LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 29 Tpo.Ordinario (16/10/11)
DOMINGO XXIX ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 45, 1. 4-6
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Collín a man dereita de Ciro para someter ante si os pobos
Así fala o Señor acerca do seu unxido,
Ciro, a quen el colleu da man dereita:
el someterá ante si os pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis.
El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.
Por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.
Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.
Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.
Ameite, aínda que non me coñecías,
para que se saiba desde o nacente ao solpor que non hai cousa sen min.
Eu son o Señor e non hai outro.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c
R/. (7b): Tributade ao Señor honor e forza.
Cantádelle ao Señor un cántico novo,
cantádelle ao Señor, a terra enteira;
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.
Grande é o Señor e digno de loanza,
máis temible ca todos os deuses.
Os deuses todos das nacións son aparencia,
pero o Señor fixo os ceos.
Tributade ao Señor, pobos todos,
tributade ao Señor honor e forza,
tributade ao Señor a gloria do seu nome.
Collede ofrendas e entrade nos seus adros.
Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presenza a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".
Segunda Lectura 1 Tes 1, 1-5b
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Facemos memoria da vosa fe e da caridade e da esperanza
Paulo, Silvano e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións. Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Filp 2, 15d. 16a
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Reluciredes coma fachos no universo,
presentando a palabra de vida.
Aleluia.
Evanxeo Mt 22, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dádelle ao Cesar o que é do Cesar, e a Deus o que é de Deus
Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
‑ Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinas o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo ao Cesar ou non?
Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
‑ Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.
Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
‑ De quen é esta imaxe e mais a inscrición?
Contestáronlle:
‑ Do César.
Entón replicoulles:
‑ Pois logo dádelle ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ORACIÓN DA ALBORADA
O día está petando á nosa porta
e de pé nos encontra para abrirlle
e darche paso a ti, Deus, que madrugas,
Luz dunha aurora que non ten declive.
Que a noite coa súa tebra leve o vello
e arrinque o egoísmo que aínda impide
gozar da túa compaña e contemplarte
no rostro humano co que te revistes.
Afina a nosa fe para buscarte,
mantén firme a esperanza para seguirte,
amosa o teu camiño para atoparte,
aviva o noso amor para servirte.
Co mundo que esperta e espalece,
bo día che dicimos, Deus, que vives,
bo día che cantamos, Deus amante,
con toda a creación que redimiches.
CANDO A NOSA INCOHERENCIA NOS SACA AS CORES, NON QUEDA ESPAZO PARA COMENENCIAS
Pórtico
Tense acusado moitas veces aos que forman a xerarquía (parte da Igrexa pero non toda a Igrexa), de facer política e de meterse a lexislar cando eles non foron elixidos polo pobo, e polo tanto non lles corresponde. E isto moitas veces ten ocorrido así, pero non sempre. Noutras ocasións a voz da xerarquía ergueuse/erguese para denunciar inxustizas de gobernantes e poderosos, abusos de poder, corrupción, engano... e non para gobernar por eles ou ocupar o seu lugar, senón para poñer de manifesto que a fe non son só palabras sen incidencia na vida, senón que é esforzo, compromiso e loita para facer un mundo máis amigable e xusto:un mundo humano. E cando actitudes e valores que nos falan de respecto, igualdade, xustiza, ben común, participación solidariedade, caridade política... nin se respectan nin están na base do xeito de gobernar, é necesario denuncialas, erguer a voz –calar sería ser cómplices– contra estas situacións. A isto non se lle pode chamar facer política partidista, senón Evanxeo. O Evanxeo que non reúne aquí esta mañá e nos invita a participar desta celebración que agora comeza.
Perdón
● Por xustificar abusos e calar diante de inxustizas, SEÑOR, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.
● Por favorecer comportamentos e actitudes de prepotencia, soberbia e desigualdade, CRISTO, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.
● Por participar de situacións que defenden, oprimen e silencian a quen abusa da súa situación de poder e superioridade, SEÑOR, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.
Remuíño
● Temos escoitado moitas veces dicir nos medios de comunicación aos políticos, dun e doutro ámbito ideolóxico, segundo lles conveña ou non o que os bispos din, que estes non teñen que falar de política, que o seu é falar das cousas espirituais: liturxia, oración, novenas, procesións... pero que non deben tratar de cuestións que teñen que ver co que eles chaman a política. Ben, iso dito dese xeito e sen engadir nada máis non é de todo certo; e non o é porque se queremos que a oración dos cristiáns sexa verdadeira, fiel á mensaxe de Xesús e enraizada no que lle pasa aos homes e mulleres da nosa sociedade, ten que partir do que se vive e da situación política, cultural, económica... do momento. E por que? Porque todo aquilo que lle pasa ás persoas, ten que ser tamén preocupación para aqueles que se chaman seguidores de Xesús, pastores e non pastores. E se nun determinado momento, non buscando rendibilidade para ningún partido político concreto, é necesario denunciar comportamentos corruptos, engano aos cidadáns, falta de respecto á dignidade das persoas ou non respecto dos dereitos humanos, non só deben falar e denunciar esas cuestións, senón que facelo convértese nunha esixencia da súa propia fe e do mesmo ministerio episcopal. Non dicimos que son pastores? Non afirmamos que deben preocuparse do que pase e lle pasa aos fieis? Logo, non poden calar cando valores fundamentais que emanan do Evanxeo son suprimidos ou non son respectados. E aí dirixe Xesús as súas palabras no Evanxeo de hoxe. “Dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus”, supón e esixe que sen pretender nin os bispos xogar a políticos nin os políticos xogar a bispos, que as leis e o xeito de gobernar non poden ter máis centro, obxectivo e razón de ser que a defensa da persoa e da súa dignidade. Cando isto, e non só nas ditaduras, non é posible, a voz dos bispos, tamén a dos demais cristiáns, ha erguerse para que o silencio non dea por boas inxustizas, mentiras, enganos e canto se opón a esa centralidade e respecto que en todo e sobre todo merece a persoa.
● A Moral Social, e dentro dela a Doutrina Social da Igrexa, teñen este cometido de esforzarse por desentrañar a dimensión social da fe, para evitar que esta se reduza a ser un narcótico que infantiliza, xustifica ou se alía cos que mandan e teñen poder. O concilio Vaticano II, nunha das súas constitucións –documentos máis importantes– a Gaudium et Spes, busca que o diálogo da Igrexa co mundo non sexa un diálogo que mira para outro lado diante dos problemas e dificultades da sociedade, senón que chama a todos os que nos dicimos crentes –Pobo de Deus– a non calar cando a persoa non sexa cerne do que acaece; chama a aprender a descubrir e comprender os signos dos tempos e a superar unha ética individualista e pechada sobre un mesmo, para camiñar na busca dunha ética comunitaria que se asente no ben común, a participación, a solidariedade e o amor como único xeito de poder constituír sociedades xustas e ao servizo de todos. Non se fai política –entendida esta como de facer as cousas dun partido- cando se alza a voz para denunciar o que non vai ben, chamando a non permitilo, senón Evanxeo; evitando así confundir a Deus co César. É necesario que canto se ofrece a Deus se faga desde o coidado de canto El creou. E de todo o que fixo, non esquezamos, somos os seres humanos, feitos á súa “imaxe e semellanza” o máis importante. Deste xeito iremos avanzando para que a fe, o amor e a esperanza estean sempre ao servizo de Deus desde o amor e o respecto ás persoas, por riba da súa condición social, económica, política, racial, cultural ou relixiosa. Non se fai política de partido, ou polo menos non debera facerse, pero si que canto ocorre ao noso redor ten que ocuparnos e preocuparnos. Non será aos bispos, senón aos segrares a quen lle corresponderá, entón, a través e por medio da súa presenza en partidos, sindicatos, movementos, asociacións... que eles consideren que defenden mellor dereitos e dignidade das persoas, os que traballen para que os grandes principios da mensaxe de Xesús se vaian concretando no acontecer político de cada país. facendo posible que Deus e César estean sempre ao servizo do ser humano.
Oración da comunidade
Compartimos agora a nosa oración diante do Deus que nos quere libres, xustos e iguais e dicimos:
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
● Para que na Igrexa traballemos sempre sen medo nin vergoña por defender a dignidade de todas as persoas, principalmente das que senten ameazadas os seus dereitos como cidadáns dun mundo que creaches para todos, OREMOS.
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
● Para que nas nosas parroquias saibamos sementar canto une e supón traballo a favor de todos, especialmente dos que teñen menos e se valen peor, OREMOS
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
● Para que nós, que levamos con alegría e honra o nome de cristiáns e cristiás, non calemos nunca cando valores e dereitos que dignifican e fan medrar á persoa sexan suprimidos e recortados, OREMOS.
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
Señor, acolle, anima e alenta esta nosa oración comunitaria. P.X.N.S.Amén.
Para a reflexión
Cremos posible unha Igrexa onde a autoridade
reside na Comunidade como opción do Espírito;
con sentido de subsidiariedade e participación
e na que todos e todas participamos na toma de decisións.
Cremos posible unha Igrexa onde a Natureza
se recrea, se transforma , se valora se goza,
porque ela é a "Casa común".
Cremos posible unha Igrexa ecuménica,
onde a diversidade de Igrexas e de relixións
poidan entrar en diálogo recíproco e respectuoso,
sabéndonos unidade na diversidade.
Cremos posible unha Igrexa de iguais,
onde todos e todas somos acollidos e participamos,
onde todos os agora excluídos
sexan totalmente recoñecidos e recoñecidas.
Creemos posible unha Igrexa onde a realidade social e a Historia
nos interpelan e nos demandan un compromiso firme
na defensa dos Dereitos Humanos, a xustiza e a solidariedade.
Cremos posible unha Igrexa onde a Revelación de Deus
está inculturada no hoxe dos Pobos .
Onde todas e todos poidan expresar o seu rostro,
recoñecendo e celebrando a diversidade.
Cremos posible unha Igrexa onde os ministerios
son expresión de servizo ás comunidades
e son exercidos por homes e mulleres en igualdade,
sen discriminación polo seu estado de vida.
Con e entre os Pobres da terra,
por todas as xeografías, culturas e linguas,
anunciando ao Xesús do Evanxeo, fillo de María,
muller do Pobo, memoria e expresión viva da Trindade.
(Da corrente "Somos Iglesia" de España. 2000.)
Cantos
● ENTRADA: Vinde axiña
● LECTURAS: Aclama ao Señor terra enteira, aleluia
● OFERTORIO: O amor é o meirande
● COMUÑÓN: Ide e pregoade
Comentarios
Publicar un comentario