
Deus é o que baixa do ceo e dá vida ó mundo”.
Como
cristiáns, deberiamos aprender a poñernos na perspectiva de Xesús nun mundo
onde tantas veces se pensa que o que hai que facer na vida e acadar como sexa
un prestixioso posto social e económico para termos así asegurado un porvir
libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o primeiro que deberiamos
meter e empaquetar ben nas nosas propias alforxas de viaxe é ese pan, que non
balorece nin se estraga co tempo. Un pan que se identifica coa palabra e coa
persoa mesma de Xesús. Un pan que non ten outros aditivos nin mesturas que lle
cambien o seu auténtico sabor nin lle rebaixen ou minoren a súa capacidade de
fortalecer as nosas vidas para a transformación do mundo nun reino de xustiza,
de amor e de paz.
Un
pan, ademais, gratuíto, polo que nada temos que pagar. Un pan, polo tanto, que
non é igual ó que mercamos nas tendas, porque así, de maneira totalmente
gratuíta, nolo dá en Xesús para a vida
do mundo o noso Pai Deus.
A
relación que todo isto ten coa Eucaristía e de maneira especial coa recepción
sacramental do corpo de Cristo na comuñón é, como é doado ver, moi estreita. No
pan eucarístico recibimos en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente
fortalecedor, que é Xesús mesmo en forma dun anaco de pan. É un claro símbolo
de sermos alimentados realmente por Deus mesmo para a realización cristiá das
nosas tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que poderiamos
chamar carga divina recibida no interior de nós mesmos ímonos transformando paseniñamente
neses “homes novos, creados a imaxe de Deus” dos que Paulo nos fala na súa
carta ós Efesios.
Claro
que para todo isto precisamos naturalmente desa fe da que nos fala Xesús hoxe ó
pedirnos que “creamos naquel que Deus Pai mandou”, o propio Xesús enviado a nós
polo Pai.
Neste
sentido, deberiamos recitar hoxe con especial fe e atención a oración do “Noso
Pai”, pois nela lle pedimos ó noso Pai Deus aquilo que nos aprendeu Xesús a pedir:
“Dános hoxe o noso pan de cada día”.
Pan
para o noso alimento corporal e pan para o noso fortalecemento espiritual.
CREDO
ORACION DOS FIEIS:
En comuñón fraternal con todos, invocamos a Deus
Pai, pedíndolle que nos faga oír e aceptar
en nós a palabra súa que é Xesús, convertido para sempre en irmán noso, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, unha fe fonda e concreta en Xesús
como palabra túa que nos ofrece gratuitamente
alimento para os nosos corpos e para as nosas almas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, o teu espírito para sabermos
proporcionar a todos o alimento material
e espiritual que precisan.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos na comuñón sacramental
o lugar bendito no que ti nos dás a
graza de asemellármonos ó teu fillo Xesús.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario