Ficha e Lectio - Domingo 22 Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXII T.
O.
(Ano B: 2 setembro 2018)
Coa
fin este venres pasado do mes habitual de vacacións rematou para moita xente o
tempo de descanso tras intentar concentrar ánimos e forzas nas últimas horas
para a próxima volta ó traballo. Nós ímonos concentrar tamén hoxe, en certa
medida, nalgúns puntos ou temas importantes do evanxeo de hoxe nos que cómpre
sempre profundar máis e máis para acadarmos así que o vigor e a forza da
palabra de Deus, que se nos amosa en Xesús, mova eficazmente as nosas vidas.
Son
temas en principio ou teoricamente ben coñecidos, mais non podemos permitir que
o seu ben sabido coñecemento derive en perda do seu permanente valor. Son os
profetas e os renovadores das relixións os que se esforzaron con teima e
ousadía ó longo dos tempos na renovación e actualización do que podemos chamar
o centro ou a cerna da nosa relación con Deus. Xesús é neste sentido para nós,
no que el di e no que el fai, a definitiva e derradeira palabra que Deus dirixe
ó mundo. Unha palabra que se presenta en Xesús como o “camiño”, a “verdade” e a
“vida”.
Pois
ben. No texto do evanxeo de Marcos de hoxe volve aparecer a acostumada
resistencia de fariseos e outros á visión da nosa relación con Deus como
ancorada no corazón, no interior das persoas e non nas prácticas rituais ou
simplemente legais, ligadas a costumes ou tradicións. Niso pecaban entón os que
se opuñan á mensaxe limpa, diáfana e cordial de Xesús e pecamos ou podemos
pecar tamén hoxe nós a pesar de tantos séculos transcorridos desde o tempo de Xesús.
Marcos
detense na descrición dalgunhas desas prácticas, case obsesivas, que os
contrincantes de Xesús realizaban seguramente con gran satisfacción, crendo que
dese modo se convertían nas máis observantes e relixiosas persoas que se
podería pensar: lavando por exemplo mans e xerros con moito coidadiño, sen
ocupárense nin un minuto en lavar ben por dentro e por fóra o máis importante
que un leva consigo, o corazón. Quero dicir, aquela agachada fonte interior nosa,
de cada un de nós, de onde proceden a bondade ou a maldade de cada quen.
Os
opositores de Xesús non pensaban máis ca en mantérense fieis á “tradición dos
devanceiros”. Agora ben, postos a falar de devanceiros, Xesús lémbralles aquí a
un profeta ó que xa puxera, ata certo punto, como guieiro e modelo da súa
propia actitude no mesmo comezo da súa actividade pública misioneira. Trátase
naturalmente de cando Xesús botou entón man do seguinte texto do profeta
Isaías: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu para lles
proclamar a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación ós
secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e
proclamar o ano de graza do Señor”. E tras lles ler este texto do profeta,
limítase a lles comunicar ós seus abraiados oíntes o seguinte: “Hoxe cúmprese
diante vosa esta pasaxe da Escritura”.
É
dicir, no programa relixioso de Xesús, non entran (a non ser nun moi segundo
plano) mandados ou preceptos concretos, legais, ligados a aqueles ritos e
prácticas ós que se aferran os fariseos legalistas. O que pretende Xesús é a
transformación do corazón, do interior das persoas, que é a fonte de onde
xorden as boas ou malas obras. Obras ou prácticas que non teñen nada ou case
nada que ver cos ritos externos e exteriores cos que os fariseos pensan encher
a súa carteira de méritos para acadar así a salvación.
Porque
o que para Xesús é decisivo é entrar ou non no camiño da xustiza, do amor, da
atención a pobres e necesitados, da liberación de calquera tipo de
asoballamento das persoas. Todo, como vedes, na liña do texto de Isaías que el
adopta como lema da súa relación e actuación coa xente. Onde queda aquilo que
os fariseos consideraban como o verdadeiro centro de todo verdadeiro
comportamento relixioso?
Que
isto que comento non é unha vella historia de hai vinte séculos, da que non
precisamos xa lembrarnos, demóstrao o feito de que nos nosos días se vexa
obrigado aínda a referirse a estas cousas o papa Francisco cando nos di por
exemplo: “Cando a predicación é fiel ó evanxeo, maniféstase con claridade a
centralidade dalgunhas verdades e queda claro que a predicación moral cristiá
non é unha ética estoica. É máis ca unha ascese. Non é unha simple filosofía
práctica nin un catálogo de pecados e erros. O evanxeo convida ante todo a responder
ó Deus amante que nos salva, recoñecéndoo nos demais e saíndo de nós mesmos
para buscarmos o ben de todos. Este convite non se debe ensombrecer en ningunha
circunstancia! Tódalas virtudes están ó servizo desta resposta de amor. Se ese
convite non brilla con forza e atractivo, o edificio moral da Igrexa corre o
risco de se converter nun castelo de naipes, e alí está o noso peor perigo.
Porque non será propiamente o evanxeo o que se anuncie, senón algúns acentos
doutrinais ou morais que proceden de determinadas opcións ideolóxicas”.
O
papa Francisco quere, pois, que loitemos (á maneira de Xesús nos seus encontros
cos fariseos) contra esa va autocompracencia de pretender basear a relixión no
cumprimento dun suposto “catálogo de pecados e erros” que deixan fóra o
principal da mensaxe cristiá.
E
volve aínda insistir nesta idea algo despois neste mesmo escrito seu sobre “A
alegría do evanxeo” criticando que nos aferremos a “estruturas”, “normas” e
“costumes” que, unha vez máis, deixan de lado o principal, que consiste no
anuncio da paternidade de Deus e da irmandade entre todos. Vexamos como se
expresa o papa: “Se algo debe inquietarnos santamente e preocupar a nosa
conciencia é que tantos irmáns nosos vivan sen a forza, a luz e o consolo da
amizade con Xesús Cristo, sen unha comunidade de fe que os conteña, sen un
horizonte de sentido e de vida. Máis có temor a equivocarnos, espero que nos
mova o temor a pecharnos nas estruturas que nos dan unha falsa contención, nas
normas que nos converten en xuíces implacábeis, nos costumes onde nos sentimos
tranquilos mentres fóra hai unha multitude famenta e Xesús nos repite sen se
cansar. ‘Dádelles vós de comer! (Mc 6,
37)”.
En
realidade, no caso de Xesús son as persoas necesitadas, os pobres, os leprosos,
etc. os que o obrigaron a non ter medo a se manchar as mans, a se converter a
si mesmo en “impuro”. Ese era o mandato que recibira do Pai e que de xeito tan
sintético e fermoso nos describe así Santiago na súa carta de hoxe: “A relixión
limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas
viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo”.
Por
aquí van, pois, os tiros e non por outro lado...
CREDO
ORACION DOS FIEIS
Pidámoslle a Deus Pai, que nos conceda o espírito
de Xesús, o espírito do evanxeo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Concédenos, Pai, sabermos basear a nosa relación
contigo, non en normas ou costumes baleiros, senón na práctica da fraternidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ábrenos, Pai, ás necesidades e angustias das
persoas e dos pobos, para lles ofrecer o consolo e a axuda que proveñen do
evanxeo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, que lle concedas a túa graza ó
papa Francisco para que continúe a iluminar e animar as persoas cara ó encontro
con Xesús nos pobres e necesitados do mundo enteiro.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pregámoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-22-tempo-ordinario-b-marcos-71-8-14-15-21-23/
Comentarios
Publicar un comentario