LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 27 Tpo.Ordinario (02/10/11)
DOMINGO XXVII ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 5, 1-7
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A viña do Señor poderoso é a casa de Israel
Voulle cantar no nome do meu amigo unha canción de amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta; construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar; esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá, facede, por favor, de xuíces, entre min e a miña viña.
Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera? Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña: quitarlle o valado para que sirva de pasteiro, romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará; o cardo e mais a silveira medrarán nela; aos mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel; e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaquí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaquí: berros de auxilio.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20
R/. (Is 5, 7a): A viña do Señor é a casa de Israel.
Arrincaches de Exipto unha vide,
expulsaches nacións para a plantar;
estendeu as súas ramas ata o mar
os seus gromos ata o río.
Por que lle derrubaches os valados,
para que a vendimen cantos pasan?
Os xabarís estragan nela
e devórana as bestas do campo.
Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visitar a túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.
Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo,
e invocaremos o teu nome.
Restáuranos, Señor Deus dos exércitos;
que brille o teu rostro e seremos salvos.
Segunda Lectura Flp 4, 6-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Facede isto e o Deus da paz será convosco
Irmáns:
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.
E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimable, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loable que haxa, iso é o que debedes apreciar.
O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz estará convosco.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 15, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu escollinvos do medio do mundo, para que vaiades e frutifiquedes,
e o voso froito dure, di o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Mt 21, 33-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrendou a viña a outros labradores
Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos viñateiros, para cobrar a s rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
‑ Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
‑ Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ORACIÓN:
OS QUE PERDEN O NOME
A comunidade non é para min.
A parroquia non é para min.
O cargo non é para min.
Non importa que eu medre,
que o meu nome reciba honores,
que o meu recordo perdure
nos memorias dos veciños.
Eu non son dono de ninguén
para atribuírme sobre del
nin sequera a gloria de servilo.
O derradeiro acto de dominio
sobre un irmán necesitado
será que eu medre
á conta do servizo que lle preste.
Eu estou no comunidade,
na parroquia ou no cargo,
para servir,
para servir e desaparecer.
O que importa é
que a miña comunidade medre,
que dea froitos de xustiza,
para gloria de Deus
que a mimou cos seus coidados,
e para proveito da xente toda.
Así fixeron moitos dos nosos
que perderon o nome no parroquia,
e deixáronos o herdo
dunha viña traballada,
onde florece o pan de cada día
compangado coas viandas
da paz, da xustiza e da verdade.
NON TODAS AS UVAS DA PARRA SON BOAS.
APRENDAMOS A SELECCIONAR
Pórtico
Agora que o tempo da vendima chega ao seu remate, as lecturas deste domingo lémbrannos algo que xa tod@s nós sabemos e mesmo experimentamos moitas veces: non por haber moita cantidade dunha cousa, significa iso que a súa calidade sexa directamente proporcional á cantidade. E algo así nos está a pasar tamén na Igrexa. Levados polo impulso de ter que ser moitos, resulta que acabamos perdendo a calidade do que supón e significa querer ser seguidor de Xesús, que non bautizados, no mundo de hoxe. Durante moito tempo, tamén agora, inda que menos, estivemos preocupados pola cantidade: ser moit@s era o que marcaba a pauta de que as cousas ían ben e se facían como é debido, pero o paso do tempo foi pondo todo no seu sitio: non é tan importante ter moitos bautizos, canto que os que se bautizan aprendan a vivir desde o camiño que marca o evanxeo; tampouco é importante casar pola Igrexa, senón vivir os valores que presenta o Evanxeo no compartir a vida, comunidade de vida e amor, do home e a muller desde a igualdade, a colaboración, a responsabilidade compartida... e poñéndoo todo ao abeiro de Deus, de xeito, que xa non importa que sexamos moit@s ou enchamos as igrexas, senón que sexamos seguidores convencidos, ledos e cheos de esperanza, e claro, isto, acostumados como estamos a recibir mensaxes de triunfalismo, xa non nos gusta tanto nin estamos tan dispostos e entendelo e asumilo. Que é senón o triunfalismo da XMX? Que queda despois? Coidemos a viña, non buscando moita uva, senón a súa mellor calidade.
Perdón
· Polo noso conservadorismo de querer seguir dependendo de fórmulas e tradicións, que non alimentan o seguimento nin invitan á sinceridade evanxélica, SEÑOR, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.
· Polas veces en que non sacamos partido dos talentos que nos dás e incluso somos quen de criticar vida dos demais, CRISTO, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.
· Por ter renunciado a comprometernos, propoñer, defender e traballar por opcións, proxectos e plans máis humanos e humanizadores, SEÑOR, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.
REMUÍÑO
* Esta claro que as nosas actuacións, as nosas palabras, os nosos comportamentos... responden ás nosas convicións morais. Facemos, dicimos e actuamos segundo nos parece que é moralmente xusto. Pero... esta moral presente en todas as persoas é a mesma?, poderíamos falar de principios morais comúns a todas as persoas?, a que nos estamos a referir cando falamos de moral cristiá? Se analizamos ben o sentir común de moitos cristiáns, decatarémonos de que cos seus feitos dan a entender que a moral cristiá é unha moral que esixe cousas moi afastadas da vida cotiá. As cousas ordinarias, as realidades diarias, as tarefas e as implicacións sociais ou persoais… quedan fóra desta moral, que, para eles, é outra cousa.
* Así, moitos pensan que as obrigacións das leis de tráfico son unha cuestión civil; pero non moral. Outros intentan defraudar e mesmo defraudan á facenda na súa declaración da renda, porque isto, como ben sabemos, non ten que ver en absoluto coa moral cristiá. Tamén os hai que andan a cargarse o medio ambiente botando lixo, contaminando ríos e regatos, queimando sen control.... pero iso é alleo ás nosas convicións morais. A corrupción administrativa e xurídica, as recomendacións de calquera tipo, o tráfico de influenzas, as inxustizas nos procedementos administrativos e legais tan comúns no noso mundo e nos nosos días, teñen como protagonistas a cristiáns que din ter a conciencia tranquila, porque... a moral é outra cousa. As relacións laborais (cheíñas de abusos), o compromiso político, o paro, a fame no mundo, o subdesenvolvemento… son cuestións irrelevantes desde o seu punto de vista, porque… a moral cristiá refírese a outras cousas.
* O resultado? Un auténtico caos. Moitos cristiáns acúsanse compunxidos de faltar á Misa un domingo, mesmo de ter actuado contra do sexto mandamento; porque é a estes dous aspectos ou a dun deles aos que relegan a moral cristiá. Así, non consideran inmoral explotar aos demais, non tomar en serio o seu compromiso, non coidar o medio ambiente, non formarse máis alá do cristianismo infantil no que están situados, non dar testemuño, non compartir bens e talentos, non participar na vida da Igrexa…
Por iso, as palabras de Paulo que vimos de escoitar, poden conmover as nosas conciencias. Xesús trouxo o anuncio dun Reino novo, que ten en conta todo o que é bo, nobre, belo, xusto, verdadeiro, amable… O día que o teñamos en conta, ganará moito prestixio a moral cristiá.
* Porque hoxe a Palabra que vimos de proclamar invítanos a que miremos desde os ollos da igrexa, non coma garante e única intérprete do que escoitamos, senón desde unha actitude de autocrítica. Quen son hoxe os fariseos e os hipócritas? Pois pode ser a Igrexa, desde o seu pouco fundamento e o seu moito fundamentalismo. Cantas veces maltratamos no nome de Deus e da Igrexa a tantas persoas, tantas opinións, tantas verdades ou inspiracións do Espírito, caendo nun uniformismo, nunha cerrazón de cabeza que só busca seguridades e non aventuras, escapar da realidade e non compartila coas demais persoas. Teñamos en conta que se non somos quen de dar respostas aos grandes interrogantes de hoxe e ás persoas, poderemos ser relegados desta tarefa, xa que é Deus quen manda obreiros e non somos nós os donos e os que decidimos quen vai ou quen sae, moitas veces botado inxustamente. Que nunca caiamos na tentación de erixirnos nós en xuíces e pola contra sexamos os primeiros en traballar arreo na viña do mundo.
* Porque…non nos enganemos. Deus segue a enviar profetas, voces inconformistas que piden un cambio na humanidade e na Igrexa. Voces que nós esquivamos de moitos xeitos: difamando, acusando, excluíndo, ignorando, desprezando, burlándonos… mentres defendemos un cristianismo cómodo, egoísta, clasista e tranquilo que nos permita vivir sen sobresaltos e nos asegure a salvación.
A que esperamos para ir traballar na viña do Señor? Hoxe é un bo momento para comezar.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, porque queremos traballar na túa viña para que dea bos froitos, dicimos xunt@s:
QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS
· Para que na Igrexa descubramos que os froitos da viña non están na fidelidade da ortodoxia, senón na capacidade de ofrecer o amor a quen se sente so, enfermo, empobrecido ou excluído, OREMOS.
QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS
· Para que nas nosas comunidades deixemos de laiarnos de que somos poucos ou de que moitos non veñen, e comecemos a mostrarlles, por medio do noso xeito de facer as cousas, a nosa alegría e o noso modo de buscar canto nos achega, e non o que nos afasta, OREMOS.
QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS
· Para que cada un/ha de nós espertemos do soño dunha fe morta, ritualista, lercha e ao servizo da nosa preguiza, OREMOS.
QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS
Señor, que tomemos en serio o traballo de facer que a túa viña dea os mellores froitos por medio das nosas obras sinceras, sinxelas e xeradoras de esperanza. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Señor, dámosche grazas porque contigo e a través de ti, imos comezar este día. Ensínanos a comprender que na túa viña existen moitas actividades que cada un de nós podemos facer.
Ensínanos a comprender e discernir, en cal actividade queres que nós participemos, para que desa maneira poidamos servirte e servir á humanidade, á sociedade, deixando a un lado aquelas actividades que non son do teu agrado.
Ensínanos tamén a orar, para poder comprender e discernir onde podemos verte e atoparte? Por iso, Señor, nesta mañá preguntámonos: Por que rezar neste recuncho escuro do templo, de portas pechadas?
Abre os teus ollos e mira: o teu Deus non está diante de ti: Está onde está o labrego a traballar a terra. Está ao longo da rúa onde traballa o canteiro. Está baixo o sol e baixo a choiva, está El con eles. E os seus vestidos están cubertos de po. Quita ese manto sagrado e baixa, coma el, ao terreo cheo de po. Amén .
CANTOS
· ENTRADA:Que ledicia a miña
· LECTURAS: Benaventurados
· OFERTORIO: Na nosa terra
· COMUÑÓN: Acharte presente na vida
Domingo 27 ordinario
A pedra que desbotaron os canteiros é agora a pedra angular
A pedra que desbotaron os canteiros é agora a pedra angular
Comentarios
Publicar un comentario