Domingo 30º do Tpo. Ordinario - ciclo A

 Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Amor cerne de todo-Domingo XXX Ordinario

25 outubro 2026

         Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus-Pai. Canto el nos di ou comenta non é senón o que Deus Pai, pai seu e pai noso, nos quere comunicar.

         “Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”. Tal é a pregunta que lle fai a Xesús un doutor da lei de entre os fariseos. Pregunta en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, quen nos deu vida e a sostén. Querendo ademais que esa vida perdure por toda unha eternidade. Deus non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se nos creou é porque nos quere, porque desexa facernos partícipes da súa vida e do seu amor. Deberiamos agradecerllo e amalo. Iso si. Xesús vai insistir na súa resposta en que ese amor a Deus terá que realizarse “con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento”. É unha maneira de nos dicir que o noso amor a Deus non debería ter límite ningún,pese á nosa humana limitación. E  para que ese amor se realice precisamos desta vida e dunha eternidade.

         Mais Xesús irá, na súa resposta, alén da pregunta formulada polo doutor da lei, pois quere darlles a entender aos seus interrogadores que as cousas referentes a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que el é o “Deus connosco”. Dende que Xesús é o Deus encarnado, o Deus que se fai compañeiro e irmán. O Deus do Antigo Testamento é agora un Deus humanizado, un Deusque lles dá unha importancia inconcibíbel a tódalas persoas, homes e mulleres de tódolos tempos e culturas.        Desde este novo punto de vista non é xa abondo con dicir simplemente que amar a Deus é o primeiro mandamento. Pois hai que engadir de contado que hai outro segundo mandamento que, se non se practica, o cumprimento do primeiro non resulta suficiente. Por iso dirásenos que o segundo mandamento é “semellante” ao primeiro. Un segundo mandamento de amplos horizontes e esixencias: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”.

         Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo todos en todo intre e en calquera circunstancia. Queremos e buscamos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o piso que nos protexan e defendan. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo. Sen que nolo mande ninguén. Se a cousa non fose así, dende hai moito tería xa desaparecido a humanidade.Pois ben, esa é a medida que nos pon Xesús para cumprirmos o segundo mandamento: amar os demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel  e doada de entender que sexa, non deixa de ser alta e esixente.Como vedes, o quererse a si mesmos, o “egoísmo” ben entendido, é algo que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ao próximo.

         Se alguén non se quere realmente a si mesmo, dificilmente será capaz de querer os demais ou o mesmo Deus.En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que na vida cristiá deberiamos ocuparnos de tres cousas esenciais, que teñen todas elas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Dende a infancia aprendemos, en relación coa Santísima Trindade, que hai “tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro”. Pois ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo semellante: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. Eses tres amores distintos son amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o único amor que debería presidir as nosas vidas.

         Vedes así como Xesús simplifica o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións dos xudeus do seu tempo a só a tres mandados: amar a Deus, amar o próximo e amarse a si mesmo. O último -amármonos a nós mesmos- resúltanos cousa doada. O problema está só no segundo mandamento, o de amar ó próximo, porque se o cumprimos cumpriremos xa tamén o primeiro. Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar -nada máis e nada menos- que 613 mandamentos. Dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Ademais tiñan todos eles o mesmo nivel de esixencia.

         De modo que podemos dicir que Xesús nos liberou verdadeiramente deste complicado mundo normativo antigo para centrármonos nunha soa dirección: no amor. En realidade, se, como proclamaba Xoán, Deus é “amor”, entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa ca o que o mesmo Deus Pai fai: amar. Amar o seu fillo e amarnos a todos nós.Unha tarefa tan inmensa que non se remata no curto proceso das nosas vidas. Precisa de toda unha eternidade. Aquela que Deus mesmo nos garante.

 

Manuel Cabada Castro

 

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).       Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).



 VER TAMÉN:





FICHAS A

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4

Comentarios

Publicacións populares