LECTIO:
Tempo de Santos-domingo
1 novembro 2026
Comezamos hoxe o mes de santos, tal e como chamamos tamén o
mes de novembro. A razón é ben clara: este mes empeza sempre coa festividade de
tódolos “santos”. Son, pois, estes santos que hoxe celebramos os que lle dan
nome ao mes no que, ademais, mañá faremos tamén lembranza de tódolos defuntos. Poderiamos
dicir que hoxe e mañá santos e defuntiños andan mesturados en boa compaña. É bo
que así sexa, porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois
de finaren e, por outro lado, deberiamos esperar tamén que tódolos defuntos
sexan aceptados por Deus Pai como queridos fillos seus e participantes na mesa
do seu reino.Lembramos hoxe, pois, os nosos santos, os “normais”, os de andar
por casa, máis ca os oficial ou solemnemente considerados como tales e mañá
lembraremos os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e
seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa.
Moitas lendas e imaxinarios da Galiza tradicional teñen que
ver con isto. Aí está, por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes
días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a
irlandesa: candeas e cabazas, que lembran as caveiras dos defuntos; magostos
coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están
tradicionalmente relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos.Coido
que está ben que anden xuntos no noso imaxinario santos e defuntos, porque en
realidade os santos só chegan a selo de maneira definitiva tralo seu pasamento.
As dúas festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos están así
-como vedes- moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o
amor, que Deus Pai-Nai nos ten, sexa quen de facer que a salvación que nos trae
Xesús afecte a todos. Baseándonos sobre todo na bondade deste Deus paternal-maternal.
Os teólogos fálannos por iso da vontade salvífica de Deus, suficientemente
poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación non remate
nun fracaso.
Por estas e outras razóns, celebramos hoxe nunha festividade
conxunta e especial, “tódolos santos”, tódalas persoas que en moi diversos
tempos, lugares e culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que
puidesen ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa vida.
Persoas que foron pecadoras, mais que recoñeceron ante os demais e ante Deus
que así foron e por iso pediron perdón. Pois Deus é quen de nos salvar a pesar
dos nosos pecados. E se Deus nos salva así, teriamos tamén dereito a esperar
que algún día sexamos tamén nós celebrados nodía de “Tódolos Santos” que se
celebren tras nós deixarmos este mundo.
Dito isto, cómpre lembrar que Xoán nos fala no Apocalipse
dunha “multitude inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas,
pobos e linguas”. Algo que semella corresponderse con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta
en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade
toda está reconciliada e “santificada”. Deus non veu en Xesús salvar
algúns, senón todos. Esta nosa fe na “inmensa multitude” de “santos”, de xente
“boa”, de “corazón limpo”, “pobres,
“amadores da paz” etc., cos que nos atopamos na vida. Baseándonos
fundamentalmente na grandeza, magnanimidade e bondade dun Deus Pai-Nai de
todos. Xoán non dubida en formular na segunda Lectura estas palabras: “Mirade
que amor nos tivo o Pai, para nos poder chamar
fillos de Deus e selo de verdade”. E engade aínda: “Agora somos fillos de Deus e aínda non se manifestou o que seremos.
Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes
a El, porque o veremos tal como é”.
Deus amósase así meirande ca canto podemos maxinar. En realidade, podemos pensar nalgún pai ou nai que, se a
cousa estivese na súa man, non convertese os seus fillos nos máis grandes, nos
máis felices, nos máis ditosos, nos máis excelentes?Deus quere e busca a nosa
“santidade”conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de entrada nos
poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Para Xesús a felicidade só
se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que
sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o
estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades que
se nos anuncian hoxe no evanxeo e que non son senón un retrato do que foi a
vida de Xesús.
Dísenosnelas que serán benaventurados, é dicir, felices, os
que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en comuñón cos que están
aflixidos, os que non se comportan con violencia por moito que esta os tente,
os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e
mais pola paz. Aínda que por iso sexan denunciados e
perseguidos polos poderosos, os que teñen coma Xesús corazón misericordioso e
non vingativo ou condenador.Todos eles acadarán felicidade no interior de si
mesmos e serán tamén capaces de espallala ó seu arredor.Hoxe é, pois, un bo día
para lle pregar a Deus Pai de todos que nos encha do espírito das
benaventuranzas e que a lembranza viva de tódolos santos e defuntos sirva para
que poidamos todos participar, eles e nós, da súa graza e da súa gloria.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:




Comentarios
Publicar un comentario