Domingo 27º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Viño gratis pra beber e vivir-Domingo XXVII T. O.
4 outubro 2026
As lecturas deste domingo casan ben coas tarefas que se
están a realizar nestes días ou que xa remataron na nosa terra neste fermoso
tempo da vendima. Un traballo e unha recolleita, que precisa esforzo e
dedicación, mais que se fai con ilusión festiva, porque os acios recolleitos e
o viño que deles sairá servirán para alegrar o corazón e crear comensalía e
fraternidade.Nada estraño que Xesús botase man moitas veces da comparanza do
seu Reino co cultivo da viña e co traballo da recolleita da uva. Á fin e ó cabo
asnosas eucaristías están construídas tamén arredor do viño, que pola
celebración sacramental se converte no Xesús que dá a súa vida por nós,
converténdonos así en certo modo no que el mesmo é.
Agora ben, no centro do texto do evanxeo de hoxe non están,
coma no domingo anterior, os traballadores en paro que o dono da viña convida a
traballar. Os protagonistas son esta vez dunha categoría algo superior. Non son
traballadores ocasionais ou -digamos- sen papeis, senón estábeis. Son os que o
propietario contratara como rendeiros para coidaren día tras día a súa viña ata
que el volvese dunha longa viaxe. Tanto tempo levaban no seu cargofacendo
sempre o mesmo e sen que ninguén lles pedise contas, que chegarían a pensar que
a viña e canto alí ocorría era cousa deles e para eles.
Unha vez máis, nesta parábola dirixida tamén como a do
anterior domingo aos sacerdotes e aos anciáns do pobo, volve Xesús insistir en
que ninguén, por relixioso e bo que se considere, ten a propiedade ou a
exclusiva da relixiosidade. Isto vale tanto en relación coa relixión oficial
xudía do tempo de Xesús como en relación con calquera outra relixión. Tamén coa
nosa fe cristiá.Os únicos propietarios da viña, das vides ou da terra que as
sostén é Deus Pai e o seu Fillo, mandado por el para estar connosco e aprendernos
o verdadeiro xeito de comportarnos na vida. Sacerdotes, relixiosos, párrocos,
bispos ou mesmo o bispo de Roma e Sumo Pontífice non somos máis ca
traballadores na viña de Deusneste mundo. Encargados, xa que logo e a distintos
niveis de responsabilidade de coidarunha viña que non é nosa, senón de aquel
que a pon nas nosas mans para o ben do mundo.
Por iso, se no anterior domingo se lles dicía ós xefes
relixiosos xudeus que os por eles tan desprezados “recadadores de impostos e
prostitutas” entrarían antes ca eles no
Reino de Deus, algo semellante ocorre hoxe cos contratados polo dono da viña para
coidaren dela. Na medida en que nos comportemos como donos da viña sen o ser en
realidade, considerándonos con dereito exclusivo para decidir quen pode ou non
entrar nela, caemosbaixo a mesma condena: “A eses malvados faraos morrer de
mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros”. De aquí que cantos temos
algún cargo ou responsabilidade no seo da igrexa, ou sexa, no ámbito das nosas
comunidades cristiás, deberemos xa que logo comportarnos como “bos
administradores dos bens de Deus” e non como propietarios.
Sabedes ben que na igrexa, a comunidade dos crentes en
Xesús, nos atopamos hoxe en día, aínda que tamén o foi así noutros tempos
doutras maneiras, con dificultades e problemas de moi diversa orixe. En
calquera caso, esta viña do Señor debería abrir cada vez máis as portas e os
valados para que calquera persoa poida degustar o saboroso e reconfortante dos
acios e do viño que Deus regala á humanidade. A igrexa nunca debería considerarse
a si mesma como finca particular ou coma coto privado nos que só poden entrar
os que pensan ou pensamos pertencer a ela. O anteriorpapa Francisco formulouno
deste xeito: “A miúdo nos comportamos como controladores da graza e non coma
facilitadores. Mais a Igrexa non é unha aduana. É a casa paterna onde hai lugar
para cada un coa súa vida a costas”.
Así, pois, do mesmo xeito que Xesús foi -tal e como se nos
di no texto do evanxeo- “a pedra que desbotaron os canteiros, mais que agora se
converteu en esquinal”, así tamén os desprezados, os pobres, os aparentemente
pouco relixiosos ou indignos deberían converterse en “esquinal”, é dicir, en
pedra básica e decisiva na construción desa igrexa ou “reino de Deus” que Deus
quere construír e está xa a construír connosco. Desta
apertura da igrexa a todos parece falarnos na segunda Lectura o apóstolo Paulo
cando escribía na súa carta ós Filipenses: “Meus irmáns, todo o que sexa
verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimábel, o
que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loábel que haxa, iso é o que
debedes apreciar”.Non podemos dubidar de que hai moitas persoas, ben coñecidas quizais
por vós onde queira que vivades ou vos movedes, que son -tal e como nos di
Paulo- xustas, honestas, posuidoras de virtudes e outros dons de Deus. Todos
eles pertencen de feito á viña do Señor, aínda que quizais eles mesmos non o
saiban ou non o saibamos nós. Aprendamos a escoitalos, a aprecialos e a amalos.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4



Comentarios
Publicar un comentario