LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 30 Tpo.Ordinario (30/10/11)

DOMINGO XXX ORDINARIO  - CICLO A


Primeira Lectura     Ex 22, 20-26
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Se danades á viúva e  ao seu fillo, desatarase o meu noxo contra vós

            Así fala o Señor:
            Non aflixirás nin asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.
            Non oprimirás as viúvas nin os orfos. Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa. O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.
            Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo,  ao pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses. Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo, pois é o vestido que ten para cubrir o seu corpo. Con que, se non, se taparía  ao deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL     Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab

R/.  (2):  Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.

Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.

Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.

Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá  ao rei grandes vitorias
e mostra misericordia  ao seu unxido.

Segunda Lectura     1 Tes 1, 5c-10
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Convertéstesvos dos ídolos para servir a Deus e esperar o seu Fillo

            Irmáns:
            Ben sabedes como foi a nosa actuación entre vós para o voso ben. E vós seguistes o noso exemplo e o do Señor e, aínda que houbo tantas dificultades, acollestes a mensaxe coa alegría do Espírito Santo, ata chegardes a ser exemplo para todos os crentes da Macedonia e da Acaia.
            Pois, partindo de vós, resoou a palabra do Señor non só na Macedonia e na Acaia, senón que a vosa fe en Deus resoou por todas as partes, de xeito que non precisamos falar cousa.
            Eles mesmos contan cal foi a acollida que nos destes e como vos convertestes dos ídolos para servir o Deus vivo e verdadeiro, e para agardar desde o ceo o seu Fillo, a quen resucitou de entre os mortos, Xesús, quen nos libra da ira vindeira.

                        Palabra do Señor                              
                        R/. Grazas a Deus
                       

ALELUIA      1 Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama, gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.

Evanxeo     Mt 22, 34-40
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Amarás o Señor teu Deus e o teu próximo coma a ti mesmo

            Naquel tempo,  ao se decataren os fariseos de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse onda el, e un deles, doutor da lei, preguntoulle para poñelo a proba:
            - Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?
            El respondeulle:
            - Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu entendemento; este é o mandamen­to grande e primeiro. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.

                        Palabra do Señor                             
                       R/- Loámoste, Cristo



ORACIÓN DO DOMUND 2011

Señor,
confiamos na túa palabra,
abrimos o noso corazón á túa mensaxe misioneira
e suplicámoste coa forza da fe recibida.

Que a nosa diocese e a nosa comunidade cristiá
sexan misioneiras e rexeiten a tentación
de pecharse en si mesmas.

Que as Igrexas nacentes na misión
cooperen con outras máis necesitadas
e dean desde a súa pobreza.

Que a mocidade, os enfermos
e as persoas consagradas
participen no compromiso misioneiro.

Que os chamados á vocación misioneira
respondan a ela con xenerosidade.

Que os bautizados participemos
nas actividades misioneiras da Igrexa
como responsables do teu envío.

Pedímoscho con María, raíña das Misións. 
Amén.


ASÍ VOS ENVÍO EU
(XORNADA DO DOMUND)

PÓRTICO
Bos días. A Igrexa, baixo o lema “así vos envío eu”, celebra hoxe a xornada mundial das misións, o DOMUND. É un bo día para que tomemos conciencia da nosa tarefa evanxelizadora, que non é máis que concretar no aquí e no agora de onde estamos as palabras que Xesús nos dirixe no evanxeo: o mandamento principal é o amor. É este un reto que nos implica a todos, todo e sempre. A TODOS: pois a Igrexa enteira, xerarquía, relixiosos e segrares, estamos chamados a ser axentes evanxelizadores. Ningunha persoa crente pode sentirse estraña a esta responsabilidade. TODO: Porque nada queda fóra do ámbito misioneiro: o que está lonxe e o que está preto; os países en vía de desenvolvemento e empobrecidos e os grandes núcleos urbanos dos países ricos, nos que Deus é un descoñecido, é ignorado ou está excluído; os nenos que se inician na vida e as persoas adultas que buscan o sentido da a súa existencia. SEMPRE: porque a misión afecta a toda a humanidade en todas as súas dimensións, e non está limitada por tempo nin espazo... senón que chega ata a plenitude dos tempos.

E todo isto, por que?. Pois para facer realidade o mandado do Señor: ide e anunciade a boa nova: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós. Que a celebración que agora comezamos nos faga sentir máis cerca, co corazón e coa vida, de aquelas persoas que precisan o pan quente da nosa solidariedade integral e que só desde o primeiro mundo lles podemos ofrecer.


O PERDÓN
        Porque co noso xeito de vida consumista e materialista somos cómplices dun mundo no que as desigualdades sociais e económicas abren unha fenda cada vez máis grande entre as persoas, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
        Por ter renunciado a ser testemuñas do teu amor diante de quen se sente so, desprezado, utilizado ou desesperanzado, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
        Porque son demasiadas as veces nas que na nosa Igrexa empreñamos do aire, reducindo a fe a unha cuestión cultual e evitando o compromiso co mundo e no mundo, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

REMUÍÑO
        A Palabra que vimos de proclamar, concretamente o evanxeo, pode dicirse que o coñecemos desde pequenos, cando aprendiamos a coro os mandamentos nas filas da catequese (aínda que daquela chamábase catecismo), cando repetiamos: “Estes dez mandamentos encérranse en dous: amarás a Deus sobre todas as cousas e ao próximo coma a ti mesmo”. E quizás de aí provén o noso mal: somos capaces de lembrar e de saber... pero non somos capaces de vivir. Se se tratase de pasar un exame, poderiamos dicir que todos coñecemos as grandes liñas do cristianismo e o xeito de comportarnos como tal. Somos uns grandes teóricos mais iso non chega; non chega con dicir: temos que facer, a fe non é un desexo, senón facer amando. Velaí o cerne da cuestión: trátase simple e sinxelamente de AMAR. AMAR A DEUS, poñer a nosa vida nas súas mans de Pai - Nai, confiar nel, esperar nel, contar con El.... El que nos crea e que sostén a nosa vida, que se fai compañeiro de camiño, caxato nas nosas andainas, auga fresca nos nosos resecos, pan quente nas nosas fames, colo agarimoso nos nosos desenganos, man que enxuga as nosas bágoas.... e, como expresión deste amor de Deus..... AMAR AO PRÓXIMO coma a nós mesmos. O amor de Deus é o fundamento, pero só se pode fundamentar o amor practicado e realizado. Xesús, onte e hoxe, quere que non empreñemos do aire, que non andemos na póla, que aterremos na vida e no mundo. Xa está ben de tanto “boísimo” e de tanta “falsa piedade” que non fan máis que esconder a nosa mediocridade, a nosa falla de compromiso, a nosa preguiza, a nosa frustración... sen dar cabida á caridade, á xustiza, á solidariedade e á búsquea do ben común. Non se pode amar a Deus cando se lle fai imposible a vida aos demais. Non se ama a Deus cando non se move un dedo para dignificar a vida de todas as persoas. O amor ao próximo: ese será o termómetro que nos indique se amamos e en que medida amamos a Deus.

        Hoxe tamén, e se cadra máis ca nunca, son demasiadas as persoas que imos marxinando para aproveitarnos delas e da súa debilidade. Ás veces é no terreo económico, outras no cultural, outras no laboral, se cadra outras no relixioso ou no afectivo, mesmo tentando de pensar e mandar sobre elos.... pero sempre pagan uns cantos a usura, a preguiza e a ambición doutros. A dignidade da persoa queda entón humillada, e Deus toma como cousa propia esta humillación. Nunca está de máis que tamén aos “cristiáns bos” se nos lembre que o amor é unha mensaxe vella e sempre nova e que os exemplos que aparecen na primeira lectura seguen a ter actualidade: o desamparo de tantas e tantas mulleres maltratadas, obrigadas a prostituírse ou silenciadas; o aproveitamento dos inmigrantes coma man de obra barata; o enriquecemento de uns a costa do empobrecemento dos máis pobres; a explotación de tantos e tantos inocentes, a marxinación, a soidade e o silencio ao que se vén abocados tantos maiores.... A ameaza de Deus é forte: “se se queixan a min, escoitareinos, porque eu son misericordioso”.

        Hoxe, no día do DOMUND, somos invitados a botar unha ollada ao noso mundo e a traballar para que xustiza, igualdade e desenvolvemento deixen de ser unha utopía e pasen a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención para que nós, cidadáns do primeiro mundo, deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir “pobriños” e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza. Porque o amor só é posible entre irmáns e irmás. Entre desiguais pode darse a piedade, a beneficencia, a dependencia, o sometemento, a imposición do noso... e a isto non lle podemos chamar nunca amor. E nós, que levamos inscrito no noso corazón o “xene” do amor, temos que descubrir que este é unha alegación ineludible a favor da igualdade entre persoas e pobos e en contra de toda discriminación, acepción de persoas ou xerarquización de seres humanos. Porque El nos envía, estamos chamados a facer realidade a tarefa deste envío que Xesús nos encomendou cando nos dixo: “Ide e anunciade”.Todos, entón, somos enviados, non só quen deixa a súa terra, a súa casa ou as comodidades do noso primeiro mundo. Non o esquezamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus quérenos e sabe ben o que precisamos cada un e cada unha de nós. Agradecidos e confiados, abrímoslle o noso corazón para dicirlle:

QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR

        Polos bispos, curas, diáconos e axentes de pastoral, para que coiden sempre a formación integral e misioneira da Igrexa, espertando nela o envío á misión, OREMOS.

QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR

        Polos misioneiros e misioneiras esparexidos por todo o mundo, para que o amor a Deus e ás persoas sexa sempre a forza e o único criterio das súas actividades, OREMOS.

QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR

        Polas nosas comunidades, para que sexan verdadeiramente misioneiras, levando a todas as persoas, e dun xeito especial ás máis afastadas e marxinadas, a tenrura, a atención, a acollida, a compaixón e a dispoñibilidade que Deus nos pide, OREMOS.

QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR

        Por cada un e cada unha de nós, para que nunca renunciemos á nosa misión de traballar a prol da dignificación de todas as persoas, erguendo a nosa voz para que se respecten sempre e en todo lugar os seus dereitos, OREMOS.

QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR

Acolle na túa misericordia a oración que che presentamos para que coa nosa vida sexamos quen de manifestar a Boa Nova do evanxeo. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Cantamos todos xuntos a terceira estrofa do canto “Amigos nas penas” como expresión do noso compromiso misioneiro.
Amigos nas penas e na festa amigos;
amigos por sempre querémolo ser (bis).

IDE POLO MUNDO ENTEIRO
ANUNCIANDO O QUE EU VOS DIXEN (bis).
EU SON A VOZ DOS QUE ELIXEN
SER DE CRISTO COMPAÑEIRO (bis).

Amigos nas penas e na festa amigos;
amigos por sempre querémolo ser (bis).


CANTOS
        ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
        LECTURAS: Ide e pregoade
        OFERTORIO: Todos xuntos
        COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Publicacións populares