LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 31 Tpo.Ordinario (30/10/11)
FESTA DE TODOS OS SANTOS
Solemnidade
Primeira Lectura Ap 7, 2-4. 9-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións e tribos e pobos e linguas
Eu, Xoán, vin outro anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a berros aos catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar:
- "Non lles fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!".
E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as familias de Israel.
Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, familias, razas, pobos e linguas, en pé diante do trono do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. Proclamaban con gran voz:
- "A salvación perténcelle ao noso Deus, que senta no trono, e mais ao Año".
Todos os anxos que estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, axeonlláronse diante do trono para adoraren a Deus. Proclamaban:
- "Amén! A bendición, a gloria, a sabedoría, a acción de grazas, a honra, o poder e mais a forza perténcenlle ao noso Deus, polos séculos dos séculos. Amén.
Un dos anciáns preguntoume:
- "Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?".
Eu respondinlle:
- "Meu Señor, ti xa o sabes".
E díxome:
- Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
R/. (cf 6): Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presenza, Señor.
Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares,
e quen a asegurou sobre as correntes.
Quen poderá subir ao monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
O que ten inocentes as mans e puro o corazón.
Ese recibirá bendición do Señor,
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.
Segunda Lectura 1 Xn 3, 1-3
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Veremos a Deus tal como é
Benqueridos irmáns:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamar fillos de Deus e sérmolo de verdade.
Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é.
Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 11, 28
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Achegádevos a min todos os que estades cansos
e oprimidos, que eu vos aliviarei, di o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Mt 5, 1-12a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Naquel tempo, Xesús, ao va multitude, subiu ao monte, sentou e achegáronselle os seus discípulos; e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
GRAZAS POLOS TEUS SANTOS
Que luz terías ti, Xesús,
para anunciar as túas benaventuranzas
desde o convencemento máis profundo!
Se eu puidese alumar a miña vida con esa mesma luz!
Aproxímome a ti, ando algo á túa beira,
Pero, que lonxe están os meus sentimentos dos teus!
Onde ti falas da felicidade dos pobres
eu soño coa felicidade do rico, do consumidor.
Onde ti falas da felicidade do que chora,
do que verte bágoas de sufrimento ou de solidariedade,
eu soño coa ventura do riseiro por riba de todo.
Onde ti xuntas felicidade e non violencia
eu sigo sendo discípulo desta sociedade tan violenta.
Onde ti felicitas os famentos e sedentos de pan e de xustiza
eu presumo de pertencer ao primeiro mundo farto,
aínda que sexa sen xustiza.
Onde ti proclamas feliz aos misericordiosos
de sentimentos brandos ante a miseria allea,
eu afágome a razoar de mil xeitos a miña insolidariedade.
Onde ti chamas feliz ao de corazón limpo
eu descúbrome tantas veces turbo e enlamado por dentro.
Onde ti coroas de felicidade os que traballan pola paz
eu fago da paz unha palabra decorativa e baleira.
Onde ti te atreves a felicitar o perseguido
por ti, pola xustiza, polo dereito do pobre,
pola verdade, en murmuro e non colaboro
cos que se moven algo para mellorar as cousas.
Grazas polos teus santos, Xesús,
grazas polos nosos santos todos,
grazas polos que creron en ti
e lle deron fe ás túas palabras anunciadores
dunha terra nova e dun ceo novo para todos.
VIVIR APLICANDO O MENOS COMÚN DOS SENTIDOS: O SENTIDO COMÚN
PÓRTICO
Bo día!. A festa de tódolos santos, a festa dos sinxelos de corazón e vida, volve convocarnos unha vez máis neste comezo de novembro para que fagamos memoria agradecida de tantas persoas de tantos tempos e lugares que camiñaron como servos e servas de Deus; tantos homes e mulleres que creron sempre que o amor era o meirande ben; de tanta xente, dunha multitude tan inmensa que nos enche o corazón de esperanza, porque, coñecidos ou descoñecidos, todas aquelas persoas que hoxe celebramos viviron o que nós queremos vivir, e por iso axúdannos e acompáñannos.
Na festa de todos os santos, sintamos nós tamén a ledicia de querer camiñar polo vieiro polo que eles pasaron. Sintamos a ledicia de pertencer a este mundo de homes e mulleres que quixeron ser pobres e amar, mantendo acesa a lámpada do Espírito. Que esta celebración que agora comezamos nos axude a sentir a ledicia de ser chamados e chamadas a sermos benaventurados, celebrando a vida e o amor de Deus que se derrama no noso mundo cada día.
O PERDÓN
* Polas veces nas que caemos no pesimismo, na desesperanza e na apatía, renunciando a traballar por outro mundo máis humano e máis xusto, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
* Porque non cremos nos pobres, nos famentos, nos que choran, nos misericordiosos, nos que traballan pola xustiza, nos limpos de corazón, nos desposuídos e nos que traballan pola paz, CRISTO, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
* Porque non acabamos de fiarnos de que Ti es a meta cara á que camiñamos, e que nos esperas cos brazos abertos, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
REMUÍÑO
MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS E LINGUAS: Na festa de todos os santos, a Palabra, unha vez máis, volve falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El non fai distingos nin exclusións, que para El todos posuímos a mesma dignidade, que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza. Somos invitados a mirar cara adiante e a alegrarnos, porque os plans de Deus vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus. Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.
CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo, que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiarnos e deixarnos guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón, participando da súa resurrección. Por iso a festa de hoxe, a pesares de que nos lembra cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.
BENAVENTURADOS VÓS: Porque se de verdade poñemos nel a nosa esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa personalidade, o sentido das benaventuranzas. Porque ser santo e santa é...
- seguir sendo unha persoa normal, que sinte a insatisfacción que produce unha visión do mundo na que a xente acepta como necesidade ter moitos cartos.
- sentir a preocupación do desemprego e do paro, e solidarizarse con quen o sofre, traballando para que os responsables teñan unha mentalidade menos lucrativa e busquen o ben común.
- ofrecer a nosa amizade a quen se atopa só
- non aceptar a violencia á que nos leva a competición, a xenreira que esperta en nós a separación de persoas con barreiras económicas, sociais, relixiosas ou raciais.
- buscar a superación de todas as situacións negativas que producen sufrimento nas persoas.
- saberse fillos de Deus, o que significa querer estreitar lazos de irmandade
- vivir coa limpeza de corazón suficiente como para camiñar pola vida sen segundas intencións, ofrecendo sinceridade e confianza.
- ter confianza, esperanza e ledicia, porque Xesús está connosco facendo posible unha convivencia nova que inverta, coma as benaventuranzas, todo o noso sistema de valores.
- decidir construír esa nova humanidade na que as persoas se aman, son solidarias e capaces de axudarse, sen que haxa rexeitamentos por mor da cor, dos cartos ou do poder.
- manter o espírito combativo a pesares de que sabemos que é unha tarefa difícil e lenta, e na que somos conscientes de que moitas veces seremos criticados.
É entón cando poderemos falar de santidade, porque a pesares de todo mantemos a esperanza de que a tarefa realizada por e con Xesús terá un bo final e a fraternidade irá facéndose realidade ata que todos sexamos autenticamente irmáns, santos, felices, ditosos e benaventurados.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na festa de toda a Igrexa, a festa de todas as persoas que souberon facer da súa vida un canto de amor compartido e solidario, poñámonos en actitude de agradecer a Deus o seu exemplo e digamos:
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
ö Pola Igrexa que formamos todos e todas nós, para que sempre saibamos testemuñar de palabra e obra o espírito das benaventuranzas sendo sinxelos, pobres, limpos de corazón, pacíficos, famentos de xustiza e misericordiosos, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
ö Polas nosas comunidades, para que aceptemos a todas as persoas sen exclusión e así deamos testemuño do amor de Deus, que é sempre incluínte e non fai distingos, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
ö Por tantas e tantas persoas ao noso carón que, sen facer balbordo e sen publicidade, traballan acompañando a quen está só, escoitando a quen está triste, sendo voz de quen non a ten, alentando a quen está desesperanzado, visitando a quen está enfermo, dando así verdadeiro testemuño de santidade, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
ö Por tantas persoas que repousan nos nosos cemiterios e teñen sido para nós exemplo de servizo, de esperanza, de alegría e de testemuño cristián, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
ö Por cada un e cada unha de nós, para que, confiando no Señor, deixemos de vivir esta festa con espírito triste, con espírito de morte, e comecemos a camiñar na benaventuranza de quen descobre a Deus como meta do seu camiño, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Grazas por poñer diante de nós, o testemuño entregado e sempre ledo de tantas persoas que son capaces de mostrar coa súa vida e entrega, que é posible seguirte no aquí a agora do noso mundo. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Camiñar na santidade é:
· gañar honradamente o pan de cada día,
· gardar o corazón da envexa e da cobiza,
· agradecer e gozar cos logros que imos acadando,
· compartir do que temos con quen non ten nada,
· poñer o corazón na harmonía veciñal,
· gastar do noso para que a comunidade medre,
· enxugar bágoas, sementar risas e ledicias,
· denunciar o sistema inxusto que fai que moitas persoas morran de fame,
· alzar a voz diante das inxustizas do noso mundo,
· abrir camiños que levan ao pan compartido,
· quedar sen nada, pero téndoo todo,
· andar tralos pasos de Xesús...
· con liberdade, con humildade, con alegría,
· sabendo que hai garantía de futuro porque El é a fonte da nosa felicidade.
CANTOS
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
LECTURAS: Eu soñei
OFERTORIO: Benaventurados
COMUÑÓN: O amor é o meirande
Comentarios
Publicar un comentario