LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 28 Ordinario (09/10/11)
DOMINGO XXVIII ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 25, 6-10a
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Fará festa o Señor e enxugará todas as bágoas
Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos un banquete de boas talladas, de viños anellos, carnes ben condimentadas, viños refinados.
Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións.
O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre, enxugará as bágoas de todas as caras, afastará de todo o país a vergonza do seu pobo.
Si, díxoo o Señor.
No día aquel dirase: "Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar.
Este é o Señor, esperamos nel, gozaremos e alegrarémonos coa súa salvación". Si, a man do Señor descansa sobre esta montaña.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/. (6cd): Eu habitarei na casa do Señor por días prolongados sen fin.
O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.
Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.
Segunda Lectura Flp 4, 12-14. 19-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte
Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado para estar farto e para pasar fame; para ter de abondo e para non ter nada.
Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte. Mesmo así, fixestes ben en tomardes coma vosa a miña dificultade.
O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa riqueza, con magnificencia en Cristo Xesús.
Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
O Pai do noso Señor Xesús Cristo ilumine os ollos do noso corazón,
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.
Evanxeo Mt 22, 1-14 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Chamade ás vodas a cantos atopedes
Naquel tempo, Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!"
Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: "Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: Entón o rei díxolles aos camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
_________________________________________________
Ou: 1-10 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!"
Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
UN TRAXIÑO PARA A VODA
Quen me dese ter un traxe
feito dun pana galano
para poder irlle á voda
que está montando o meu amo!
Que adobíos levaría
para que fose fermoso?
Que color escollería
para facelo precioso?
As cores que fosen ledas:
roxa, verde ou azul,
castaña clara ou marela,
porque a Deus vaille a alegría,
el quere que a xente viva
leda no seu corazón,
contenta no seu traballo,
sen as penas do asoballo,
co gozo grande da unión.
O traxe que eu levase
tería petos rachados,
non sexa que amorease
nun mundo de marxinados.
Ademais, como bailar
se teño os petos cargados!
No petiño da chaqueta
un pano das mans vermello
para lle enxugar as bágoas
a calquera compañeiro
que ao mellor asiste á voda
envolto en mil sufrimentos.
Os zapatos de pallaso,
anchos e longo abondo,
para chantarme na Terra
con paso sinxelo e fondo.
Quen me dese ese traxiño
para poder ir á voda
e gozar coa invitación
cunha alegría ben tola!
Pórtico
Cando a todos nos dá por padecer o síndrome de ser roubados e investimos cartos e medios en preparar as nosas casas para evitar que alguén entre e nos leve o que nelas temos, atopámonos co feito de que o evanxeo de hoxe fálanos de que ao banquete do Reino estamos todos invitados, que a porta está aberta, sen exclusións. Se queremos participar nel non atoparemos nin portas blindadas, nin alarmas, nin pechaduras de seguridade nin nada que lle poida impedir entrar a quen queira achegarse. As portas da fe están sempre abertas para quen chama nelas; pero inda que iso sexa así, non podemos esquecer que cando imos a unha casa á que nos invitan non debemos ir de calquera xeito. Por respecto e cariño a quen nos invita, imos aseados, co mellor dos sorrisos e dispostos a pasar e facer pasar un momento agradable. Pois isto mesmo é ao que hoxe se nos invita: cando participamos nas celebracións, cando pedimos libremente os sacramentos, cando queremos entrar a formar parte da familia dos cristiáns, temos que saber onde chamamos e o que nos supón a cada un/ha de nós. Non é ir por ir nin entrar por entrar. Hai que ser coherentes. Porque Deus chama; pero nós, sabemos responder? Para axudarnos están os testemuño dos membros da comunidade, o tempo dedicado á formación cando somos adultos, os diferentes momentos da catequese… para que ao entrar nin nos sintamos estraños nin queiramos ser o centro de atención. Queda moi mal cando non somos os anfitrións. Como ten dito Xesús tantas veces: o que teña oídos... que escoite!
Perdón
● Polas moitas veces nas que renunciamos a vestir o noso corazón co traxe do perdón, da misericordia, da comprensión e da escoita, SEÑOR, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN.
● Porque non estamos dispostos a saír ao camiño da vida para ir ao encontro, invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos que ninguén invita, recoñece, observa, acolle ou acompaña, CRISTO, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN.
● Porque son moitas as veces nas que non estamos dispostos a enxugar as bagoas dos irmáns que sofren, SEÑOR, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN.
Remuíño
● Cando Isaías lles fala aos membros do Pobo de Deus, faino sempre con unha convicción: facerlles chegar á súa realidade cotiá a experiencia de Deus. Unha experiencia da que pouco a pouco se foran afastando. E este afastamento non producira ledicia e entusiasmo, senón todo o contrario: bágoas, tristura e desacougo. A pesar disto, o profeta, non se desalenta diante desta situación, senón que, convencido de que a súa presenza e a súa palabra traen de novo a experiencia de Deus á vida do pobo, insiste unha e outra vez que sempre hai tempo, que nunca é tarde, que Deus non cansa de dar, unha e outra vez, oportunidades. As súas mans están sempre abertas a acoller, perdoar, e como el mesmo di, “enxugar as nosas bagoas”, esas bágoas que tantas veces nos teñen lembrado que o camiño polo que imos non nos axuda nada a ser mellores persoas, a actuar con honestidade, a sentírmonos felices… nunha palabra: a ter unha experiencia verdadeira e fondamente humana, e na que Deus está tamén presente para alentala. Só desde esta experiencia os nosos rostros poderán ser rostros de paz, felicidade e esperanza. Se Deus nolo pon diante dos ollos, por que poñemos tantas dificultades á hora de velo e seguilo?
● Poderemos dicir que esas dificultades nos superan, que non acadamos nin o xeito nin a forma de vencelas. Si, é verdade que o podemos dicir, pero, realmente somos sinceros ao dicilo? Non será que, como lle di Paulo aos filipenses, o que nos falta é estar convencidos que Xesús é o noso conforto, a nosa forza, a man amiga e tranquila sempre aberta. Terá que repetírnolo hoxe como ocorría con aquel grupo de cristiáns aos que se dirixía para mostrarlles a fondura do seguimento de Xesús? Estaremos dispostos a escoitalo e atender canto significa o que di? Para nós, existe o convencemento de que todo o podemos cando poñemos a nosa vida nas mans de Deus? Ou é que non podemos experimentalo porque en Deus non poñemos máis que as nosas recriminacións cando as cousas non saen como nós queriamos, inda que sabemos que ese non saír non é máis ca froito do noso propio egoísmo e do individualismo, que nos fan pensar só en nós, relegando aos demais aos terceiros, cuartos ou quintos lugares?
● Se non estamos convencidos de que só poñendo o que somos e facemos en Cristo atoparemos conforto, dificilmente seremos capaces de experimentar o que significa que, quen nos conforta, non nos pecha as súas portas, senón que nolas abre e nos invita a pasar. A voda da que se nos fala, non é dispendio e gasto, senón ilusión para vivir, forza no desalento e protagonismo á hora de construír, alí onde esteamos, o Reino de Deus. Un Reino ao que temos que poñer, cada un de nós, expresión co que facemos e desde as razóns polas que actuamos dun determinado xeito, inda que supoña ir contracorrente, por estar convencidos de que así seremos felices, atoparémonos contentos e a gusto co que facemos e non sentiremos vergoña, a pesar de que outros, moitas veces a maioría, non o entendan ou se rían de nós. Entrar como convidados á voda non é pasar e comer, senón sentírmonos acollidos por quen nos invita, pero tamén comprometidos e agradecidos por esa invitación. E claro, diante diso, non debemos esquecer que non podemos ir de calquera xeito, necesitamos poñer da nosa parte o mellor dos traxes: esforzo, ganas, ilusión… sinceridade co que dicimos e facemos, porque, de non ser así, corremos o risco de que nos digan que alí non está o noso sitio, que trabucamos de camiño. E iso é así porque as cousas non caen do ceo, senón que piden de nós resposta. E non hai mellor resposta que crer e estar convencido do que facemos, sen enganar a ninguén, pero tampouco sen enganarnos a nós. O autoengano é a máis grande das tristuras e frustracións. De verdade que queremos estrar no banquete de voda? Se é así, preparémonos para non desentoar unha vez que entremos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Oremos xuntos, sen medo e con confianza, a Aquel que nos invita a compartir hoxe a súa mesa, e digamos:
GRAZAS POR INVITARNOS AO TEU BANQUETE
● Grazas pola Igrexa, na que podemos vivir e celebrar a nosa fe coma unha festa de vodas que fai renacer a vida e a esperanza no corazón dun mundo desencantado,. OREMOS.
GRAZAS POR INVITARNOS AO TEU BANQUETE
● Para que na Igrexa valoremos sempre o traballo que día a día levan a cabo homes e mulleres empeñados en abrir as portas do convite a quen necesita ser escoitado, está enfermo ou pasa por un momento de especial dificultade, OREMOS.
GRAZAS POR INVITARNOS AO TEU BANQUETE
● Para que nas nosas comunidades cristiás saibamos distinguir as necesidades polas que están a pasar moitos dos nosos veciños e non nos limitemos a falar deles e criticalos, senón que deixando atrás prexuízos, saibamos estar ao seu lado, tendéndolle a man e ofrecéndolle o noso tempo para canto necesiten, OREMOS.
GRAZAS POR INVITARNOS AO TEU BANQUETE
● Grazas polo testemuño de vida de tantas e tantas persoas que, camiñando a carón nosa, son estímulo, forza e alento, lembrándonos de que outro mundo é posible, OREMOS.
GRAZAS POR INVITARNOS AO TEU BANQUETE
Grazas, Señor, por abrirnos as portas da túa casa e invitarnos ao convite. Que nos preparemos para participar del con ledicia. P.X.N.S.Amén.
PARA A REFLEXIÓN
A vós, que compartides o meu proxecto
e o levades a cabo.
A vós, que recibides a miña palabra e
a poñedes en práctica.
A vós, que vos xuntades no meu nome
evocando a miña presenza...
chámovos amigos.
A vós,que sodes fortes na vosa debilidade.
A vós, que vos mantedes firmes na opción evanxélica.
A vós, que progresades na fe posta en acción...
chámovos amigos.
A vós, dispostos a dar a cara,
a arrimar o ombreiro, a botar unha man,
a vós, con quen se pode contar de xeito incondicional...
chámovos amigos.
A vós, que afrontades a realidade intentando mellorala,
a vós, que non renunciades á utopía e camiñades cara a ela,
a vós, que lle dades unha oportunidade a un futuro mellor...
chámovos amigos.
A vós, que celebrades o que credes
e compartides o que tedes.
A vós na festa e xuntos na loita.
A vós, que tedes os meus sentimentos e o meu Espírito....
chámovos amigos.
Entrade ao meu banquete.
CANTOS
● ENTRADA: Pedras vivas
● LECTURAS: Veña o teu reino
● OFERTORIO: Traede para quen escoite
● COMUÑÓN: Quédate Señor connosco
Comentarios
Publicar un comentario